Os cativos volveron a desfrutar de alimentos eco nos comedores ecolares

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), promoveu por terceiro ano consecutivo a campaña “Come Local” nos comedores escolares. Esta actividade, organizada por Slow Food Compostela, tivo como finalidade impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nestes espazos educativos. Como en cada edición, o Craega colaborou achegando produtos certificados para a elaboración dos menús.

Á parte da degustación de menús especiais, desenvolvéronse actividades formativas tanto sobre as características nutricionais dos propios produtos, como o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. 

Foron 15 comedores escolares das catro provincias galegas os que participaron nesta iniciativa, que se desenvolveu dende febreiro ata xuño, ademais dos 9 que contan coa certificación de “Comedores Escolares KM 0”. Así mesmo, como novidade, os catro centros de formación agroforestal galegos comezaron o proceso para lucir o certificado de KM 0.

Este proxecto conta cunha páxina web propia na que se recolle toda a información sobre a campaña e tamén dispón dun mapa interactivo no que se poden visualizar os comedores escolares que formaron parte desta edición e se subiron fotos das diferentes actividades e dos menús que se degustaron.