Arquivos da etiqueta: agacal

O Craega participa na 3.ª edición de Come Local para comedores escolares

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), promove por terceiro ano consecutivo a campaña “Come Local” nos comedores escolares. A finalidade é impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nestes espazos educativos. Como en cada edición, o Craega colaborará achegando produtos certificados para a elaboración dos menús. 

Haberá degustacións de menús especiais e tamén se desenvolverán actividades formativas tanto sobre as características nutricionais dos propios produtos, como o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. Así, ata o vindeiro 21 de xuño de 2022, impartirase formación e asesoramento aos responsables dos comedores adheridos.

Outra ferramenta coa que se vai traballar cos centros educativos é a xestión dos custos dos ingredientes nas receitas para poder ter maior control dos gastos na elaboración dos menús.

COMEDORES PARTICIPANTES

Nesta campaña elixíronse centros cunha determinada sensibilidade para poder acceder a recoñecementos como o de “Comedores KM 0”, debido á súa aposta polas producións de proximidade á hora de confeccionar os seus menús. nesta ocasión participarán 14 comedores escolares das catro provincias galegas. Son os seguintes: CEIP Labarta Pose (Zas), CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe), CEIP de Palas de Rei (Palas de Rei), CEIP Plurilingüe de Luíntra (Luíntra), Nuestra Sra. de los Remedios (Compostela), CEIP Filomena Dato (Barbadás), CEIP Rogelio García Yáñez (Ramirás), CEIP Roberto Blanco Torres (A Peroxa), El Marisma de Santa Mariña (Redondela), CEIP de Soutelo de Montes (Soutelo de Montes), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober), CEIP Virxe da Barca (Muxía) e o CEIP Ruxidoiro de Barbadás.

Ademais, tamén formarán parte desta iniciativa os 9 comedores escolares KM 0, ao igual que nas anteriores edicións: CEIP Xacinto Amigo Lera (Portomouro), CEIP Os Muíños (Muxía), CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral), CEIP López Ferreiro (Compostela), CEIP Joaquina Gallego Jorreto (A Merca), CEIP Saco e Arce (Toén), CPI Antonio Faílde (Coles), CEIP A Paz-Tintureira (Coruxo-Vigo) e CEIP A Lomba (Vilagarcía de Arousa). Algúns destes últimos foron distinguidos a raíz do seu traballo na anterior campaña.

Como novidade, nesta terceira edición, os catro centros de formación agroforestal galegos comezarán o proceso para lucir o certificado de KM 0.

Agacal celebra mañá o II Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) organiza o II Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario mañá, xoves 10 de febreiro, a partir das 9:30 horas na Cidade da Cultura (Auditorio 2 do edificio Cinc).

Nesta cita confluirán todos os elos da cadea produtiva agraria nos ámbitos agrícola, gandeiro, forestal e da industria agroalimentaria, onde se porá en común a todos os axentes implicados e buscaranse as súas sinerxías e complementaridades.

Desde a organización esperan renovar o éxito da primeira edición e convidan á exposición dos resultados dos proxectos desenvolvidos polas empresas e entidades beneficiarias ao amparo das axudas para o apoio dos proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) na marca do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-202, que se convocaron para o ano 2019 e finalizaron no 2021. Neste ámbito, o Craega presentará o resultado de proxecto de valorización da carne de vacún de raza autóctona en ecolóxico.

Programa completo

Solicitude de asistencia

Fitur coñece a campaña “Galicia etiqueta calidade”

A Xunta de Galicia presentou a pasada semana na Feira Internacional de Turismo (Fitur 2022) de Madrid a nova campaña “Galicia etiqueta calidade”, impulsada pola Consellería do Medio Rural para divulgar o bo facer da xente do mar e do campo. Ademais, promoveu as 36 certificacións agroalimentarias de calidade que hai na comunidade galega, entre as que se atopa a agricultura ecolóxica.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, foi o encargado de dar a coñecer a iniciativa que vai da man das estratexias sectoriais que ten en marcha a Xunta. Durante a súa exposición, Cabarcos puxo en valor os produtos de calidade galegos, os cales fan de Galicia un destino turístico e gastronómico por excelencia. Tamén lembrou que a marca Galicia Calidade contará cunha sección chamada “Galicia Calidade Alimentaria”. Este distintivo agrupará produtos con denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do campo e do mar, marcas de garantía como Galega 100%, as producións derivadas das razas autóctonas e o selo pescadeRías.

O director de Agacal deu a coñecer o mercado dixital oficial no que os produtores poderán vender estas producións establecendo contacto eles mesmos co consumidor. Trátase dun mercado online no que se poderán comercializar os produtos de excelencia de Galicia cun só clic.

