Arquivos da etiqueta: Biocultura

Os produtos ecolóxicos certificados polo Craega conquistan BioCultura Barcelona

Foto: BioCultura

O Palau Sant Jordi celebrou a 28ª edición da BioCultura Barcelona do 5 ao 8 de maio. O sector deuse cita na feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable, que recibiu unhas 50.000 persoas. 

Co xa habitual slogan “Bos para a natureza, bos para ti”, o Craega tamén puxo o seu gran de area neste evento, ao que asistiron, baixo o seu paraugas, varios produtores certificados: Bubela Artesá, Capitán Alga, Celebridade Galega, Porto-Muíños, Terra de Baronceli, Los Sabores del Camino, Algas La Patrona, Sovoral e Galuriña, ademais de Orballo e Algamar, que contaron con expositor independente.

Entre as actividades, a novidade do ano era “O Manicomio”, unha sala coordinada polo equipo de The Ecologist que concentrou as propostas culturais desta edición: debates, presentacións de libros, concertos, sesións de relaxación á hora da sesta e ata pases de películas de ecoloxía profunda e inmersiva.

UN SECTOR CON FUTURO

O sector ecolóxico demostrou que é o presente e tamén o futuro e nesta nova edición de BioCultura Barcelona corroborouse que é máis resistente e perdurable. Ángeles Parra, directora da feira e presidenta de Vida Sana, afirmou que “tiñamos moitas ganas de volver a unha feira alegre tras a pandemia. Foi un pracer que expositores, profesionais e consumidores se coñecesen de forma presencial, in situ“. Así mesmo, sinalou a grande aposta por unha alimentación ecolóxica, local, o máis artesá posible:  “É a mellor alimentación para os nosos organismos e para o planeta, pero tamén é a mellor para a nosa economía”.

Para Parra esta edición “certificou que este sector é o futuro, pero tamén o rabioso presente, xa que ten un público fiel e asiduo e resistimos mellor as crises que outros sectores que contan co apoio institucional”.

Máis información  en Bio Eco Actual

A voz dos produtores, en vídeo

Durante a pasada edición de BioCultura A Coruña, celebrada do 4 ao 6 de marzo en ExpoCoruña,  falamos cos produtores  galegos certificados en ecolóxico asistentes a este evento para que presentasen a súa firma e nos contasen, entre outros temas,  cales son as principais novidades que teñen para esta tempada, cal é a súa opinión acerca da presenza nas feiras ou como ven a relación entre ecoturismo e alimentación. 

No noso perfil de YouTube podedes ver todas as entrevistas realizadas.

O Craega estará presente en BioCultura Barcelona         

Produtores do Craega na anterior edición

BioCultura Barcelona quenta motores para abrir as súas portas o vindeiro xoves, 5 de maio. A 28.ª edición, que durará ata o domingo 8 de maio, chega ao Palau Sant Jordi con moitas novidades.

O evento reunirá uns 300 expositores dedicados aos sectores da alimentación bío, cosmética ecolóxica, moda sustentable, casa sa, turismo responsable, enerxías renovables, mobilidade sustentable, artesanías e ONG. Entre os expositores estará presente o Consello Regulador da Produción Ecolóxica de Galicia (Craega), así como operadores certificados, que ofrecerán os seus produtos estrela e darán a coñecer a calidade de Galicia.

A Feira de Produtos Ecolóxicos e Consumo Responsable ten o propósito de seguir sorprendendo os visitantes coas últimas novidades do sector ecolóxico. As propostas son variadas, polo que facilitan adoptar uns hábitos saudables e a consumir de forma máis responsable.

Toda a información do evento nesta ligazón.

 

“O sector ecolóxico é clave para o noso rural galego”

José Luis Cabarcos na súa visita ao stand do Craega na BioCultura A Coruña

Reproducimos a entrevista que recolle El Ecomensajero Digital (Asociación Vida Sana) a José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Consellería do Medio Rural), en recoñecemento ao apoio que esta entidade lle proporcionou a BioCultura A Coruña, celebrada por terceira vez na nosa comunidade. Esta reportaxe foi realizada no marco do devandito evento, que tivo lugar a comezos do pasado mes de marzo.

Entre outros datos, Cabarcos falou do incremento da superficie ecolóxica da comunidade galega na última década, que pasou dunhas 14.000 hectáreas no ano 2010 a máis de 32.000 no 2020. Así mesmo, fixo referencia a importancia do papel da muller neste sector: “A muller ten un peso moi importante no rural galego, en todos os sentidos. Por iso, é tamén normal que o teña dentro do ecolóxico”, afirmou.

