Arquivos da etiqueta: producto ecológico

Catro empresas do CRAEGA participan na NOPE de Londres

NOPE LONDON-CRAEGA
O pasado ano achegáronse ata a NOPE de Londres 10.500 visitantes (Foto: NOPE)

O sector eco galego saca músculo unha vez máis no mercado exterior e esta mesma fin de semana súmase a unha das feiras verdes máis importantes do Reino Unido. Por segundo ano consecutivo, o CRAEGA participa na Natural & Organic Products Europe (NOPE). A celebrar entre o 7 e o 8 de abril no Excel London, desta vez estará representado por cinco empresas: Mieles Anta (coa súa marca Toca Honey), Pazo de Lusío, Producto de Aldea Galletas Daveiga. Compartirán un stand de 24 metros cadrados. Parte das empresas desenvolven esta acción co apoio do Igape, a Xunta, a UE e a marca turística de Galicia.De carácter profesional, a NOPE serve de punto de encontro a tendas independentes, maioristas e distribuidores de produtos saudables, supermercados e compradores de todo o mundo. Segundo as previsións da organización, ata o recinto achegaranse 700 expositores de ata 48 países. O ano pasado pechou cun balance de 10.500 visitantes

O CRAEGA despediu 2018 cunha facturación récord de 78,7 millóns de euros, un 33,2% máis que o exercicio anterior. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado internacional.

O novo logo, Hifas da Terra e os ecocomedores de Betanzos, na revista de inverno do Craega

Os produtos ecolóxicos elaborados e certificados en Galicia aparecen agora identificados nos puntos de venda coa marca Craega. É unha das novidades do regulamento do Consello, que entrou en vigor a finais de 2018. Aos consumidores non lles custará moito recoñecelo porque o deseño (símbolos, formas, cores e tipografía) é case igual. O único que varía é o vocábulo situado no extremo inferior: en lugar de ‘Galicia’ pon ‘Craega’. A revista nº 48 do Craega profunda neste asunto e debulla punto por punto os cambios que implica a recente normativa.

A concesión do XIX Premio Aresa ao Consello é outro dos temas centrais da última edición. Está convocado pola empresa do mesmo nome e a Universidade de Santiago. O galardón recoñece a traxectoria dunha entidade que convertiu un modo de produción en motor de desenvolvemento rural.

A entrevista a Catalina Fernández de Ana, fundadora e directora xeral de Hifas da Terra, e a reportaxe sobre os ecocomedores da asociación Mariñas-Betanzos son outros dos asuntos estrela da publicación.

O Craega, gañador do premio Aresa 2018

De esquerda a dereita, Montserrat Valcárcel, Álvaro Rodríguez, Antonio López, José Manuel Silva e Carlota López, tralo fallo do XIX Premio Aresa

O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) é o gañador do premio Aresa 2018, convocado pola empresa lucense do mesmo nome en colaboración coa Universidade de Santiago (USC). O xurado recoñece así a traxectoria dunha entidade que convertiu un modo de produción agraria e gandeira nun motor de desenvolvemento rural, tanto na comunidade como no conxunto de Europa.

Na elección da candidatura tíveronse en conta a súa capacidade para xerar postos de traballo de calidade no rural e a posta en valor de produtos da terra. Neste sentido, especial relevancia se lle deu ao papel do Craega na recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para innovar.

O xurado do XIX Premio Aresa estivo integrado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez; o director xeral de Capsa Food, José Armando Tellado Nogueira; e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras.

Con recoñecido prestixio no sector, en anteriores edicións resultaron galardoados o profesor da USC Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos ou a Facultade de Veterinaria (Campus de Lugo). Tamén recibiron o premio IXP Ternera Gallega, o programa de TVG O Agro-Labranza ou a D.O. Ribeira Sacra, entre outros.

O 8 de marzo celebrarase unha gala na Facultade de Veterinaria (Campus de Lugo) na que se lle fará entrega do premio -10.000 euros- ao Craega.  

Laura Rodríguez Álvarez, gañadora do sorteo dunha cesta de Nadal ecolóxica

Cesta de Nadal con produtos ecolóxicos certificados polo Craega

Laura Rodríguez Álvarez, con domicilio en Pontevedra, foi a gañadora do sorteo promovido polo Consello coincidindo co Nadal. Organizado a través da páxina en Facebook do Craega, a dinámica do xogo era moi sinxela. Para participar, só había que respostar á pregunta ‘Que ceas en Noiteboa?’ realizando un comentario no post e picando ‘Gústame’.

Nun período de 10 días, a publicación reuniu máis de 270 comentarios. Tal e como figuraba nas bases, o sorteo realizouse o venres 21 de decembro e a afortunada foi Laura Rodríguez. A cesta con produtos ecolóxicos certificados polo Consello remitiuse finalmente á cidade do Lérez.

O Craega sortea unha cesta de Nadal ecolóxica

O Nadal adáptase aos tempos que corren e cada vez son máis os que cambian os copiosos banquetes típicos destas datas por pratos saudables. Para que as mesas vaian adquirindo un ton cada vez máis ecolóxico, o Craega sortea unha cesta de produtos certificados polo Consello. Para participar, só tes que entrar na nosa páxina oficial en Facebook e responder a unha pregunta moi sinxela (consulta aquí as bases legais).

O Craega é o órgano que se ocupa de regular e certificar as producións ecolóxicas de Galicia. Fundado en 1997, hoxe suma máis de mil operadores en toda a comunidade. Respectuosa co medio ambiente e contraria ao uso de químicos de síntese, a agricultura bio busca conseguir alimentos de máxima calidade.