fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Grande acollida en Pontevedra da primeira das ‘Ecoexperiencias do Craega’

 

Baixo o lema Vive e coñece a produción ecolóxica de Galicia, a pasada fin de semana (11-12 de setembro) tiña lugar en Pontevedra a primeira das catro “Ecoexperiencias do Craega”, unha nova iniciativa do Consello organizada por Slow Food Compostela,  que se levarán a cabo nas catro provincias galegas co principal obxectivo de visibilizar produtores e elaboradores ecolóxicos da nosa comunidade que leven o selo do Consello Regulador.

Este novo proxecto consiste en catro rutas a través das cales un grupo de influencers gastronómicos visitarán diversos lugares para dar a coñecer dende as súas diferentes plataformas dixitais a produción ecolóxica da zona.

Neste primeiro encontro xuntáronse un total de 11 blogueiros e blogueiras galegos, nacionais e internacionais: Alvientooo, Petiscos Galegos, Rogelio Santos Queiruga, Amar Viajar e Petiscar, Vanesa Bustos, Gastroactivity, Blondie Muser e ElMundook.com, ademais da deportista galega Belén Toimil, recentemente chegada dos Xogos Olímpicos de Toquio.

Con esta nova iniciativa o Craega pretende amosar de primeira man a singularidade destes produtores en ecolóxico e ensinar cal é a diferenza que marca a súa calidade final.

 

PONTEVEDRA, ECOLÓXICA POR TERRA E POR MAR

O sábado 11 de setembro o grupo partiu desde Compostela rumbo a Vilanova de Arousa, onde realizou a primeira parada nunha produción moi especial: unha batea de mexillóns ecolóxicos nun catamarán dende onde puideron ver como é o traballo desta cría de molusco e aprender que ten de especial con respecto ao convencional. Nesta primeira visita colaborou Dime Salnés.

A seguinte parada foi a conserveira Pan do Mar

Dentro do catálogo de provedores cos que traballan, contan con pesca sostible, mexillón certificado da DOP Mexillón de Galicia pero, sobre todo, con verduras, aceites e escabeches ecolóxicos, que achegan coherencia e calidade ao produto final que chega ao consumidor.

Tras estas visitas, este mesmo día puideron degustar un menú de produtos eco no restaurante da Quinta de San Amaro.

 

Xa pola tarde desprazáronse ata a explotación gandeira de Isidro Peleteiro en Pedre (Cerdedo):reses en extensivo, alimentadas exclusivamente con pastos, en gran medida grazas a traballar cunha raza autóctona galega, a frieiresa, que está adaptada ao hábitat e permite a súa cría en liberdade todo o ano.

Despois puxeron rumbo cara á Estrada, onde os esperaba Javier Agrelo de Biofruit Galicia, explotación que apostou polo arando ecolóxico, unha froita cunha demanda cada vez maior no mercado galego. 

Alí tamén se sitúa Kiwi Atlántico, empresa que conta actualmente con máis de setenta socios e vinte produtores colaboradores, o que a fai a maior produtora de kiwi de España e unha  das máis importantes de Europa.

Os participantes nesta primeira ecoexperiencia fixeron noite en Torres de Moreda, a 4 km do centro urbano da Estrada, que posúe unha leira dunha extensión de 25.000 m2, a súa maioría dedicada á plantación de maceiras para produción de sidra ecolóxica.

O domingo visitaron a plantación de maceiras autóctonas de Callobre con cuxo produto se elabora a espirituosa sidra ecolóxica Rabiosa, e logo foron ata Silleda para coñecer a María José Tallón, impulsora de Trasdeza Natur, e ao seu marido Rosendo Estévez.

 

Esta horta está situada nunha zona con gran diversidade ecolóxica, que permite unha produción autóctona ao longo do ano. Ademais, transforman algúns deses produtos frescos para darlles máis permanencia no tempo a modo de aperitivos deshidratados, conservas e especias.

Esta primeira ruta pola provincia de Pontevedra puxo punto e final no Restaurante A Moa onde degustaron, do mesmo xeito que na Quinta de San Amaro, máis produto certificado en ecolóxico polo Craega. O prato estrela nesta ocasión foi a costela de tenreira galega ecolóxica.

A seguinte ecoexperiencia terá lugar na provincia da Coruña a fin de semana do 25 e 26 de setembro e prevese a presenza dun grupo de 9 blogueiros que coñecerán de preto a produción ecolóxica e visibilizarán o labor dos nosos operadores nesa provincia.

Fotos: Alvientooo *Texto adaptado da folla de ruta realizada por Slowfood Compostela para Ecoexperiencias do Craega.    

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.