Coñece máis sobre as 36 Experiencias de Calidade

A Xunta organiza dous cursos sobre a certificación ecolóxica

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dous cursos sobre a certificación ecolóxica, que teñen por obxectivo proporcionar nocións básicas para afrontar os retos da produción eco e facilitar unha guía para a transición das granxas interesadas.

Cada unha das xornadas ten unha duración de cinco horas, nas que se abordarán a normativa e os obxectivos da certificación ecolóxica, a inscrición ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e as axudas para este tipo de produción.

Os cursos serán o sábado 27 de novembro, no salón de actos da Casa da Cultura de San Sadurniño, e o martes 30 de novembro, no local social de San Paio, no Concello de Coristanco. Ambas xornadas serán en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas.

Todos as persoas interesadas poden anotarse cubrindo a solicitude e enviándoa ao correo electrónico agacal.certificacion@xunta.gal.

Curso de comercialización de mazá ecolóxica na Estrada

A Consellería do Medio Rural, a través da Agacal, en colaboración co Craega, organiza un novo curso de produción ecolóxica. Desta volta a formación está dedicada á comercialización de mazá ecolóxica, que terá lugar o 28 de setembro no Museo do Moble da Estrada (MOME) da Estrada (Pontevedra)

Coma no resto dos cursos, a xornada estenderase todo o día: pola mañá, a partir das 9:00 horas, trataranse temas como a situación do mercado da mazá ecolóxica, o novo regulamento e a comunicación ambiental de produtos ecolóxicos; a sesión matutina finalizará cun coloquio para todos os asistentes.  Pola tarde, a partir das 16:00 horas, levarase a cabo unha visita práctica.

As solicitudes poden enviarse a clientes@sinerxia.es.

A Aula Cemit de Chantada acollerá un curso sobre comercialización da castaña eco

A Consellería do Medio Rural, a través da Agacal, en colaboración co Craega, organiza un novo curso de produción ecolóxica. Nesta ocasión a formación estará dedicada á “comercialización da castaña ecolóxica”, e desenvolverase o 6 de setembro na Aula Cemit de Chantada (Lugo). 

Como os outros dous cursos previstos (viticultura ecolóxica e pataca ecolóxica), a xornada comezará a partir das 9:00 horas; tras a presentación do curso, terá lugar unha charla sobre a situación do mercado da castaña ecolóxica, o novo regulamento e a comunicación ambiental de produtos ecolóxicos; a sesión matutina rematará cun coloquio para todos os asistentes.  Pola tarde, a partir das 16:00 horas, levarase a cabo unha visita práctica na empresa Miguel Areán e Hijos, situada no Polígono Industrial de Chantada. 

As solicitudes poden enviarse a clientes@sinerxia.es

A revista do verán chega cargada de cor, espazos únicos e boas novas

 

Chega o número 57 da nosa revista, que podedes visualizar xa en formato dixital. A edición de verán inclúe, coma cada ano, un especial no que debullamos as cifras que se recollen na Memoria anual referente aos datos de 2020, que reflicten un aumento no número de hectáreas, no número de operadores e, o máis salientable, na facturación. A presentación tivo lugar no pazo de Quián (Sergude, Boqueixón) e agora podedes vela en vídeo a través da nosa canle de Youtube ou dende a revista tan só con activar o voso código QR.

Para a nosa sección de entrevistas, desta volta paramos no pazo de Sabadelle (Chantada), que rexenta Xosé Figueiroa, un espazo moi especial e cheo de historia no que se poden saborear alimentos ecolóxicos  e de km 0, ademais de coñecer de preto un emblemático recuncho da nosa cultura.

Neste número incluímos dúas reportaxes. Na primeira coñecemos o nacemento das  Galletas Mariñeiras, o selo de identidade da empresa chantadina Daveiga. Na segunda dámoslles voz aos creadores dos únicos xeados ecolóxicos galegos, The Bio Factory, que se asentan na Coruña.

Volve Rocío Garrido, responsable do blog  La Cocina de mi Abuelo, á nosa sección de cociña eco, desta vez cun menú fresco, sinxelo e cheo de cor.

Na nosa axenda recompilamos as diferentes feiras programadas para os vindeiros meses e lembramos algunhas das noticias vinculadas ao noso labor dos últimos meses, como a nova campaña “Máis preto, máis eco”, en apoio ao pequeno comercio, ou o convenio que acabamos de asinar coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) co fin de seguir apoiando o sector.

A revista ao completo en formato dixital, aquí.