Así mesmo, puxo en valor o feito de que a produción ecolóxica está a contribuír de maneira destacada “á creación de riqueza e emprego no rural, incidindo no coidado do noso territorio e na loita contra o cambio climático, na liña coas directrices establecidas”.

Ler entrevista completa

Biocultura Galicia 2022, tres días de sinerxias ecolóxicas

Ofrecemos un percorrido polo que foi a terceira edición desta gran feira en Galicia, que por fin puido volver ao seu formato presencial. Organizada pola Asociación Vida Sana e celebrada no pavillón de ExpoCoruña, os días 4, 5 e 6 de marzo xuntáronse na cidade herculina preto de 200 expositores e 11.000 visitantes, cifras semellantes ao ano 2020, xusto antes da pandemia, as cales reafirman a boa saúde do sector.

Neste sentido, os nosos produtores amosáronse moi satisfeitos con esta experiencia por varias razóns: pola visibilidade, polo contacto co público e con outra xente do sector, “o que fai que se avance, se aprenda e se procure mellorar” e, por suposto, pola oportunidade de vender de xeito directo os seus produtos.

Foron un total de 18 empresas galegas certificadas en ecolóxico as que asistiron baixo o paraugas do Craega, que conviviron con cinco postos máis con stand propio, todos eles situados na zona azul, cor que representaba o sector da alimentación. Os visitantes puideron descubrir, e en moitos casos saborear, un sinfín de produtos con selo ecolóxico: conservas vexetais ou de peixe, produtos lácteos ou cárnicos, mel, cervexas, galletas, cafés, infusións, especias, doces, xeados, empanadas…

 

 

INAUGURACIÓN OFICIAL

A feira quedou inaugurada oficialmente o venres 4 ás 12:30 no espazo denominado “Zona Reserva da Biosfera”. Participaron no evento Pilar López, directora de Eventos de ExpoCoruña; Manuel Heredia, presidente do Consello de Dirección desta entidade (Dirección Xeral de Comercio); Ángeles Parra, presidenta da Asociación Vida Sana, organizadora da feira e directora de Biocultura; José Antonio Santiso, presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo; José Luis Cabarcos, director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal, Consellería do Medio Rural); Juan Ignacio Borrego, primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá; José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo e deputado da Deputación da Coruña, Comisión de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible, e Xosé Luis Raposo, deputado da Área de Medio Ambiente da Deputación Provincial de Lugo.

Entre as diversas intervencións, destacamos a de José Luis Cabarcos, quen celebrou o forte crecemento que ten experimentado o sector ecolóxico nos últimos anos. Neste sentido, manifestou que estes datos “reflicten que a produción ecolóxica é unha actividade que xera riqueza e emprego no agro” e incidiu en que “a Xunta seguirá apostando por ela, tanto desde o punto de vista ambiental como desde a perspectiva económica”. Pechou a súa exposición lembrando que os produtores “son os verdadeiros protagonistas da feira”. > Máis información

  RONDA DE VISITAS EN APOIO DO SECTOR

Tras o acto de inauguración, o grupo de autoridades e organizadores da feira achegáronse aos diferentes postos para darlles apoio aos expositores e ás accións de promoción e divulgación programadas.

Pola súa banda, o equipo do programa da TVG Labranza tamén quixo facerse eco deste encontro e visibilizar o traballo do sector, polo que realizou unha ronda de visitas por todos os expositores co selo do Craega, incluíndo o noso propio stand, onde entrevistaron a Francisco L. Valladares, o noso presidente, quen, entre outros aspectos, lembrou a importancia do apoio do Consello ao sector para facer posible a asistencia dos produtores a este tipo de eventos.

Así mesmo, un grupo de influencers asistiu á feira co propósito de realizar tamén promoción dalgúns dos produtos ecolóxicos galegos: @silviafooding, @rogeliosantosqueiruga, @slowlife_slowtime, @engaliciamorate, @enxebreword e @lolaframbuesa.

Rocío Freire, vicepresidenta do Craega, posa co grupo de influencers asistentes á feira

A NOSA PEGADA NO PROGRAMA DE ACTIVIDADES

Ademais dos preto de 200 expositores que amosaron os seus produtos nesta feira (téxtil, cosmética, alimentación, bebidas…), Biocultura programou durante os tres días un amplísimo programa de actividades: música, degustacións de cociña ecolóxica, catas de viños e cervexas, charlas e mesas redondas. No pavillón de ExpoCoruña foron moitas e moi variadas as visitas das persoas interesadas en percorrer os expositores e apuntarse ás diferentes ofertas. O Craega tamén quixo poñer o seu gran de area coa programación de varias actividades.

