• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Por que deberiamos escoller viño eco certificado para as nosas vindeiras celebracións?

Un dos produtos máis recoñecidos da nosa terra é o viño, con diferentes denominacións de orixe destacables. Esta bebida de calidade, tan arraigada á nosa cultura e tradición, na súa versión ecolóxica achéganos diversos beneficios para a nosa saúde. Neste artigo explicamos en detalle por que deberiamos optar por viños ecolóxicos certificados para os nosos próximos festexos (iso si, sempre con moderación).

 

INTRODUCIÓN AO VIÑO ECOLÓXICO E AS SÚAS CARACTERÍSTICAS

A viticultura ecolóxica promove métodos que respectan a terra, a biodiversidade e tamén ás persoas. En Galicia, é moi coñecido o termo de “viticultura heroica”, que se emprega para describir o cultivo da vide en condicións extremadamente difíciles, algo moi habitual na Ribeira Sacra.

O viño ecolóxico provén de uvas cultivadas sen herbicidas nin pesticidas químicos artificiais. Na súa elaboración empréganse métodos naturais e sostibles.

De feito, a biodiversidade nas viñas promóvese mediante cubertas vexetais que atraen animais beneficiosos para o control de pragas, o que mellora a saúde do solo e prevén a erosión. España converteuse en líder mundial, en superficie, de viñedo ecolóxico.

Unha das características principais do viño eco é que o manexo ecolóxico da terra e da vide dá lugar a produtos de calidade, con gran pureza e autenticidade.

Ademais, o máximo de sulfitos permitido é inferior ao dos viños convencionais, e conta con máis propiedades antioxidantes.

 

QUE VANTAXES NOS OUTORGA O VIÑO ECOLÓXICO CERTIFICADO?

O viño ecolóxico certificado ofrece múltiples vantaxes, tanto para a nosa saúde coma para o medio ambiente:

  • Pode ter propiedades antiinflamatorias e protectoras das células.
  • Rico en antioxidantes naturais coma polifenoles e o resveratrol.
  • Non contén aditivos artificiais nin sulfitos en exceso.
  • Maiores propiedades organolépticas.
  • Produto de gran calidade, con pureza e autenticidade.
  • Elaborado sen pesticidas nin fertilizantes químicos sintéticos.

 

CONSERVACIÓN MÁIS NATURAL DO PRODUTO

Isto conséguese grazas á normativa ecolóxica que, en primeiro lugar, limita o contido máximo de anhídrido sulfuroso engadido para a súa elaboración. En segundo lugar, a transformación do azucre prodúcese de maneira máis natural. Finalmente, prohíbense certas prácticas, procesos e tratamentos que alteran a fermentación e conservación do viño.

Por todo isto e moito máis, aconsellamos que, á hora de mercar viño, optemos sempre por unha opción ecolóxica certificada, xa que resultará moito máis beneficiosa para a nosa saúde ca un viño convencional.

Nunha terra con tanta tradición vitivinícola como a nosa, optar polo viño ecolóxico é unha maneira de celebrar co corazón, co gusto e co respecto pola natureza.

 

LEMBRA BUSCAR O SELO

É importante prestar atención ao etiquetado dos alimentos escollidos para asegurarnos de que realmente son ecolóxicos:

  • O logotipo ecolóxico europeo consiste nunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde; este é sempre obrigatorio acompañado do código de control da nosa comunidade autónoma ES-ECO-022-GA.
  • O selo de garantía Craega é a etiqueta que demostra que o alimento foi producido de maneira respectuosa co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. Obtense despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización cumprindo coa normativa do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.

 

Fontes:

  • Consello de Agricultura e Alimentación Ecolóxica de Euskadi
  • Consello da Produción Agraria Ecolóxica da Rioxa

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.