Arquivos da etiqueta: ferias ecológicas

Máis de 20 empresas eco apúntanse a Biocultura Madrid 2019

Biocultura Madrid 2018. Stand Craega
Stand do Craega en Biocultura Madrid 2018

Por cuarto ano consecutivo, o Craega estará en Biocultura Madrid. Considerada unha das feiras máis importantes do Estado, terá lugar entre o 7 e o 11 de novembro en Ifema. Con enorme interese para o sector, desta vez inscribíronse máis de 20 empresas certificadas.

Dirixida a profesionais e consumidores, a Asociación Vida Sana prevé a participación de 800 expositores e 74.500 visitantes. En paralelo, a organización preparou un intenso programa con máis de 400 actividades para que a 35ª edición de Biocultura Madrid sexa un éxito. O Craega promove dúas sesións de cociña en directo con produto ecolóxico certificado a cargo do chef monfortino Martín Mantilla. A primeira terá lugar o xoves 7 (15 h.) e a segunda o venres 8 (16 h.). Ámbalas dúas sesións se celebrarán na sala Show Cooking 1. 

O pavillón 10 de Ifema está reservado para máis de 18.000 referencias de produtos de alimentación ecolóxica. No recinto tamén haberá oco para produtos de hixiene e cosmética con ingredientes certificados. A moda sostible e todo o relacionado coa vivenda estará no pavillón 8.

No stand do Craega -o número 16- compartirán espazo 23 empresas: Biowak, Tés Paporroibo, Bodega Luz de Estrelas (Manuel Céspedes Rodríguez), Mieles Anta, Celtaverde, Algas La Patrona, Baronceli Agricultura Ecolóxica (Conservas do Támega), Cerveza Celebridade Galega (Cervexa Monte Rei), Jamones González, Producto de Aldea, Galician Brew, Galuriña, empanadas de algas, Gudi Eco Foods, BioAlacena (Mule System), Mirabel do Rosal / Alén do Val, The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica), Sovoral Apicultura Orgánica, Camoco Foods By Belgosuc, Bubela Artesá, Cervexa Toupiña (Kalinka Lagazós), Palacio de Oriente (Conservas Antonio Alonso SA), Milhulloa, Dona Cobiña (Cobideza Sociedade Cooperativa) e Arqueixal.

O Craega volve por vixésima vez a Biofach, feira líder de produtos eco

Stand do Craega en Biofach 2019

O sector eco galego xa quenta motores para Biofach 2020. A celebrar entre o 12 e o 15 de febreiro en Núremberg (Alemaña), o Craega contará por vixésima vez con stand propio. Considerada a feira líder mundial de produtos orgánicos, ofrece unha panorámica completa deste segmento, desde produción e certificación ata transformación e comercialización. Dirixido ao público profesional, o programa inclúe seminarios, workshops e conferencias sobre temas de actualidade.

Baixo o paraugas do Craega, compartirán stand -82 m2- sete empresas: Porto-Muíños, Toca Honey (Mieles Anta), Quescrem (Innolact), Eco González (Jamones González), Conservas Orbe, The Bio FactoryCoraçai e Orballo.

En funcionamento desde 1990, Biofach é a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Na última edición pasaron polo Messezentrum máis de 51.500 persoas (o 50% de procedencia internacional). Ademais de Alemaña, no top 5 de visitantes atópanse Italia, Austria, Francia e España. Nos 10 pavillóns habilitados para Biofach e Vivaness –o salón de cosmética natural-, déronse cita 3.273 expositores de 98 países. A de Núremberg inaugura o calendario de feiras do Craega para 2020.

O Craega desembarca en Organic Food Iberia con nove firmas eco

O eco galego pecha o calendario feiral do primeiro semestre coa súa participación en Organic Food Iberia. A celebrar en Ifema (Madrid) entre os días 6 e 7 de xuño, a convocatoria nace co obxectivo de converterse na referencia do sector en España e Portugal. Esta primeira edición é unha cita ineludible para as industrias especializadas en produtos agroalimentarios, bebidas e viños ecolóxicos.

No stand C614 -78 m²- estarán as nove empresas que se suman ao evento baixo o paraugas do CRAEGA: Toca (Mieles Anta), Porto-Muíños, Eco González (Jamones González), The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica), Coraçai, Casa Grande de Xanceda, Gudi Eco Foods (Eco Bracan S.L.), Galician Brew e Orballo. Ademais, dous representantes do Consello ocuparanse de informar aos visitantes tanto sobre a actividade da propia entidade como do que atinxe operadores inscritos.

De carácter internacional e dirixida exclusivamente ao público profesional, a organización prevé reunir a máis de 500 expositores entre Organic Food Iberia e o salón de cosmética e moda Eco Living Iberia. Coa que se celebra en Madrid a principos de xuño, o CRAEGA culmina un intenso primeiro semestre que levou o eco galego ata Alemaña (Biofach), Londres (NOPE), Milán (Tutto Food) e máis recentemente Barcelona (Biocultura).

ACTIVIDADES INTERECO. Durante os dous días de feira, Intereco (asociación sen ánimo de lucro da que forma parte o CRAEGA) organiza diferentes accións promocionais, de divulgación e formativas. Entre as máis destacadas atópanse as seguintes:

  • Mesa redonda sobre harmonización internacional de normas da produción ecolóxica. Desenvolverase o xoves 6 de xuño (sala 14.5, 16.30-18 h.). É recomendable reservar praza neste enlace.
  • Entrega de premios da Organic Food Iberia (xoves 6, de 19 a 20 h.).
  • Obradoiro técnico-práctico de etiquetado profesional. Organizado xunto coa Asociación Vida Sana e coa colaboración do Comité de Agricultura Ecolóxica de Comunidade de Madrid, terá lugar o venres 7 (Organic Theatre, de 15.25 a 16.15 h.).
  • Degustacións e charlas. Durante as dúas xornadas terán lugar diferentes actividades para catar os produtos no stand de Intereco (F700S).