fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O impacto da agricultura e gandería ecolóxicas no cambio climático – V Eco unidade didáctica

Traemos unha nova publicación coa que buscamos que os máis pequenos da casa comprendan a necesidade dun desenvolvemento sustentable. Polo tanto, queremos que os nenos e nenas entendan o impacto da intervención humana no medio e no cambio climático e que coñezan a relación entre o desenvolvemento sustentable e o consumo responsable.

 

O impacto da agricultura e gandería ecolóxicas no cambio climático

A agricultura contribúe principalmente á emisión de tres tipos de gases de efecto invernadoiro: o dióxido de carbono (CO2), o metano (CH4) e o óxido nitroso (N2O). O CO2 emítese basicamente polo uso da maquinaria agrícola e o uso de fertilizantes e pesticidas que consumen enerxía derivada do petróleo. Outra razón do gran impacto no cambio climático da produción agrícola é a deforestación para a plantación de cultivos. O metano é emitido en maior medida pola gandería intensiva e o óxido nitroso ten relación cos excesos de fertilización e o achegamento de nitróxeno os cultivos, aínda que tamén se emite a través de procesos naturais.

A agricultura ecolóxica é capaz de fixar carbono evitando que se emita á atmósfera, tanto no solo coma nos propios cultivos e nas árbores e sebes. Estímase que as emisións de CO2 dunha produción ecolóxica son entre un 44 e un 68 % menores que unha convencional. A rotación de cultivos tamén axuda ao aumentar a biomasa do solo, que permite emitir menos nitróxeno. A gandería ecolóxica esixe o pastoreo por cuestións de benestar animal ligadas á propia certificación.

En definitiva, a agricultura e gandería ecolóxicas son unha forma de produción máis sustentable que a convencional.

Os produtos ecolóxicos como foco no consumo responsable

O consumo de alimentos ecolóxicos é consumo responsable, xa que axuda a:

  • Minimizar os gases de efecto invernadoiro que causan o cambio climático.
  • Conservar acuíferos e augas subterráneas evitando a súa contaminación.
  • Favorecer a especies silvestres como aves, abellas, insectos varios, ras, sapos e outras especies necesarias para o equilibrio natural.
  • Contribúe á prevención dos incendios forestais debido ao control sobre a biomasa inflamable, servindo de cortalumes naturais.
  • Benestar animal, libre movemento, mellores condicións de alimentación e saúde.
  • Axuda a fixar poboación ao medio rural e favorece unha economía máis xusta.
  • Produce maioritariamente alimentos de tempada que precisan menos auga, menos transporte (son locais), son máis saborosos e teñen un custo menor debido a que se producen ao mesmo tempo.

Existen moitos calendarios onde nos informan de que froitas e verduras son propias de cada tempada.

Suxestión de traballo na casa ou na aula

  • Creación do calendario da tempada correspondente: proponse que os nenos fagan unha colaxe de alimentos de tempada que estea exposta na cociña da casa ou na aula para recordar cales son as preferencias deses meses en relación á froita e á verdura.

Como identificar un produto ecolóxico

Para recoñecer os alimentos ecolóxicos temos que fixarnos na súa etiqueta. O etiquetado do produto ten que ser visible no envase a conter as seguintes referencias:

  • O logotipo ecolóxico europeo.

Trátase dunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde, que é sempre obrigatoria. No caso de alimentos certificados en Galicia, o código do órgano de control (ES-ECO-022-GA) e o selo Craega que así o certifique.

  • O lugar de orixe dos ingredientes, que poden ser:

-Agricultura UE, cando as materias primas son da Unión Europea.

-Agricultura NO UE, cando os ingredientes son de terceiros países.

-Agricultura UE/NON UE, cando a orixe é mixta.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.