fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Axudas para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR670D).
BDNS (Identif.): 672443.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores dos montes ou terreos forestais e/ou dos seus aproveitamentos, que actúen mediante arrendamentos, cesións ou contratos plurianuais coa propiedade cuxo obxecto sexa inequivocamente a xestión do monte ou terreo forestal e/ou agrícola e/ou dos seus aproveitamentos, e non sexan incompatibles cos compromisos a que están obrigadas as persoas beneficiarias ao abeiro do establecido na presente orde e na normativa aplicable.

2. Así mesmo, poderán ser persoas beneficiarias as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (Sofor), que estean inscritas, de instancia ou oficio, no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, ou no Rexistro das Sofor, e os axentes promotores produtivos que, ao abeiro do establecido na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, sexan adxudicatarios de propostas de actuación nos polígonos agroforestais de iniciativa pública ou nos polígonos cortalumes ou que sexan promotores de polígonos agroforestais de iniciativa privada. Tamén serán persoas beneficiarias aquelas cuxas propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas á aldeas modelo, ao abeiro do establecido na Lei 11/2021, do 14 de maio, resulten seleccionadas. Tanto os polígonos agroforestais como as aldeas modelo deberán estar rexistrados respectivamente, no Rexistro Público de Polígonos Agroforestais e no Rexistro de Aldeas Modelo da Comunidade Autónoma de Galicia regulados na devandita lei.

3. Os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC).

4. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda. En calquera caso, seralles de aplicación o réxime transitorio disposto na disposición adicional sétima da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

7. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, e proceder a súa convocatoria para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo MR670D).

2. Estas axudas ampáranse nas actuacións incluídas nos investimentos I3, restauración de ecosistemas e infraestrutura verde, do compoñente 4, do PRTR, segundo o acordado nas conferencias sectoriais de medio ambiente do 9 de xullo de 2021 e do 15 de decembro de 2021, e, polo tanto, o marco normativo básico é o seguinte:

– Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da UE para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19.

– Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

– Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012.

– Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) de España aprobado o 16 xuño de 2021 pola Decisión de execución do Consello da Unión Europea.

– Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do PRTR.

– Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do PRTR.

– Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do PRTR.

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Na falta do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, incluídas as sectoriais, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que poidan resultar aplicables.

3. As actuacións subvencionadas atenderán ao principio de «non causar dano significativo » a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR670D).

Cuarto. Importe

1. As accións previstas nesta orde financiaranse nos exercicios 2023 e 2024 con cargo aos seguintes códigos de proxecto:

a) 14.03.713B.770.0 2022 00139, excepto para entidades locais, por un importe de 3.406.748 euros distribuídos do seguinte xeito:

– 340.674,80 euros para o ano 2023.

– 3.066.073,20 euros para o ano 2024.

Segundo as liñas definidas, o crédito distribúese do seguinte xeito:

– Actuacións incluídas no artigo 7.1.a) (liña I: fomento de plantacións de castiñeiro para froito): 119.236,18 euros para 2023 e 1.073.125,62 euros para 2024.

– Actuacións incluídas no artigo 7.1.b) (liña II: rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros): 221.438,62 euros para 2023 e 1.992.947,58 euros para 2024.

No caso de que, unha vez priorizados os expedientes solicitados, non se consuma a totalidade do importe establecido pola distribución de crédito arriba indicada para as liñas I e II, os importes sobrantes pasarán a financiar a outra liña (a I ou a II, segundo corresponda) para facer fronte aos expedientes solicitados.

b) 14.03.713B.760.0 2022 00139, só para entidades locais, por un importe de 180.000 euros distribuídos do seguinte xeito:

– 18.000,00 euros para o ano 2023.

– 162.000,00 euros para o ano 2024.

Segundo as liñas definidas, o crédito distribúese do seguinte xeito:

– Actuacións incluídas no artigo 7.1.a) (liña I: fomento de plantacións de castiñeiro para froito): 6.300,00 euros para 2023 e 56.700 euros para 2024.

– Actuacións incluídas no artigo 7.1.b) (liña II: rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros): 11.700,00 euros para 2023 e 105.300,00 para 2024.

No caso de que unha vez priorizados os expedientes solicitados non se consuma a totalidade do importe establecido pola distribución de crédito arriba indicada para as liñas I e II, os importes sobrantes pasarán a financiar a outra liña (a I ou a II, segundo corresponda) para facer fronte aos expedientes solicitados.

2. Esta orde tramítase mediante tramitación anticipada de gasto, conforme o establecido no artigo 67 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

3. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. A Consellería do Medio Rural poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. Estas axudas financiaranse con cargo aos fondos asignados ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

5. A distribución de fondos e aplicacións orzamentarias sinaladas son unha previsión que, de acordo co artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se deberá axustar, tras a valoración das solicitudes para adecuarse á proposta elaborada pola subdirección xeral responsable dos recursos forestais recollida no artigo 18.6 da orde. Será posible incluso a incorporación de novas aplicacións sen incrementar o crédito total, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Os traballos solicitados na solicitude de axuda non poderán iniciarse antes da inspección previa a que se refire o artigo 20 desta orde e estarán condicionados á aprobación da axuda.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

 

Ver DOG

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.