fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A importancia de comer variado – I Eco unidade didáctica

Comezamos unha nova sección no noso blogue, enfocada na mellora da alimentación dos máis pequenos da casa baseada en produtos ecolóxicos. Neste primeiro artigo centrámonos no coñecemento dos nenos de si mesmos e a autonomía persoal, ademais do propio coidado persoal e da saúde. O obxectivo principal é progresar na adquisición de hábitos e actitudes relacionados coa alimentación e o fortalecemento da saúde, ao apreciar e gozar das situacións cotiás.

 

A importancia de comer variado

A desnutrición maniféstase na obesidade, no sobrepeso ou en desequilibrios nutricionais nas persoas. É posible ter exceso de peso e carecer de certos nutrientes debido a unha mala alimentación. Na educación infantil é esencial a formación en hábitos alimentarios saudables.

  • Aprender a comer de todo, a maior variedade, maior probabilidade de incorporar todos os nutrientes necesarios.
  • Atender especialmente as necesidades enerxéticas, xa que son moi demandantes durante esta etapa.
  • Comer 5 veces ao día, empezando cun almorzo con tempo pola mañá.
  • Comprender que os doces e as lambetadas son produtos ocasionais para días de festa.
  • A mellor bebida é a auga, os refrescos débense evitar.
  • Consumir moitas verduras e froitas de todas as cores do arco da vella, en cada tempada a súa.

Cinco pezas de froita e verdura ao día

É necesario identificar as diversas froitas e verduras ecolóxicas existentes. As de tempada e locais sempre son unha opción saudable, fresca e chea de vitaminas e minerais. É moi importante o consumo de ao menos 5 pezas ao día. Se son ecolóxicas estaremos asegurando o coidado do medio ambiente, da biodiversidade, da economía do medio rural e o benestar animal.

  • Froitas no inverno: mazás, mandarinas, kiwis, caquis e laranxas.
  • Verduras no inverno: repolo, allo porro, grelos e brócoli.
  • Froitas na primavera: amorodos, nésperas, arandos, cirolas e pomelo.
  • Verduras na primavera: cenorias, leituga, cabaciña, champiñóns e tirabeques.
  • Froitas no verán: framboesa, cereixa, melocotón, peras e figos.
  • Verduras no verán: berenxena, xudías, tomate e patacas.
  • Froitas no outono: mazás, uvas, marmelo e granadas.
  • Verduras no outono: cabaza, remolacha, alcachofas e coliflor.

Suxestións para traballar na casa ou na aula

  • Facer unha cata sensorial cos ollos pechados do olor, sabor, textura dalgunha froita ou verdura. Con eles xa abertos observar a forma e a cor, aprendendo os nomes e lembrando a importancia do seu consumo. Facer unha por tempada.
  • Facer tamén unha colaxe por tempada, coloreando as distintas verduras e vexetais e colocándoos correctamente na columna (froita ou verdura) correspondente.

Como identificar un produto ecolóxico

Para recoñecer os alimentos ecolóxicos temos que fixarnos na súa etiqueta. O etiquetado do produto ten que ser visible no envase a conter as seguintes referencias:

  • O logotipo ecolóxico europeo

Trátase dunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde, que é sempre obrigatoria. No caso de alimentos certificados en Galicia, o código do órgano de control (ES-ECO-022-GA) e o selo Craega que así o certifique.

  • O lugar de orixe dos ingredientes, que poden ser:

-Agricultura UE, cando as materias primas son da Unión Europea.

-Agricultura NO UE, cando os ingredientes son de terceiros países.

-Agricultura UE/NON UE, cando a orixe é mixta.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.