fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Ramón Fernández: “É moi importante dar a coñecer aos consumidores o que é o produto ecolóxico”

Ramón Fernández Conchas, xefe do Servizo de Mercados na Xunta de Galicia e vogal do Craega, participou na mesa redonda do I Congreso da Acuicultura Ecolóxica de Galicia. Na conversa que mantivemos con el, falounos do panorama actual da acuicultura ecolóxica en Galicia e de diferentes iniciativas que se están levando a cabo para a súa promoción, ademais doutros asuntos.

 

Cal é a situación da acuicultura ecolóxica en Galicia a día de hoxe? A que retos nos enfrontamos?

Estamos nun momento de transición, pero quedan moitos retos por superar, por exemplo, que o mexillón ecolóxico poida medrar; agora mesmo estamos cunhas 150 bateas e temos un percorrido moito máis grande, porque podemos chegar ás 3.000 bateas que ten agora mesmo Galicia, co cal queda moito marxe de mellora. Tamén vai depender dos transformadores e de que os consumidores demanden este tipo de produtos.

Outro dos grandes retos que ten agora mesmo a acuicultura ecolóxica de Galicia é a produción de algas. A maior parte desta produción é de captación natural e depende, por tanto, do tempo que faga; de feito, en novembro dificultouse polos temporais, e o gran reto é desenvolver a acuicultura de algas, que agora mesmo está en fase incipiente. Debo dicir tamén que hai outros produtos, como poden ser os produtos de acuicultura de peixe, que teñen moito potencial, especialmente o rodaballo e o linguado; estamos a falar de practicamente dunhas 10.000 toneladas de produción, co cal sería moi interesante desenvolver nesta etapa a produción ecolóxica destas dúas especies.

A nivel de promoción, é importante dar a coñecer aos consumidores o que é o produto ecolóxico, porque hai un descoñecemento case total do que é a acuicultura e a agricultura ecolóxica. Neste sentido, para as empresas do mar é fundamental a presenza en feiras internacionais, non só en feiras de carácter sectorial e ecolóxicas, como poderían ser Biofach, Núremberg ou outras feiras ecolóxicas en Estocolmo ou en Londres, senón feiras internacionais moito máis amplas como poden ser Alimentaria Barcelona, SIAL París, Gulfood Dubai ou Foodex Xapón, ou en Estados Unidos a Summer Fancy Food Nueva York, que son feiras que atraen a moitos consumidores e que están buscando produtos de alta calidade, como son os ecolóxicos.

Isto resume un pouco a idea que quixemos transmitir na mesa redonda do I Congreso da Acuicultura Ecolóxica de Galicia. Hai que ter en conta tamén que o logo que quere ver o consumidor ou o máis representativo é o logotipo europeo, Ecolabel. Estamos nun maremágnum de logotipos, como son os bio, que abundan moitísimo, e habería que amosarlle ao consumidor que representa e que transmite ese logo europeo.

 

Que liñas de traballo se están a promover dende a Administración e dende o Consello?

Eu persoalmente levo xa uns anos de vogal do Consello Regulador e coñezo de primeira man o funcionamento e a evolución positiva de cifras, de crecemento de dous díxitos anualmente. Debo dicir que iniciamos o 2023 cun convenio de colaboración entre a Consellería de Mar e o Craega para a promoción dos produtos ecolóxicos do mar, e creo que esta é unha axenda que vamos a continuar nos próximos anos, porque nos permite facer promoción e dar a coñecer os produtos ecolóxicos do mar aos consumidores, o cal é fundamental.

Outra liña de traballo é desenvolver liñas de axudas que poidan permitir aos operadores medrar dentro da súa produción ecolóxica ou incorporarse a esa produción. O novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, dispón de fondos para isto. Entón, o que temos que facer é poñer a disposición fondos europeos, neste caso de promoción, e fondos cofinanciados pola Xunta de Galicia, para fomentar o consumo de produtos ecolóxicos do mar e dar a coñecer ao consumidor a importancia que ten a produción ecolóxica.

 

Sempre se fala de que os produtos ecolóxicos son máis caros ca os convencionais. Como poderiamos convencer aos consumidores para que merquen estes produtos?

Está claro que a referencia do prezo é agora mesmo o principal motivo de compra dos consumidores, iso é indiscutible. Estamos nunha transición dun novo consumidor moito máis formado, sobre todo nos máis novos, que buscan referencias de calidade e de autenticidade nos produtos. Os logotipos non poden amosar todo o que hai detrás dunha produción, pero o consumidor, a través deses logotipos, pode ver que hai un traballo feito. Nese sentido eu si estou moi esperanzado, porque creo que os novos consumidores van aceptar moito máis os produtos ecolóxicos, e sobre todo os consumidores máis maduros; estámolo vendo noutros países como Francia, Alemaña, Austria… Apostan máis pola agricultura ecolóxica, non só porque teñen máis poder adquisitivo, senón porque están confiando máis nun produto de calidade e de sustentabilidade. O concepto de sustentabilidade vai moi ligado á agricultura ecolóxica e ao respecto polo medio ambiente, e iso cada vez vende máis para o novo consumidor. Ademais, non sempre ten que ser máis caro o produto ecolóxico. Despois, todo o que pode incorporar a agricultura ecolóxica doutras calidades diferenciadas tamén será positivo: DOPs, IXPs… todo iso suma á produción ecolóxica.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.