A continuación, podedes ver algunhas instantáneas dos diferentes eventos nos que participamos:

  • Degustacións

Cata sensorial de viños, cervexas e outros licores ecolóxicos

Javier García, secretario do Consello, participou nesta cata, dirixida por David Pascual, presidente da Asociación Galega de Enólogos. No acto o secretario explicoulles os asistentes cales son os requisitos para poder certificar as viñas en ecolóxico.

Os produtos ecolóxicos galegos son tendencia

Foron tres degustacións conformadas por un menú composto dun produto de mar, outro de terra e unha sobremesa. Na primeira, cociñou Alf Mota (responsable do recetario do proxecto Menudatierra e das degustacións organizadas por Biocultura) e as dúas seguintes estiveron a cargo de Martín Mantilla (restaurante Berso, Sober).

Nos tres casos asistiu Javier García, quen ofreceu unha introdución na que resumiu brevemente en que consiste a certificación do Consello, cales son as características dos produtos ecolóxicos de terra e de mar e resaltou algúns dos seus beneficios, así como as diferenzas existentes respecto da alimentación convencional.

  • Charlas e mesas redondas

Taller de etiquetaxe de produtos ecolóxicos e Taller de consultas, novo regulamento europeo foron dos obradoiros, dirixidos por Manuel María Cancio, director técnico do Craega, e Ana Saiz, directora de Intereco. No segundo obradoiro participou tamén o cociñeiro Alf Mota.

Como aumentar o consumo de produtos ecolóxicos? A introdución dos produtos ecolóxicos nas compras públicas verdes

Nesta mesa redonda participaron Ramón J. Lamelo, responsable do Departamento de Promoción e Calidade Agroalimentaria de Agacal; Belén Rodríguez, coordinadora da Asociación Labregos Ecolóxicos de Galicia; Beatriz Ferreira, directora da Escola Infantil Municipal A Caracola e coordinadora do proxecto Ecocomedores, conxuntamente co GDR de Mariñas Betanzos; Iria Suárez, técnica Asoc. Desenvolvemento Rural Mariñas Betanzos, responsable do proxecto de Ecocomedores da Reserva de Biosfera de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Moderou a mesa Diego Roig (Vida Sana).

Na súa intervención, Lamelo presentou as campañas orientadas a aumentar a presenza da alimentación ecolóxica en diversos espazos, como Come Local, destinada aos máis cativos, ou nas residencias de maiores; así mesmo, fixo referencia á nova Lei de calidade alimentaria e presentou o proxecto de invernadoiros para produción eco nos colexios rurais agrupados.

Mulleres ecoemprendedoras

A produción ecolóxica e a importancia da actividade das mulleres no medio rural galego como motor para evitar a despoboación foron os eixes principais desta mesa redonda, na que participaron Concepción Blanco, vogal do Craega (copropietaria de Casa Bértolo SC), María José Tallón (Trasdeza Natur), Lucía Afonso (Sovoral), Carmen Sánchez (Galuriña), María Isabel González (Traloagro) e Concepción Docampo (explotación agrícola), as cales expuxeron cadanseu proxecto rural e contrastaron as súas experiencias como empresarias no sector.

DESPEDIDA ATA A SEGUINTE EDICIÓN

O Craega dille adeus a esta feira ata a vindeira edición, prevista para marzo de 2023, e despídese orgulloso e satisfeito de formar parte deste evento, cuxo obxectivo primordial é o de darlles apoio e difusión aos seus operadores.

BioCultura A Coruña quenta motores

Asistencia á BioCultura de Madrid

Xa queda menos para o grande evento ecolóxico na nosa comunidade. Será do 4 ao 6 de marzo, na ExpoCoruña cando teña lugar a celebración de BioCultura, a feira de produtos ecolóxicos, consumo responsable e turismo sustentable. Co obxectivo de potenciar outro sector, ademais do ecolóxico, nesta edición galega o ecoturismo será o gran protagonista.

ACTIVIDADES

Nas actividades principais da feira porase o acento nesta dobre temática e centraranse na simbiose entre o mundo ecolóxico e o ecoturismo. Nese sentido, os showcooking servirán para achegar propostas de gastronomía ecolóxica vinculadas ao territorio e á oferta turística e, ademais, levarán a cabo catas de produtos de zonas para visitar en Galicia. Tamén contarán con charlas relacionadas con diferentes aspectos do coidado do medio ambiente e a sustentabilidade.

