fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A castaña eco, o sabor do outono galego

 

É o froito por excelencia desta estación en Galicia. As rúas das vilas e das cidades recenden a castaña asada e son numerosos os puntos da comunidade onde celebran a colleita acompañada do viño novo nos populares magostos. Con todo, a castaña de produción ecolóxica, en progresiva expansión tanto en superficie coma en volume de negocio dende os comezos da existencia do Craega, ten un importante valor engadido respecto da convencional: en todo o proceso, dende que se planta a árbore ata a súa recolección, está prohibido empregar herbicidas ou outro tipo de produtos químicos non autorizados pola normativa de produción ecolóxica, polo que, ademais de saboroso e nutritivo, consumiremos un alimento máis san e máis respectuoso co medio ambiente.

CASTANEA SATIVA, A ORIXE. Castanea sativa é o nome científico deste froito, un alimento presente nas mesas galegas dende tempos inmemoriais, cuxo maior desenvolvemento e implantación en España tivo lugar durante a presenza dos romanos. Nesa época as castañas consumíanse asadas, crúas, secas ou en fariña e formaban parte da dieta durante todo o ano. A súa proliferación na nosa terra débese ao clima, temperado e húmido, propicio para o desenvolvemento do castiñeiro (Castanea sativa Mill.), como se reficte no feito de que a maioría dos soutos do Estado se localizan na zona noroeste e nomeadamente na nosa comunidade.

A partir do século XVI, coa incorporación da pataca e do millo chegados de América e co desenvolvemento de enfermidades do castiñeiro, a castaña quedou relegada co paso dos anos a un alimento para clases sociais máis humildes e os seus animais domésticos.

Andando o tempo, a súa consideración mudou ata adquirir unha imaxe máis sofisticada e a súa demanda foi protagonista dun auxe procedente da revalorización dos produtos artesáns, así como a súa utilización na alta cociña, ata chegar a compartir mesa coas máis altas selectas exquisiteces e a internarse nos principais mercados internacionais de moi diversas formas: fresca, moi apreciada para a elaboración do marrón glacé; deshidratada; fariña; sopa; crema ou conservas (natural e en almibre), por citar só algunhas opcións.

SABOROSA E SAUDABLE. Asada, cocida en caldo ou con leite, a castaña representa un dos alimentos esenciais da gastronomía galega e consómese soa ou combinada con pratos de caza, verduras, carne… ademais de constituír unha excelente base para elaborar exquisitas sobremesas.

Actualmente ninguén dúbida das súas calidades nutritivas e da súa baixa achega calórica, pois o seu compoñente maioritario son os hidratos de carbono (almidón, sacarosa e fibra soluble).

Ten un baixo contido de proteínas, aínda que de valor biolóxico máis importante que o doutros vexetais, é dicir, de mellor calidade. A cantidade de graxa presente nelas tamén é moi baixa, bastante similar á dos cereais e, por tanto, moi inferior á dos froitos secos. É, ademais, unha boa fonte de vitaminas C, E e B e minerais (K, P, Mg, Ca e Fe). O seu baixo contido en glute está a espertar interese para a súa utilización en alimentos aptos para celíacos e tamén para dietas baixas en sodio.

En definitiva, a castaña é un alimento moi nutritivo, ademais de saboroso, moi recomendable para incluír nunha boa alimentación.

UN FROITO QUE NON DEIXA DE MEDRAR. Os datos recompilados no último exercicio do Craega falan por si sós. Dende que o Consello botou a andar, o ascenso da produción da castaña ecolóxica, nomeadamente nos últimos anos, é imparable, como reflicten as gráficas que amosamos a continuación.

“Ser líderes no mercado implica apostar pola excelencia na calidade”

Jesús Quintá, xerente de Alibós

Alibós dedícase dende hai máis de 50 anos á manipulación e á venda de castañas cun amplo nicho de mercado no eido internacional. A colleita procedente de solo galego está certificada pola IXP Castaña de Galicia e parte da súa produción está certificada en ecolóxico polo Craega. Charlamos con Jesús Quintá, xerente desta veterana firma e presidente da IXP Castaña de Galicia.Ler máis

“Se os castiñeiros aguantan, nós estaremos con eles”

Anabel Dacosta, da empresa Pecado de Outono

Anabel Dacosta e José Feijóo son os responsables desta empresa situada no concello ourensán de Riós. Tras máis de 15 anos dedicados á recolección de castaña, dende hai seis deron o salto á súa transformación e á comercialización de castaña fresca, deshidratada e tamén fariña, produtos todos eles que saen á rúa coa garantía do selo do Craega.Ler máis

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.