fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A Xunta aposta pola calidade diferenciada que ofrecen a agricultura e gandería ecolóxicas

A Xunta aposta pola calidade diferenciada que ofrecen a agricultura e a gandería ecolóxicas como vía para aumentar a rendibilidade do sector agroalimentario galego. Así o destacou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, que clausurou hoxe un curso convocado en Lugo para animar á incorporación á produción ecolóxica, como parte dunha serie de iniciativas formativas impulsadas en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

O director da Agacal puxo en valor este xeito de producir máis sustentable e respectuoso co medio ambiente que cada vez conta con máis aceptación no mercado, a través de produtos como o leite ou a carne ecolóxicos. Nesa liña, recordou as posibilidades que ofrecen os distintos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para promover nova actividade agraria rendible, neste caso, con orientación ecolóxica.

Organizado precisamente pola Agacal, o curso celebrado hoxe no edificio multiusos da Xunta en Lugo tiña como obxectivo proporcionar nocións básicas para afrontar os retos da produción ecolóxica nos distintos tipos de explotación. Así, no programa constaban contidos sobre a certificación ecolóxica, sobre a inscrición no Craega e sobre a normativa e aspectos técnicos a ter en conta, así como sobre as axudas ás que poden optar os produtores con este tipo de orientación.

Francisco L. Valladares (presidente do Craega) e José Luis Cabarcos (director xeral do Agacal)

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.