AquaFuture Spain 2022 estréase en Silleda do 23 ao 25 de marzo

AquaFuture Spain’22 nace pensado como un punto de referencia para os profesionais do sector acuícola internacional, no que se poden actualizar sobre as últimas innovacións tecnolóxicas e estratexias do mercado, sempre baixo o enfoque da xestión sostible dos recursos. Trátase dun espazo no que poder compartir experiencias e coñecemento, onde aprender e ensinar, e onde explorar a posibilidade de abrir novos mercados.

Desde a Consellería do Mar convidaron o Craega a participar nesta primeira edición da Feira Aqua Future 2022, que terá lugar do 23 ao 25 de marzo no Recinto FIG Silleda. O Consello terá un posto compartido no stand común da Consellería, no que se exporán produtos daqueles operadores que así o desexen, vinculados á produción ecolóxica de alimentos procedentes do mar (algas e mexillóns).

Co obxectivo de promover a innovación e o coñecemento entre os axentes de interese, ofrecen un programa de xornadas técnicas orientadas a temáticas que actualmente marcan as tendencias do sector acuícola, en canto a innovacións do mercado. O itinerario está composto de tres grupos con diferentes actividades adaptadas aos intereses dos expositores e visitantes, entre as que se atopan diversas mesas redondas, presentacións de empresas expositoras e degustacións culinarias de produtos acuícolas.