• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Francisco Fernández, de Bubela Artesá: “Antes de comezar coa empresa xa tiñamos moi claro que unha das claves era producir todo en ecolóxico”

Francisco Fernández é un dos socios de Bubela Artesá, empresa que se dedica a elaborar pastas e cervexas ecolóxicas. Xa dende novo, Francisco comezou a ter interese polos produtos ecolóxicos. Logo dunha traxectoria profesional marcada por proxectos moi diversos, acabou fundando o seu propio negocio de alimentos ecolóxicos, que cumpre este ano o seu décimo aniversario.

 

Durante a túa infancia tiveches contacto dalgún xeito cos alimentos ecolóxicos? E se non, como xurdiu o teu interese por isto?

Sempre tiven moita inquietude co tema do medio ambiente en xeral. Desde que tiven capacidade de raciocinio propia, si que me interesaba. Sabía que os produtos se chamaban ecolóxicos, mais non había selo daquela; eu xa teño certa idade, pero si que lémbrome de, con 14 anos ou por aí, ir a buscar produtos ecolóxicos aos poucos lugares nos que os había. Había unha farmacia, lembro, hai anos, que vendían cousiñas así moi pequeniñas e tal… Si, sempre tiven interese por isto.

En que momento tomaches a decisión de apostar pola produción en ecolóxico?

Desde o primeiro momento, momento cero. Antes de comezar coa empresa xa tiñamos moi claro que unha das claves era producir todo en ecolóxico, por respecto ao medio ambiente e, sobre todo, porque ao ser consumidores de ecolóxico en case todo o que podemos, non tería moito sentido facelo en convencional.

Pensaches nalgún momento noutras posibles opcións a nivel profesional que seguir ou sempre o tiveches claro?

Sempre en ecolóxico. Nós empezamos con horta eco, sen certificar, é certo que non nos deu tempo a certificar, tivemos algún problema, e logo ao final cambiamos de actividade, pero sempre tivemos moi claro que ía ser todo en produción ecolóxica.

Como resumirías o teu percorrido profesional desde que comezaches ata agora?

Bastante sinuoso. Os comezos sempre din, e é certo, que non son nada sinxelos, porque xa non é soamente o oficio en si de elaborar cervexa ou pasta, senón todos os engadidos que non coñeces en profundidade, é dicir, está o tema empresarial, está o tema de lidar coa Administración, permisos etc. A comercialización é súper complicada e nós non temos formación previa neses aspectos. Tamén é complexo por todos os engadidos que ten a propia produción artesanal, coas súas complicacións, pero iso xa o tiñamos calculado previamente. O resto, sabiamos que estaba aí, pero non pensabamos que ía ser tan dificultoso. Fomos moi pouquiño a pouco para sortealos sen présas e sen abafos, e creo que acertamos nese aspecto.

“Lémbrome de, con 14 anos ou por aí, ir buscar produtos ecolóxicos aos poucos lugares nos que os había”

Por que producir en ecolóxico? Como lle explicarías á sociedade a importancia que ten?

Para min é vital, é dicir, a produción en convencional paréceme un erro moi grande a todos os niveis. A priori parecen produtos máis económicos, por iso son máis masivamente consumidos, e é certo que son máis económicos, pero o son porque non teñen en conta todos eses valores que externalizan as industrias que traballan en convencional e que nós non externalizamos; cando estragas un solo e ese solo ao cabo de certos anos xa non é fértil e xa non produce nada, é un custo ambiental que todos pagamos: estamos perdendo a fertilidade da terra; cando contaminas un río porque estás empregando moitos fertilizantes e pesticidas, ese río queda contaminado e a Administración tense que dedicar a intentar recuperalo cos nosos impostos, e o triste é que nin sequera se dá recuperado; cando estragas un sistema agrícola e o transformas por outro de produción masiva, monocultivo, pois estás estragando o noso futuro como sociedade, a soberanía alimentaria desaparece, e creo que é unha hipoteca bastante gorda. Entón, é certo, é máis caro, pero máis caro non por unha cuestión de “imos vender máis caro que como é ecolóxico e ten o selo pois xa podo…”, non. É máis caro porque realmente non se pode vender máis barato, é o que custa, é o custo real.

Estamos indo cada vez máis cara ao ecolóxico ou non?

Non o sei. Hai moito do que se chama agora greenwashing, todo o mundo se apunta ao carro de ecolóxico. Habería que ver se son posicións sinceras ou non, pero eu si penso que hai certa sensibilidade na poboación cara a isto, iso si que o percibo.

 

Que plans tes de cara ao futuro a nivel profesional? Manterte, mellorar, cambiar en algo…?

Mellorar sempre, é dicir, manter a produción, intentar incrementar e, como agora somos dous socios, e ambos somos autónomos, a idea é facernos cooperativa. Tamén queremos intentar mellorar o tema dos empaques para reducir ao máximo posible o uso de plásticos, que son residuais xa, pero aínda están aí. Un pouquiño de todo. Sempre, algunha idea temos, pero… pouco a pouco.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.