• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Rosa Chapela: “En Galicia somos pioneiros neste tipo de acuicultura que protexe o medio ambiente, e aí é onde a acuicultura ecolóxica pode xogar un papel importante”

A coordinadora da Área de Socioeconomía da Pesca no Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), Rosa Chapela, foi outra das relatoras participantes no I Congreso da Acuicultura Ecolóxica de Galicia, celebrado en novembro en Santiago de Compostela. No marco deste encontro, tivemos a oportunidade de conversar con ela sobre os seus inicios no ámbito da acuicultura, do seu traballo a día de hoxe e do camiño a seguir con respecto á acuicultura ecolóxica.

 

En que momento comeza o teu contacto coa acuicultura? Como cres que avanzaron as liñas de investigación desde que comezaches ata agora?

Eu empecei a traballar nisto cando acabei a miña carreira, Dereito, e cando decidín facer a tese doutoral; como son de familia mariñeira e levo o salitre no sangue, dixen: ten que ser algo relacionado co mar, sen dúbida. Empecei a ver que non había moitas cousas sobre o marisqueo, que foi a miña primeira posta en escena no ámbito xurídico e académico. Tamén, curiosamente, cando me licenciei collín o barco de Moaña a Vigo cara Bouzas, que era onde estaba o CSIC, e alí estaba o profesor Uxío Labarta, outro dos relatores neste congreso. El foi quen me abriu a visión a toda esta nova liña de investigación máis cara o ámbito das ciencias sociais, porque ata aquel momento estudábase dende un punto de vista biolóxico, a evolución técnica e tecnolóxica, etc., mais dende un ámbito socioeconómico apenas se indagaba nada, e menos dende o ámbito xurídico. Entón eu, que viña das leis, e que tiña claro que non ía exercer como avogada, investiguei un pouco o réxime xurídico do litoral e como poder contribuír dende o punto de vista legal a conseguir unha mellor gobernanza no ámbito da acuicultura. Uxío Labarta abriume esa liña de investigación dalgunha maneira, porque foi o meu primeiro contacto cos que saben deste ámbito do marisqueo, da acuicultura, e seguín por aí, onde vin que había moito traballo por facer.

Máis tarde traballei tamén na Consellería, coñecín a Administración, a regulación dende dentro e tiven a oportunidade de participar nas regulacións e ver como se facían as políticas. Era moi interesante todo o ámbito da gobernanza e da acuicultura e promover o desenvolvemento local das comunidades pesqueiras e litorais galegas, que teñen un potencial tremendo; formar parte diso é moi agradable.

Agora, xa dende o Centro Tecnolóxico do Mar, coordinamos proxectos europeos e nacionais no ámbito da acuicultura, da pesca e da ordenación do litoral.

 

Coa túa extensa traxectoria, hai algún proxecto ou resultado acadado que che outorgase especial satisfacción?

O máis satisfactorio foi crear un equipo entre todos, o que conformamos a Área de Socioeconomía da Pesca no Cetmar. Ata agora, no ámbito do mar, da pesca e da acuicultura, sempre houbo e sempre hai, e é necesario ademais, a importancia do aspecto biolóxico, pero nós estamos tamén traballando polas persoas e polo recurso humano que desenvolve esa actividade, o ámbito social, o económico e o cultural, porque Galicia está ligada inseparablemente a esta cultura mariñeira que inclúe a pesca, o mar, a acuicultura e o marisqueo. Traballar tamén coas mulleres mariscadoras foi moi satisfactorio, ao igual que participar en proxectos internacionais, coñecer xente de diferentes países e investigadores fantásticos dos que aprendemos moito, ao igual que mulleres incribles das que tamén aprendemos e coas que compartimos moitísimo coñecemento e maneiras de traballar en equipo. Entón, o máis satisfactorio foi todo o camiño que levamos percorrido para chegar ao resultado.

 

Que zona a nivel europeo ou mundial poderías dicirnos que é un modelo a seguir na investigación do mundo da acuicultura? Onde se situaría Galicia e cales son os primeiros lugares aos que hai que mirar?

