Arquivos da etiqueta: producto ecológico

O Craega, gañador do premio Aresa 2018

De esquerda a dereita, Montserrat Valcárcel, Álvaro Rodríguez, Antonio López, José Manuel Silva e Carlota López, tralo fallo do XIX Premio Aresa

O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) é o gañador do premio Aresa 2018, convocado pola empresa lucense do mesmo nome en colaboración coa Universidade de Santiago (USC). O xurado recoñece así a traxectoria dunha entidade que convertiu un modo de produción agraria e gandeira nun motor de desenvolvemento rural, tanto na comunidade como no conxunto de Europa.

Na elección da candidatura tíveronse en conta a súa capacidade para xerar postos de traballo de calidade no rural e a posta en valor de produtos da terra. Neste sentido, especial relevancia se lle deu ao papel do Craega na recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para innovar.

O xurado do XIX Premio Aresa estivo integrado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez; o director xeral de Capsa Food, José Armando Tellado Nogueira; e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras.

Con recoñecido prestixio no sector, en anteriores edicións resultaron galardoados o profesor da USC Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos ou a Facultade de Veterinaria (Campus de Lugo). Tamén recibiron o premio IXP Ternera Gallega, o programa de TVG O Agro-Labranza ou a D.O. Ribeira Sacra, entre outros.

O 8 de marzo celebrarase unha gala na Facultade de Veterinaria (Campus de Lugo) na que se lle fará entrega do premio -10.000 euros- ao Craega.  

Laura Rodríguez Álvarez, gañadora do sorteo dunha cesta de Nadal ecolóxica

Cesta de Nadal con produtos ecolóxicos certificados polo Craega

Laura Rodríguez Álvarez, con domicilio en Pontevedra, foi a gañadora do sorteo promovido polo Consello coincidindo co Nadal. Organizado a través da páxina en Facebook do Craega, a dinámica do xogo era moi sinxela. Para participar, só había que respostar á pregunta ‘Que ceas en Noiteboa?’ realizando un comentario no post e picando ‘Gústame’.

Nun período de 10 días, a publicación reuniu máis de 270 comentarios. Tal e como figuraba nas bases, o sorteo realizouse o venres 21 de decembro e a afortunada foi Laura Rodríguez. A cesta con produtos ecolóxicos certificados polo Consello remitiuse finalmente á cidade do Lérez.

O Craega sortea unha cesta de Nadal ecolóxica

O Nadal adáptase aos tempos que corren e cada vez son máis os que cambian os copiosos banquetes típicos destas datas por pratos saudables. Para que as mesas vaian adquirindo un ton cada vez máis ecolóxico, o Craega sortea unha cesta de produtos certificados polo Consello. Para participar, só tes que entrar na nosa páxina oficial en Facebook e responder a unha pregunta moi sinxela (consulta aquí as bases legais).

O Craega é o órgano que se ocupa de regular e certificar as producións ecolóxicas de Galicia. Fundado en 1997, hoxe suma máis de mil operadores en toda a comunidade. Respectuosa co medio ambiente e contraria ao uso de químicos de síntese, a agricultura bio busca conseguir alimentos de máxima calidade.