fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Craega proporcionará alimentos ecolóxicos para a I Campaña de Comedores Responsables nas residencias de maiores

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, presentou na residencia pública autonómica de Campolongo a primeira  edición da campaña denominada “Comedores responsables” orientada a residencias de maiores de Galicia, co fin de impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos ecolóxicos e con indicativo de calidade nestes espazos. Esta é unha iniciativa que promove a Xunta de Galicia e que contará con formación e asesoramento aos responsables de cociña da man de Agacal.

O obxectivo das sesións formativas  é que o persoal de cociña coñeza a importancia de consumir produtos locais e como poder identificalos de xeito sinxelo grazas ás distintas etiquetas dos selos de calidade. Tamén se informará sobre as características nutricionais dos propios produtos e o impacto que supón o consumo de alimentos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. Outra ferramenta coa que se vai traballar é a xestión dos custos dos ingredientes nas receitas para poder ter maior control dos gastos na elaboración dos seus menús.

Así mesmo, Cabarcos anunciou que se celebrarán diversas degustacións de menús especiais con produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida e produtos ecolóxicos, que serán achegados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Polo de agora, beneficiaranse uns 600 residentes dos centros Divina Pastora (Vilagarcía de Arousa), a residencia Hermanos Prieto (O Carballiño), a residencia de anciáns de San Marcos (Santiago de Compostela) e a residencia da terceira idade de Campolongo (Pontevedra).

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.