“Ser líderes no mercado implica apostar pola excelencia na calidade”

Jesús Quintá, xerente de Alibós

Alibós dedícase dende hai máis de cincuenta anos á manipulación e á venda de castañas cun amplo nicho de mercado no mercado internacional. A colleita procedente de solo galego está certificada pola IXP Castaña de Galicia e parte da súa produción está certificada en ecolóxico polo Craega. Charlamos con Jesús Quintá, xerente desta veterana firma e presidente da IXP Castaña de Galicia.

Como se prevé a colleita de castañas deste ano?
Irregular. Algúns concellos galegos foron máis afectados pola avespa do castiñeiro e contamos que a súa produción se vexa minguada. A calidade do froito diminuíu debido ás altas temperaturas que tivemos no inicio do outono, pero agardamos que as variedades algo máis tardías teñan mellor calidade.

Que porcentaxe se produce en ecolóxico en Alibós?
Preto dun 10 % das castañas comercializadas en Alibós proceden de soutos certificados en ecolóxico, que non sofren ningún tipo de tratamento con fitosanitarios nin fertilizantes non autorizados e nos que se realizan os traballos agrícolas e recolección de maneira sostible e respectuosa coa fertilidade do solo.

Cando deciden a súa conversión en ecolóxico e por que?
Somos unha das empresas máis antigas certificadas polo Craega, desde a súa creación en 1997. Naquel momento vimos a potencialidade do mercado ecolóxico da castaña no resto de Europa e aproveitamos a posibilidade. A nosa posición de líderes na comercialización de castaña pelada para industria obríganos a ofertarlles aos nosos clientes toda a gama de calidades e certificacións posibles e desta forma fidelizalos.

Cales son os seus principais provedores?
Unha gran parte da castaña ecolóxica procede de zonas de Galicia de cultivo tradicional onde hai agricultores certificados e o resto procede das fincas que xestiona Alibós con contratos directos cos propietarios dos soutos. Tamén temos provedores doutras comunidades e de Portugal.

Que propiedades se teñen que dar no solo para que o souto produza castaña de calidade?
Os mellores solos son os de máis de 1 m de espesor, que garanten a alimentación hídrica e de nutrientes, así como areentos para favorecer unha boa drenaxe. O castiñeiro prefire chans con pH ácido, cun contido equilibrado en nitróxeno e materia orgánica.

Cales son as súas principais liñas de produción?
Nós retiramos as dúas peles da castaña mediante tecnoloxía específica e conxelámola para que poida utilizarse durante un longo período de tempo por outras industrias que procesan produtos derivados ou para ser consumida directamente nos lineais de conxelado dos mercados máis gourmet.

Cal é o principal mercado de Alibós?
Vendemos en 17 países, entre eles, Francia, Suíza, Xapón, EE. UU., Reino Unido, Alemaña, Bélxica…

Que é o Proxecto Soutos?
Iniciouse aló por 2010 e consiste na realización de novas plantacións, tanto propias como de terceiros cun sistema de cultivo adaptado á produción de froita de calidade, mediante a selección de variedades de alto rendemento que demanda o mercado.

Onde está a clave do seu éxito?
Ser líderes no mercado implica apostar pola excelencia na calidade, tanto do produto coma do servizo que o acompaña, investir en I+D, incorporar as últimas innovacións no proceso produtivo e no produto e actualizar continuamente a maquinaria e as instalacións. Deste xeito podemos ser competitivos e, ademais, dispoñer dun amplo coñecemento dun mercado no que levamos 50 anos traballando.

Dende o inicio do Craega tivo lugar un aumento considerable tanto na superficie dedicada á produción eco coma no volume de negocio. A que cre que se debe este incremento?
O consumidor cada vez está máis concienciado. Estamos vivindo nos últimos meses diversas iniciativas e protestas a favor da urxencia da protección medioambiental e a agricultura ecolóxica é o xeito produtivo que ten que acompañar esta tendencia. Coido que o consumo aínda ten marxe para incrementarse nos próximos anos, sobre todo no mercado interno, que acostuma a ir un pouco detrás doutros países europeos neste tipo de tendencias de consumo.

A castaña eco, o sabor do outono galego

Anabel Dacosta (Pecado de Outono): “Se os castiñeiros aguantan, nós estaremos con eles”