“O futuro pasa por ganderías con terras”

O pasado 11 de novembro Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez, os dous condutores  do magazine que emite diariamente a Televisión de Galicia (TVG), recibiron no seu plató a José Luis Vaz, o presidente da cooperativa Verín Biocoop e propietario dunha explotación en ecolóxico con 80 reprodutoras da raza vianesa en Outeiro (Ríos, Ourense).

Este gandeiro de vocación chegou ao estudo do programa na súa moto, outra das súas paixóns. Tras relatar de xeito distendido as súas diversas viaxes polo mundo, centrouse no proxecto rural que emprendeu hai uns anos e en cales foron os motivos que o levaron a el. Segundo confesou, a pesar de estudar Filoloxía Inglesa e Información e Turismo na Universidade de Vigo, tiña claro que quería volver para Outeiro, o lugar onde naceu, en Riós (Ourense).

Con 31 anos, ao seu regreso a esta aldea, decidiu tomar as rendas dun proxecto moi especial. “Os estudos servíronme para poder formarme como persoa e acometer iniciativas innovadoras”, apuntaba no programa. Tras montar a primeira cooperativa e ver que non funcionaba, apostou por seguir nese eido e creou Verín Biocoop.

A esencia dos seus produtos é que “coidamos a natureza e os nosos consumidores”. Ademais, recuperan razas que están en perigo de extinción, xa que teñen as cachenas, vianesas, frieiresas e limiás. Entre todos os socios da cooperativa suman na actualidade máis de 2.000 cabezas de gando en case 6.000 hectáreas de base territorial. En concreto, na súa gandería de Outeiro de Riós, ten uns 150 exemplares. Todos estes animais pastorean durante todo o ano e o pouco penso que consomen é ecolóxico. “No meu caso, cando saco os xatos onde as nais, doulles uns dous meses penso para conseguir unha boa carne”.

Ante a pregunta dun dos presentadores de se se pode vivir disto, José Luis teno claro: “Si. Hai que ter en conta que a PAC valora o feito de traballar coa biodiversidade, a redución de emisión de gases de efecto invernadoiro e demais, e páganos por iso. Ao final, representa un 40 % da nosa renda anual e fai que poidamos vivir dunha maneira digna”.

Este gandeiro en ecolóxico, que conta coa certificación do Craega, resalta que “o futuro pasa por ganderías con terras, que é antitético á gandería intensiva sen terra. O intensivo, cando pasen unhas décadas, non vai a ser sustentable. A potencialidade que ten Galicia para desenvolver ganderías extensivas é fundamental; temos un gran futuro e hai que ter criterio e decidirse por este tipo de explotacións, para que non haxa miles de hectáreas baleiras a monte que arden todos os anos”.

Ver reportaxe completa