Non é por tirar para a casa, pero dende logo que hai que mirar para Galicia, sen dúbida ningunha. Estamos vendo como é noutros lugares e tivemos a oportunidade de traballar con pioneiros, coma Noruega, por exemplo, que ten centros de investigación que se dedican ao desenvolvemento da acuicultura. O petróleo e o cultivo de salmón son os seus grandes eixos, pero dende logo que, despois de traballar moitos anos con eles, non teñen nada que envexar a Galicia.

Aquí temos uns centros de investigación magníficos e impresionantes e uns científicos e científicas de primeiro nivel. Ademais, no ámbito da acuicultura hai cohesión e grupos de traballo que están traballando en conxunto. Agora, co Programa de Ciencias Mariñas, financiado pola Xunta de Galicia, e co plan Next Generation, do Goberno Central, estase traballando en varios centros de Galicia que se focalizan no ámbito da acuicultura para desenvolvela e chegar a unha acuicultura máis competitiva, a diversificar e a desenvolvela económica e socialmente.

Hai moito polo que tirar, e non soamente no ámbito de investigación, no da gobernanza tamén. Galicia sempre foi pioneira; levamos anos e anos con normativa, tratando de xerar unha certeza xurídica para os que queiran investir e desenvolver actividades. Hai que mellorar? Sen dúbida, pero é un proceso e hai que seguir traballando nel, o cal parece que é a idea das Administracións. Creo que Galicia é un precedente sen dúbida.

En canto á acuicultura ecolóxica, que se está facer? Podería seguir medrando tendo en conta a situación socioeconómica e ambiental que estamos a sufrir? É un camiño a seguir?

A acuicultura ecolóxica é un camiño máis e, dende logo, a acuicultura ten a sorte de poder desfrutar de toda unha regulación a nivel europeo e estatal que apoia e empurra estas iniciativas, non soamente a lexislación, senón que tamén temos fondos; a Unión Europea, a través do Fondo europeo Marítimo e de Pesca, que agora tamén chamamos de Acuicultura. Con isto xa se lle está a poñer no título o termo de “acuicultura” e dicindo: tamén ides ter fondos e estamos dispostos a financiar e a apoiar esta actividade.

A acuicultura é unha actividade máis propensa a establecer directrices, regulación e protocolos para dirixirse a un mercado ecolóxico e a unha produción ecolóxica. Dende logo, é unha saída máis, todo aquilo que ten que ver coa protección ambiental, coa sustentabilidade… está garantido. Nós vimos algún proxecto europeo para promover a acuicultura de baixo nivel trófico, como son os mexillóns, as ameixas, o ourizo de mar… Toda esa actividade é acuicultura, e aínda se cabe máis sustentable, porque ten unha serie de efectos nos ecosistemas que benefician incluso á súa protección ambiental e é moitísimo máis sostible. En Galicia somos pioneiros neste tipo de acuicultura que protexe o medio ambiente, e aí é onde a acuicultura ecolóxica pode xogar un papel importante.

 

Que importancia lle das a este tipo de eventos para fomentar o mar e, sobre todo neste caso, o mar ecolóxico?

Todos os eventos, e que ademais estean abertos ao público en xeral, son importantísimos. No ámbito da acuicultura, que é algo do que ao mellor non se fala tanto ou non se coñece tanto, ás veces non hai unha transparencia por parte das empresas ou nos chegan mensaxes que non son de todo correctas, polo tanto, este tipo de eventos públicos  serven para dar a coñecer e para informar á xente en xeral do que importa esta actividade, porque estamos falando de produción de alimentos, polo tanto, é algo relevante. Así pois, debe ser transparente e ser coñecida pola xente, e esta é unha das formas de dar a coñecer a acuicultura e que os científicos conten o que están facendo; tamén que haxa unha tradución a unha linguaxe que se entenda sobre que é ese traballo e que están facendo os expertos, é dicir, traducilo para a que a sociedade vexa no que se está investindo o diñeiro, no que gasta a Administración e no que están traballando os científicos, neste caso, galegos.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.