fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A Xornada do XXV aniversario do Craega conclúe que “o sector eco ten futuro, si ou si”

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) congregou esta mañá no salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo numerosos asistentes con motivo da xornada divulgativa, que levou por título “Craega: 25 anos medrando co sector ecolóxico galego”.

O acto deu comezo ás 10:00 horas e foi inaugurado polo presidente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, quen, tras felicitar o Consello polos seus 25 anos de existencia, resaltou que Galicia está no camiño de seguir medrando para alcanzar as esixencias da normativa europea (cuxa axenda é acadar que o 25 % da superficie agraria última (SAU) sexa ecolóxica en 2030), pois nesta última década o incremento na nosa comunidade foi do 127 %. Así mesmo, incidiu en que hai que aproveitar este crecemento, porque a clave do éxito está en “facer cousas ordinarias de maneira extraordinaria”.

A continuación, foi a quenda de José Miguel González, xefe da Área de Produción Ecolóxica na Subdirección Xeral de Calidade e Sostibilidade Alimentaria (MAPA), quen disertou sobre a situación actual e de futuro da produción ecolóxica en España e en Galicia no marco europeo. Tras a introdución histórica da normativa eco en Europa e en España, repasou os datos estatísticos máis salientables tanto a nivel nacional como na nosa comunidade e, entre os fitos conseguidos, lembrou o feito de que España foi un dos primeiros países en certificar en ecolóxico, en 1988, e que na actualidade o gasto per cápita en consumo eco está xa por riba da media da Unión Europea. Neste sentido arroxou un dato moi significativo: en 2006 o gasto per cápita do consumidor en produto ecolóxico era de 2 euros; na actualidade é de 60. Finalmente, ofreceu un percorrido pola situación da normativa e polo futuro do sector.

O terceiro en subir ao estrado foi Manuel López Luaces, xefe de Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria na Agacal, quen dedicou parte da súa intervención a presentar a área I+D+i ao servizo do sector agrario. Entre os proxectos que engloban o seu departamento, deu conta dos centros de investigación galegos vinculados ao sector agro, un por provincia: Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Estación Experimental de Gandería de Montaña de Marcos da Curra, Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón e Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño. Para seguir, enunciou os instrumentos da Agacal para a I+d+i e presentou o contrato de xestión para os anos 2021-2024, co fin de mellorar a produción agropecuaria galega na liña coa estratexia europea de investigación en materia agraria. Rematou a súa intervención facendo referencia ao ámbito dos centros formativos, que reivindicou como espazos “para xerar man de obra entre os mozos e mozas agricultores” co fin de garantir o futuro do sector.

A compra pública verde como oportunidade para a produción eco foi o tema das seguintes relatoras, que expuxeron dous interesantes proxectos: o de Josefina Irles, xefa de sección de Dietética e Xestión de Hostalería no Hospital Xeral de Valencia, e o de Slow Food Compostela, que o amosou Rocío García, secretaria da asociación.

Tras rememorar o camiño que a levou á introdución da alimentación eco no hospital onde exerce como nutricionista, Irles incidiu nos motivos principais que a levaron a facer esta aposta: ser garante dunha nutrición sa para un colectivo especialmente vulnerable como son os pacientes, e ser respectuosa co medio ambiente e co planeta.

Pola súa banda, García fixo balance de “Come Local”, a campaña que organiza o colectivo desde hai tres anos, promovida pola Agacal, e na que o Craega participa coa achega de alimentos ecolóxicos con moi boa acollida por parte dos usuarios dos centros.

Tras a pausa do café, subiron ao estrado Xosé Lois Lamazares (xerente de Daveiga) e Guillermo Martínez (xerente de Casa Grande de Xanceda) e ambos centraron o seu relato en ofrecerlle ao público asistente un completo percorrido por cada unha das empresas que teñen ao seu cargo, expoñendo as trabas que se atoparon na súas traxectorias e como lograron facer das súas marcas un negocio de éxito.

“Emprender en ecolóxico: experiencias, retos e ideas” foi o fío común sobre o que debateron José Manuel Vázquez (Burgo de Negral), José Luis Vaz (Verín Bioocoop) e Rocío Freire (Alibos Galicia), para facer partícipe ao público da súa experiencia como produtores en ecolóxico e poñer en común retos e ideas para o futuro. Entre as moitas propostas que emerxeron na mesa, unha destacada foi o camiño que se debe seguir e todos estiveron de acordo en que a clave está en “compartir e repartir” para poder mirar ao futuro, porque a agricultura ecolóxica “ten futuro, si ou si, porque non nos queda outra”. A mesa foi moderada polo director dos programas O agro e Labranza da CRTVG, Manuel Cruz.

O presidente do Craega, Francisco López Valladares, foi o encargado de pechar esta actividade formativa, repasando brevemente algúns datos destacados da certificación e agradecéndolles a presenza a todas as persoas asistentes.

ÁLBUM DE FOTOS DA XORNADA

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.