fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O bo facer ecolóxico galego conquista Alemaña

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) volveu viaxar a Núremberg, tras o parón obrigado por mor da pandemia, xunto a preto dunha decena de operadores certificados, para asistir á 33.ª edición da Feira Internacional de Produtos Orgánicos Biofach, combinada con Vivaness (Feira Internacional do Coidado Persoal Natural e Orgánico), que se desenvolveu entre o martes 26 e o venres 29 de xullo no Exhibition Centre Nuremberg (Alemaña).

Nesta ocasión os embaixadores galegos ecolóxicos co selo do Craega foron Lacto Baltar, AviecoCamoco Foods, Connorsa, Refix, Conservas Ortiz, Mieles Anta e Porto-Muíños, ademais de Mariñeiras Daveiga, que asistiu con expositor propio.  

Bodegón dos produtos ecolóxicos galegos  no centro histórico de Núremberg

A PALABRA DO PRODUTOR

Os nove operadores amosáronse satisfeitos por volver encontrarse con produtores internacionais neste evento e intercambiar sinerxias, coñecer o labor doutros países, levar a produción galega eco fóra das nosas fronteiras… Nas súas propias palabras, Álvaro Pérez, xerente de Lacto Baltar, afirmou o seu interese na feira “por mostrar a súa liña ecolóxica para consumo directo e para o uso na elaboración de xeados”.  Íñigo Tena,  Export Manager de Connorsa, declarou que “Conservas del Noroeste presenta en Biofach a súa nova imaxe, máis moderna e atractiva, da marca Cabo de Peñas ecolóxica”; Ander Montalvo, Export Manager de Conservas Ortiz, incidiu en que “a marca busca dar a coñecer a súa gama ecolóxica nos mercados europeos”; pola súa banda, Laura Pérez, Export Manager de Mieles Anta, lembrou que “tras máis de quince anos asistindo a Biofach, Mieles Anta continúa representando o mel orgánico galego en Europa”; Raúl Anta, Founder de Refix, resaltou que “Refix, bebida natural alcalina, isotónica e de recuperación con 20 % de auga de mar de Galicia e 78 minerais, comeza a grande expansión por Europa coa presentación dos seus produtos en Biofach”; Gabriela Licett, delegada comercial de Camoco Foods, pensa que é “unha grande oportunidade para presentar a nosa liña orgánica destinada a fabricantes do sector bio” e, finalmente, Bibiana Canosa, Export Manager de Porto-Muíños, salienta que un ano máis volveron a Alemaña “coa nosa liña de produtos con algas e envases máis sostibles, tan demandados no momento actual”.

ENCONTRO CON  LUIS PLANAS, MINISTRO DE AGRICULTURA

Por terceiro ano consecutivo, a Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB), co apoio do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), organizou o pavillón agrupado español e ata alí se achegou o ministro, Luis Planas, quen tamén se reuniu co ministro federal de Alimentación e Agricultura, Cem Özdemir, para intercambiar opinións sobre asuntos de actualidade agroalimentaria.

Durante a visita, Planas puxo de relevo o carácter estratéxico do sector ecolóxico español e reiteroulles aos produtores o apoio do Goberno para aproveitar o seu gran potencial de crecemento nos vindeiros anos.

O ministro dirixiuse aos representantes das 104 empresas españolas, distribuídas en 11 pavillóns, aos que asegurou que a súa presenza nesta feira está “moi xustificada”, xa que Alemaña é o primeiro mercado para os alimentos ecolóxicos españois.

No seu percorrido polo pavillón, tamén se achegou ata os postos do Craega, nos que puido coñecer de preto o bo facer dos operadores ecolóxicos galegos.

BIOFACH&VIVANESS, REFERENTE MUNDIAL PARA O SECTOR

Este ano o tándem tan esperado composto por Biofach Vivaness celebrou o seu regreso cunha “edición de verán” única na que se rexistraron máis de 24.000 visitantes profesionais procedentes de 137 países. Aproveitando a oportunidade de intercambios persoais, redes e debates en profundidade sobre temas de actualidade, descubriron innovacións e tendencias e gozaron da experiencia dunha variada gama de produtos dos 2.276 expositores de 94 países, polo que tamén foi, sen dúbida, unha excelente oportunidade para difundir a produción galega certificada en ecolóxico.

PRÓXIMA CITA, FEBREIRO DE 2023

Este encontro volverá ao recinto ferial de Núremberg entre o 14 e o 17 de febreiro de 2023 e para esta edición a organización ten pensado afondar na pregunta “Agricultura ecolóxica, protección do clima e saúde: cal é a conexión entre un chan san e persoas sas?”, un enfoque temático que será desenvolvido conxuntamente por IFOAM-Organics International, BÖLW (Federación Alemá de Produtores de Alimentos Ecolóxicos) e Biofach.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.