O CFEA Sergude organiza unha sesión demostrativa para a produción forraxeira ecolóxica

CFEA de Sergude, da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza mañá, venres 9, unha xornada demostrativa. A sesión está coordinada coa SAT La Sobreira e céntrase na identificación de oportunidades no control de herbas adventicias na produción forraxeira ecolóxica. Celebrarase en Pazo (Boimorto, A Coruña) de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Para máis información pódese solicitar no correo cursos.agacal.sergude@xunta.gal.

A campaña ‘Come Local 2021’ conta con páxina web propia e un mapa interactivo

A Xunta, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), impulsa por segundo ano consecutivo a campaña “Come Local” nos comedores escolares galegos no marco da canle #Mercaproximidade. Slow Food Compostela é a encargada de promover os produtos dentro das DOP, IXP e da agricultura ecolóxica de proximidade, nos que se inclúen alimentos proporcionados polo Craega, para seguir na súa liña de transparencia e fomentar o produto galego de pequenos produtores. Este cometido estase a levar a cabo en 20 centros escolares repartidos polas catro provincias galegas, entre eles, os Comedores Escolares distinguidos como km 0.

Agora acaba de ver a luz a súa propia páxina web, na que recollen toda a información do desenvolvemento desta campaña, ademais dun mapa interactivo no que se poden ver os centros que participan por provincias, que menú puideron degustar e quen foi o encargado de facelo. Segundo vaian participando os centros, o mapa irase actualizando.

Ata o vindeiro 31 de outubro, Agacal impartiralles formación e asesoramento aos responsables de comedor. Non só se trata de degustacións de menús especiais elaborados con produtos de proximidade galegos senón que tamén se desenvolverán actividades formativas, tanto sobre as características nutricionais dos propios produtos como o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU (ODS).

Nesta campaña elixíronse centros con proximidade a posibles provedores de produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou ecolóxicos para poder acceder a recoñecementos como o de “Comedores km 0”. Outro criterio para a elección dos centros foi a de considerar os distintos sistemas de xestión tanto educativa como do comedor e, así, na campaña participan centros escolares públicos, concertados, comedores xestionados por ANPAS ou os servizos de catering.

Visita o mapa interactivo

O Craega implícase por segundo ano consecutivo na campaña Come Local

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), lanza a segunda edición da campaña Come Local nos comedores escolares no marco da canle Mercaproximidade. A iniciativa será posta en marcha por Slow Food Compostela co obxectivo de impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade: as DOP (Denominación de Orixe Protexida), IXP (Indicación Xeográfica Protexida) e a agricultura ecolóxica de proximidade. Esta última será levada ás mesas dos comedores escolares participantes grazas á colaboración do Craega, que achegará diversos alimentos certificados, como carne de polo e hortalizas, entre outros.

Esta campaña, que tivo unha grande acollida na súa primeira edición,  desenvolverase ata o 31 de outubro. Nesta ocasión contará con formación e asesoramento aos responsables dos comedores adherido, polo que non só serán degustacións de menús, senón tamén actividades formativas, tanto das características nutricionais dos alimentos como do impacto que supón o consumo de alimentos certificados na consecución dos Obxectos de Desenvolvemento Sostible da ONU.

ACTIVIDADES DA CAMPAÑA

  • Achegar aos comedores seleccionados, de forma totalmente gratuíta, produtos galegos con certificado de calidade. Darase a oportunidade de que nenos e nenas usuarios do comedor poidan degustar varios produtos dunha excelente calidade con orixe Galicia e cunha trazabilidade garantida.
  • Realizar un escandallo semanal para dotar os comedores dunha ferramenta que facilite o cálculo do gasto que lles permita planificar mellor a súa conta de gastos.
  • Enviar un vídeo aos estudantes sobre educación alimentaria, que ten como fío condutor o papel da biodiversidade agrícola e o que xogan os produtos certificados á hora de conservala, así coma a importancia de comer de xeito local.
  • Formación a través de Zoom aos cociñeiros/as dos comedores e caterings.

PARTICIPANTES

Ademais dos catro Comedores Escolares KM 0 que xa participaron na primeira campaña: CEIP Xacinto Amigo Lera (Portomouro), CEIP Os Muíños (Muxía), CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral) e CEIP López Ferreiro (Compostela) súmanse Divino Maestro e Colexio La Milagrosa de Santiago de Compostela; Colexio Alca de Ames, CEIP Santa Baia de Boiro; CPI Dr. López Suárez de Friol; CEIP San Cosme de Barreiros; CEIP Juan Rey de Lourenzá; CEIP Manuel Mato Vizoso de Vilalba; CEIP Rosalía de Castro de Bóveda; IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia; CEIP Joaquina Gallego Jorreto de A Merca; CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Vega; Colexio Salesianos-A Mercé de Cambados; CEIP Xoaquín Loriga de Prado (Lalín); CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa e CEIP A Paz de Coruxo (Vigo).