A nova edición de Biocultura A Coruña celebrouse do 7 ao 9 de marzo en EXPOCoruña. Na inauguración da feira estiveron presentes, entre outras autoridades, Ángeles Parra, directora de Biocultura e presidenta da Asociación Vida Sana; Martín Alemparte, director da Agacal, e Francisco López Valladares, presidente do Craega. Os alimentos ecolóxicos certificados foron protagonistas durante toda a fin de semana.
“O futuro pasará pola sostibilidade si ou si” afirmou Ángeles Parra, directora de Biocultura e presidenta da Asociación Vida Sana, durante a inauguración. Logo do acto inaugural, as autoridades presentes percorreron todo o recinto e fixeron parada no stand do Craega e a Agacal, onde 27 operadores estiveron durante toda a fin de semana amosando as bondades dos seus produtos ecolóxicos certificados galegos. Foron Trasdeza Natur, Sovoral, Celtaverde, Jamones González, Conservas Couto Misto, Ecogalletas, Abella Meiga, Bubela Artesá, Portomuíños, Conservas do Támega (Terra de Baronceli), Galuriña, Maruxas de Nata, Milhulloa, Ovos Corazón de Galicia, Casa Grande de Xanceda, Tata Alimentos, Celebridade Galega, Daiquí, Verín Biocoop, Avilugo, Calabizo, Biobra, Arqueixal, A Horta da Sancoveiga, LeNatt Food, Aceites Figueiredo e Traloagro.
Nesta edición leváronse a cabo diversas actividades, ao redor de 150. O sábado 8, con motivo do Día Internacional da Muller, celebrouse unha mesa redonda de eco-empresarias, na cal participaron Carmen Sánchez (Galuriña), Lucía Afonso (Sovoral), Carmela Valiño (Milhulloa), Carmen González (Jamones González) e Isabelle Gómez (Traloagro). Rocío Freire, vicepresidenta do Consello, foi a encargada de moderar a mesa redonda.
Así mesmo, a Agacal ofreceu durante a fin de semana catas de deliciosos produtos ecolóxicos. O sábado pola tarde puidemos desfrutar, a maiores, dunha actuación musical de Pakolas, durante a actividade “A merenda de Ecoralia, a lambona ecolóxica”.
Este evento chegou á súa fin deixando unha moi boa sensación tanto para os nosos operadores coma para nós, con máis de 13.000 visitantes. Cada ano a agricultura ecolóxica chega máis lonxe e o número de persoas interesadas por elixir estes alimentos fronte aos convencionais e que apostan por este tipo de produción aumenta de xeito exponencial. Dende logo, estamos moi orgullosos de ver cada vez máis claro que o futuro é, indubidablemente, eco.
BIOCULTURA 2026
Despedímonos da 6.ª edición de Biocultura A Coruña ata o ano que vén. O Consello seguirá a apoiar os nosos produtores galegos para que dean a coñecer os marabillosos produtos cos que traballan. A produción ecolóxica continúa medrando en Galicia!