Haberá seccións dedicadas ao sector ecolóxico e os seus mundos, degustacións de produtos da zona, así como receitas tradicionais e tamén se presentarán actuacións de grupos emerxentes de folk, conferencias sobre ámbitos patrimoniais e territoriais e debates sobre agricultura e gandería ecolóxica, extensiva e local, vinculadas á tradición cultural de cada zona. Así mesmo, contarán cunha ampla gama de expositores, desde casas rurais con certificado, ata produtores de alimentos como algas ou xeados, entre outros. En definitiva, terá de todo, pero sempre relacionado co mundo eco.

PRESENZA DO CRAEGA

O Craega contará con stand propio dentro da cita, onde dará a coñecer o traballo que realiza diariamente para poder certificar e avalar os diferentes produtos de Galicia que se producen en ecolóxico. Ademais, acollerá a unha vintena de empresas certificadas.

PROGRAMA COMPLETO

BioCultura Barcelona pecha a feira con máis de 14.000 asistentes

Algas La Patrona, Terra de Baroncelli e Muuhlloa compartiron stand na cita

BioCultura Barcelona, a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable, pechou a súa 27ª edición no Palau Sant Jordi. Unhas 14.000 persoas se achegaron ao recinto para coñecer  máis de cerca o sector ecolóxico, no que estiveron presentes varios operadores do galegos.

Ángeles Parra, directora da cita, afirma que “estaba claro que non ía a ser como a BioCultura á que estamos acostumados, pero o feito de que finalmente se puidese celebrar de forma presencial xa era unha gran noticia para todos”. Engade que “os expositores puideron presentar as súas novidades, que era o que querían. E a mensaxe da necesidade dun cambio cara o ecolóxico volveu chegar aos medios. Á espera de mellores tempos para a lírica, nós, como organizadores, tamén estamos moi contentos. Levamos xa case dous anos moi raros e empezamos a romper o maleficio”.

As actividades online tamén funcionaron ben. Ante a demanda de querer seguir gozando da programación deseñada para os catro días da feira, a organización decidiu deixar a plataforma ata finais de xullo para poder conectarse en calquera momento do día través do link. Para ver as actividades na canle, só tes que entrar na compra de entradas e elixir actividades online e a cantidade 1. Ao comprar as entradas, enches os teus datos, terminas a compra e descargas a entrada, que che aporta un código. Esa clave será a que precises para entrar na canle.

Optimismo na organización

Organizadores e expositores mostraron satisfacción en liñas xerais por como foi a feira. Parra indica que “este pequeno triunfo de BioCultura e do sector, nun marco tan excepcional e delicad

o, puido ser lido como unha sinal de esperanza”. E subliña que “cada vez máis, a cidadanía ten na alimentación a clave cara a un mundo máis sostible, san, saboroso, belo e xusto. E os subsectores afíns, como a cosmética certificada ou o téxtil sostible, están a punto de estoupar”.

Presenza galega

Na cita participaron varias empresas galegas en busca de saír, tras máis dun ano sen case citas presenciais, e co obxectivo de atraer a nova clientela para as súas marcas. As firmas que participaron foron: Muuhlloa (Granxa Maruxa e Milhulloa), Celtaverde (dentro da Gale Truck), Terra de Baroncelli e Sovoral Apicultura Orgánica, ademais de catro empresas dedicadas á acuicultura en ecolóxico: Portomuíños, Algamar, Algas La Patrona e Capitán Alga.

Varios operadores representarán a agricultura eco galega en Biocultura Barcelona

BioCultura chega á súa 27 edición, que terá lugar no Palau Sant Jordi de Barcelona, desde mañá ata o domingo, día 11. Con ela tamén chega o auxe da produción, vendas e consumo ecolóxico. Como todas as edicións, ten o firme propósito de seguir sorprendendo aos visitantes coas últimas novidades do sector ecolóxico con propostas cada vez máis variadas que nos facilitan adoptar uns hábitos saudables e a consumir de forma máis responsable.

BioCultura é a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable máis grande do Estado e reunirá este ano, de forma excepcional, uns 350 expositores dedicados aos sectores de alimentación bio, cosmética ecolóxica, moda sustentable, casa sa, turismo responsable, artesanías e ONG. Paralelamente á exposición celebraranse máis de 400 actividades (presenciais e on line) e espéranse uns 20.000 visitantes para cumprir coas normas de aforamento obrigadas por Covid.

