fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Xa é unha realidade, a Ternera Galega Suprema ecolóxica conquista Barcelona

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) estivo presente na nova edición de Alimentaria, a feira bianual de alimentación máis importante de España e referente a nivel internacional, que se celebrou en Barcelona esta semana. O martes día 19 o Consello presentou xunto coa IXP Ternera Gallega, e co apoio da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), a carne de Ternera Galega Suprema con certificado ecolóxico.
 

O Craega contou cun posto, situado dentro do stand da Consellería do Medio Rural (Agacal), onde expuxo produto ecolóxico certificado galego: unhas 20 empresas eco participaron cos seus produtos. 

A maiores, durante o transcurso deste encontro, o Consello presentou, xunto coa IXP Ternera Gallega, a carne certificada de Ternera Galega Suprema ecolóxica. Fíxose a través dunha demostración culinaria con degustación o martes 19, da man do chef Marco Varela, do restaurante Sábrego (Ribadavia, Ourense).

Cabe resaltar que este alimento, ademais de contar coa máxima calidade, ten o plus de que coida o entorno e conta con dobre certificación. Así pois, trátase dunha carne moi saborosa, nutritiva e, ademais, totalmente eco. Un dos obxectivos principais de levar a cabo esta iniciativa era a promoción desta carne en novos mercados, no marco dunha feira tan importante como é Alimentaria.

 

O presidente do Craega, Francisco López, incidiu en que “Ternera Gallega certifica que os animais están coas súas nais e toman o seu leite ata os sete meses e, pola súa parte, o Craega certifica que toda a alimentación e o benestar deses animais faise seguindo o regulamento europeo da agricultura ecolóxica”. 

José Luis Cabarcos, presidente da Agacal, explicou que este produto ten como principal valor a credibilidade dos consellos reguladores máis importantes, co cal, “a garantía é dobre, porque por unha banda estaría o Consello Regulador de Ternera Gallega, e por outro, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Así, súmanse ambas certificacións cun control máis específico e cunha garantía para o consumidor final que, sen dúbida, resalta nas súas características”.

Así pois, Jesús González, presidente da IXP Ternera Gallega, incidiu na importancia da dobre certificación: “Os consumidores no punto de venda van a poder identificar esta nova gama de produtos, xa que van ver unha etiqueta de cor verde na que constan os logos da Unión Europea, de Ternera Gallega e do Craega”.

“Mesturando a calidade que pode ter a Ternera Galega Suprema coa calidade que pode ter un produto ecolóxico, creo que se consegue a fusión perfecta”, concluíu o presidente do Craega ao respecto.

As sensacións, unha vez rematado o acto, foron moi positivas. Así pois, este produto, que é totalmente ecolóxico, saudable e respectuoso co medio e que conta cunha dobre certificación, arrasou en Alimentaria Barcelona.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.