• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Uxío Labarta: “As bateas de mexillón son un ecosistema en si mesmo”

Un dos relatores do I Congreso de Acuicultura Ecolóxica de Galicia, que tivo lugar en Santiago de Compostela a finais de novembro, foi Uxío Labarta, profesor de investigación no CISC. “O mexillón, ecoloxía e alimento azul” foi o título da súa charla e, na conversación que mantivemos con el, incidiu en varios aspectos relevantes relacionados con esta temática.

 

Poderiasnos facer un resumo da túa exposición no día de hoxe?

O meu relatorio é unha exposición de como foi o volver da primeira industria marítima que hai en Galicia, que é o mexillón, con súas 250.000 toneladas, moi por riba das descargas de peixe fresco, que están en 150.000. Digo isto para dar conta da importancia que ten este sector, dependente absolutamente do medio natural, é dicir, das rías e, polo tanto, das características ecolóxicas delas por unha parte, que son as que permiten soster esa produción, pero tamén das alteracións que nelas hai, sexa ben de ventos, de radiación solar, de fenómenos atmosféricos adversos, coma ondadas, ou de escorrentías dos ríos e das chuvias, que poden variar esas condicións ecolóxicas.

As bateas de mexillón son un ecosistema en si mesmo, onde existen unhas 77 especies asociadas que viven nas cordas de mexillón. Nas rías hai uns 18.000 millóns de mexillóns colgados desas cordas e das 3.300 bateas, que á súa vez eses mexillóns son unha gran maternidade que é a que aporta larvas e sementes de mexillón.

Hai riscos? Si, hai riscos, é dicir, o mexillón e en xeral as rías galegas hai moitos anos que precisan ter un observatorio que siga fielmente cales son os distintos aspectos que están incidindo e que poden poñer en perigo non soamente ao tema do mexillón, senón en xeral a calidade das rías e da propia produción. Vemos que tamén no marisco branco hai unhas caídas, neste caso probablemente asociadas a baixas de salinidades que houbo no outono con esas grandes chuvias, pero iso non debe facernos esquecer que xa no 2022 as estatísticas de colleita din que a ameixa xaponesa, que é a que soporta –terriblemente, pero é a que soporta– a produción de ameixas, xunto co berberecho, xa baixou ao 50 % da súa produción. Este ano hai mortalidades masivas, hai unha situación catastrófica derivada das chuvias pero as alertas xa estaban dadas.

 

En relación co espazo ecolóxico e económico das nosas rías, que características poderías salientar da diferenciación das rías galegas respecto doutras para que sexa sostible o cultivo do mexillón?

Hai moitos anos eu definín as rías coma un gran espazo bioeconómico. É dicir, onde o que sucede é que, salvo o caso este tan concreto do mexillón coas súas bateas, que digamos é unha actividade continua, a realidade de explotación das rías é que hai unha alternancia de artes. Os mesmos barcos e os mesmos traballadores van alternando os seus artes en función da dispoñibilidade das especies, que teñen un ciclo tamén biolóxico. Tradicional era, e tradicional segue sendo, neste caso na ría de Noia, que é a única que o respectou, que o marisqueo empezaba o 1 de outubro e, como moito, non se prolongaba máis alá do 1 de marzo, porque era cando empezaba xa a haber postas, e había que coidar a cría. Na ría de Noia foi o esquema que se seguiu e é o que lle deu moi bos resultados. Outras cofradías, outras rías, nas súas concesións ou nas súas factorizacións, cambiaron isto e movéronse por criterios de mercado, por picos de demanda que hai no verán, cando chega o turismo, e iso provocou unha alteración.

Ademais, non hai que esquecer nunca que as rías son tamén un gran depósito regulador de marisco, é dicir, nós non producimos todo o que damos consumido, pero ademais todo o que sae de Galicia ten unha marca, aínda que teña vido, por exemplo de Portugal, ou de Vietnam… Entón hai unha importación masiva que se comercializa, Galicia distribúe ese tipo de especies, non sucede soamente no caso do marisco, sucede en xeral con todos os produtos do mar e coa gran pesca internacional.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.