Na cita participan varias empresas galegas: Muuhlloa (Granxa Maruxa e Milhulloa), Celtaverde (dentro dunha food truck) e Sovoral Apicultura Orgánica, ademais de catro empresas dedicadas á acuicultura en ecolóxico: Portomuíños, Algamar, Algas La Patrona e Capitán Alga.

BioCultura ON 2021 despídese con altas cifras de participación

Ángeles Parra (presidenta de Vida Sana e directora da feira)  inaugurou a feira BioCultura ON o pasado xoves ás 12 h. Acompañárona Sandra Verdu-Butikofer, presidenta de INTERECO (asociación sen ánimo de lucro que agrupa ás autoridades públicas de control de agricultura ecolóxica de España), e o director xeral da Industria Alimentaria, José Miguel Herrero, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), que, entre outras cousas, subliñou “a importancia de España como unha das principais potencias europeas na produción de alimentos ecolóxicos”.

171 actividades diferentes

Unha das cousas que máis chamou a atención da versión virtual de BioCultura foi a inabarcable lista de actividades. Foron 171 en total. O nivel dos relatores, de primeira orde: Joaquín Araújo, Nicolás Olea, Carlos de Prada, Dolores Raigón, José Luis Porcuna e un enorme etcétera de expertos en cosmética ecolóxica, moda sustentable, enerxías renovables, banca ética, proxectos cooperativos…  

Un público moi diverso

Como no caso da BioCultura presencial, a feira virtual foi capaz de atraer a un variado e heterodoxo público. Poderiamos dicir, no entanto, que se na feira presencial son máis os consumidores, na feira virtual foron máis e moi activos os profesionais. As 54 empresas que participaron realizaron 158 encontros comerciais no espazo de networking habilitado por BioCultura ON.

Patrocinadores

Os patrocinadores esforzáronse enormemente en desenvolver actividades de interese técnico e divulgativo. Entre as actividades desenvolvidas por INTERECO, atopábanse aquelas que tiveron como obxectivo informar os cidadáns da importancia e confianza da certificación ecolóxica pública, e de como se realiza unha auditoría en produción ecolóxica, reflexións ao redor da necesidade de que os produtos ecolóxicos incorpórense de maneira decidido na restauración colectiva… entre outras máis lúdicas e educativas.

As cifras

Nesta primeira feira virtual participaron preto de 3.500 persoas, dos cales 1.600 eran profesionais, cunha media de 8 horas na plataforma virtual de BioCultura. 7.673 veces conectáronse estes visitantes ás actividades que se desenvolveron, sumándose 2.260 veces máis que conectáronse ao escenario principal. Durante o tres días de feira, o público medio oscilou ao redor das 600 persoas.

Máis información

Fonte: Bioeco Actual

O sector eco galego abre novos horizontes en Biocultura A Coruña

O Craega acudiu a Biocultura A Coruña coa imaxe da campaña ‘Somos Semente’

Tres intensos días de feria aberta a todos os públicos e moi cerca da casa. O sector eco galego amosou na segunda edición de Biocultura A Coruña (28 e 29 de febreiro e 1 de marzo)  a súa madurez e tivo ocasión de palpar o interese crecente do público local polos alimentos orgánicos. No estand agrupado do Craega, 21 expositores do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) achegaron as súas propostas a consumidores e profesionais procedentes de toda a comunidade.

Para a entidade que se ocupa de controlar e certificar o sector ecolóxico en Galicia, a feira permitiu aliñar no mesmo escaparate un amplo abano de produtos: mel, marmeladas, café, froita, algas, carne, embutidos, cervexa, xeados, pan ou viño. Baixo o paraugas do Consello, compartiron estand Camemorcol; Biowak; Jamones González; Mieles Anta; Bubela Artesá; Galuriña; The Bio Factory; Verín Biocoop; Galletas Daveiga; Cafés Saburido (Sabora); Celtaverde; Conservas do Támega; Maruxas de Nata; Producto de Aldea; Sovoral; Daiquí; Bodegas Corisca; Euro Andean Trading; Adegas Xangall; Mirabel do Rosal-Alén do Val; e Algamar. 

Co apoio da Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o Craega organizou diferentes actividades como show cooking, obradoiros infantís, catas e mesas redondas. 

Organizada pola Asociación Vida Sana, Biocultura A Coruña logrou reunir a 150 expositores dedicados aos sectores da alimentación bio (con máis de 10.000 referencias), cosmética ecolóxica, moda sostible, casa sa, benestar e artesanía. A vindeira cita será en Barcelona do 7 ao 10 de maio. A feira despediuse cun balance superior aos 11.000 visitantes. 

[rl_gallery id=”3836″]