Galletas Mariñeiras, a longa e frutífera travesía de Daveiga

Xosé Lois Lamazares, un dos socios fundadores da empresa chantadina

As Galletas Mariñeiras son unha adaptación moderna do pan de barco, unha solución antiga dos mariñeiros para conservar o pan nas longas travesías oceánicas de forma natural. Pódense comer soas ou como acompañantes das comidas a calquera hora, xa que se poden combinar con doce ou salgado e a súa resistencia á absorción de humidade permiten que non se abranden co paso das horas. Coñecemos como chegaron estas galletas a Chantada da man dun dos seus creadores.

AS ORIXES DE DAVEIGA

Daveiga empezou a formarse en 2003 cando Xosé Lois Lamazares viaxou a Bos Aires para coñecer a empresa que tiña un dos seus irmáns, na cal facían galletas similares ás Mariñeiras. Os tres promotores do proxecto, entre os que está Xosé Lois, sempre tiveron a inquedanza de ter unha empresa propia en Rodeiro (Pontevedra), vila da que son naturais. Por iso fixeron un estudo de viabilidade dunha iniciativa agroecolóxica, pero cando coñeceron o traballo de seu irmán na Arxentina puxéronse mans á obra para implantalo en Europa. “Tíñanos comentado o que facían, pero nunca nos chamara a atención ata que fomos alí e vimos potencial para aquí, para o mercado europeo”, apunta Xosé.

A viaxe foi no ano 2003 e, logo de madurar a idea, no 2005 constituíron a sociedade. Nun principio querían instalarse en Rodeiro, pero faltaba solo industrial, entón só lles quedaba Lalín ou Chantada. “Decidímonos por Chantada porque tiña máis peso na agroindustria, parecíanos unha localización máis interesante para o proxecto”, indica. O desenvolvemento deste produto chegou a finais dese ano: “Levounos seis meses porque, a pesar de coñecer o proceso, nós tiñamos unha formulación diferente e a produción era diferente, entón pasamos un tempo ata conseguir un produto óptimo para presentar no mercado”, puntualiza. Ademais, buscaban contribuír á zona, xa que “nese momento había un déficit de actividade económica no interior”. Incorporaron o concepto de economía social e produción responsable “respecto do consumidor e, sobre todo, da organización empresarial e da política laboral da empresa”.

UNHA GALLETA “AGRADECIDA”

Actualmente, entre o mercado portugués e español, contan cunhas 16 referencias das Galletas Mariñeiras. Á hora de crear unha nova variedade, céntranse en tres cuestións. Por un lado, adaptarse aos perfís da clientela; por exemplo, para a hostalería é máis práctica unha galleta máis pequena que a clásica, pois “fixemos unha referencia adaptada para eles”. Outro punto a ter en conta é o sabor e, por último, que sexan saudables. “A galleta é moi agradecida á hora de incorporar un novo sabor”, explica Xosé. Na actualidade están pendentes de sacar as Mariñeiras bañadas en chocolate; de feito, teñen xa toda a maquinaria para facer o proceso.  

 A SEGURIDADE DO SELO DO CRAEGA

O primeiro que querían era contar con materias primas producidas ou, polo menos, transformadas no espazo máis próximo e, por suposto, que non incorporasen aditivos. “Unha das cousas que máis definía esa filosofía era contar co selo do Craega”, achega Xosé. Por iso, en 2007 xa contaron coa certificación na súa liña ecolóxica. Actualmente, o 10 % da súa produción conta co selo. Esta porcentaxe débese a que unha das canles principais de distribución son os supermercados “e aí prima a produción non certificada”.

Xosé ten claro co paso dos anos que “o produto ecolóxico ten algo en contra, os prezos, pero pouco a pouco estase aproximando ao produto convencional”. Considera que hai unha maior conciencia e aqueles que contan coa certificación ofrecen unha maior seguridade. “Non é o mesmo que nós digamos que é saudable e natural que sexa o Craega quen o certifique”, sinala.

PERSOAL PARTICIPATIVO

Actualmente, na empresa traballan unhas 80 persoas, das cales só unhas 9 non están de forma estable. O máis destacable desta entidade é que todas elas forman parte da empresa. “O modelo participativo que temos achega moitas vantaxes, entre elas, a flexibilidade á hora de organizar a xornada laboral”, explica Xosé. Recentemente, puxeron en marcha unha terceira quenda, a noite, na que se traballa de forma voluntaria. “Dáse a circunstancia de que hai máis voluntarios dos que fan falta. Isto é froito do modelo participativo, xa que son eles quen o deciden”, destaca.

Ademais disto, os empregados forman parte da dirección da empresa e, se hai beneficios, tamén os recollen. Hai unha total transparencia, xa que todos forman parte das decisións que se toman, ven o que cobra cada un e teñen coñecemento dos datos económicos; por exemplo, saben os beneficios que se xeran. “O que pretendemos é que teñan constancia de como está organizada e o porqué do que se leva a cabo, que vexan que somos coherentes co que facemos”, aclara.

APOSTA POLO RURAL

A contribución co desenvolvemento rural vén por crear postos de traballo. “Desde que nacemos, fomos mecanizando, pero non automatizamos, queremos que siga sendo semiartesanal, unha porque lle achega ao produto final esa manipulación intensiva por parte das persoas e outra porque nos permite crear postos de traballo”, explica. De feito, mecanizaron esas partes de traballo que eran máis “pesadas”, así melloraban o proceso e mantiñan os postos laborais. Outro factor é utilizar materias primas que cren valor engadido. “Na produción convencional compramos materia prima que procede de Galicia ou que é transformada aquí. Non todo é 100 % galego, pero si dos arredores máis próximos”. Xosé comenta que cando deron vida a Daveiga non pensaban nun investimento empresarial, “estabamos pensando en chegar a ter uns postos dignos de traballo e conseguímolo, ademais de lograr unha rendibilidade”.

UN PROXECTO EN CRECEMENTO

A pesar de que estamos na recta final dunha pandemia, Daveiga non notou o seu paso. Viñan de épocas de crecementos de ao redor do 40 % e, aínda que as vendas baixaron, houbo crecementos, “por iso estamos satisfeitos”. A Galleta Mariñeira non é un produto cotián nin de primeira necesidade, “aínda así non houbo un gran descenso de vendas”. Ademais disto, desde a empresa non frearon o proxecto da nova nave, que estará aberta para o vindeiro ano, un proxecto que viña desde o 2019 “xa tiñamos estudo técnico e a solicitude de obra. Non nos vimos na obriga de parar, porque lles seguimos vendo potencial ás Mariñeiras e canto antes o teñamos listo para sacarlle rendemento, mellor”, resalta. Trátase dun reinvestimento dos excedentes da empresa que chega a uns 5 millóns de euros.