fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega asina un convenio de colaboración coa USC para programas de divulgación

De esq. a dta., a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, o reitor da USC, Antonio López, o presidente do Craega, Francisco López, e o director da EPS, Tomás S. Cuesta

Na xornada de hoxe, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinaron un convenio de colaboración. No acto, celebrado na Vicerreitoría de Lugo, estiveron presentes o reitor da USC, Antonio López Díaz, o presidente do Craega, Francisco López Valladares, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e o director da EPS, Tomás S. Cuesta García.

A creación dun marco xeral de actuacións entre as dúas entidades é o principal obxectivo deste acordo, a través do que se busca dar un novo pulo ás producións ecolóxicas en Galicia coa promoción de actividades científicas, culturais, pedagóxicas e de I+D, ademais de reforzar a alianza xa existente entre as dúas entidades. Traballarán no desenvolvemento de programas de divulgación, asesoramento e formación de persoal técnico e investigador.

O fluxo de persoal entre a USC e o Craega para a realización daquelas tarefas e proxectos que o requiran e a realización de prácticas por parte do alumnado da USC nas empresas adscritas á entidade responsable da certificación e promoción da agricultura ecolóxica de Galicia constitúe outro dos aspectos incluído neste convenio marco. O acordo pretende, asemade, constituír unha ferramenta útil para o sector socioeconómico e fomentar a innovación e a modernización dos sectores produtivos.

O presidente do Craega destacou na cita que este convenio vén de tempo atrás: “Xa tivemos alumnos da Escola Politécnica e da Facultade de Veterinaria en prácticas e dous deles, a día de hoxe, forman parte do cadro de persoal”. Engadiu que se aveciña un cambio “de tendencia no noso agro galego, cada vez máis sostible, e que precisa de implementar novas técnicas agrarias e dotarse de persoal cada vez máis cualificado. Este convenio ben pode ser o principio da colaboración entre a USC e o Craega para a mellora do coñecemento da produción ecolóxica ou da dotación de persoal cualificado para as novas explotacións, en definitiva, para dinamizar o noso agro galego, un sector importante na nosa comunidade”.

Comisión mixta de seguemento

O director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC, Tomás Cuesta, e o secretario do Craega, Javier García Lozano, integrarán a comisión mixta encargada de supervisar o bo funcionamento deste convenio marco, un acordo que non inclúe contraprestacións económicas e que estará vixente por un período de catro anos, renovables por acordo expreso das partes. A comisión mixta será tamén o órgano competente para propoñer acordos ou liñas de traballo específicas, ademais de velar polo seu correcto desenvolvemento.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.