Arquivos da etiqueta: Medio Rural

As comunidades da cornixa cantábrica reclaman ao Goberno central que teña en conta as súas peculiaridades na aplicación da futura PAC

As comunidades autónomas da cornixa cantábrica (Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco) coinciden en reclamar ao Goberno central que teña en conta as súas peculiaridades no deseño e a aplicación da futura PAC 2023-2027.

Os conselleiros de Medio Rural destes catro territorios subscribiron o pasado martes 19 de xaneiro por vía telemática un documento conxunto coa súa postura común ao respecto. Así, o texto foi asinado por José González, conselleiro de Medio Rural de Galicia; Alejandro Calvo, consejero de Medio Rural y Cohesión Territorial de Asturias; Guillermo Blanco, consejero de Desarrollo Rural, Ganadería, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente de Cantabria, e Arantxa Tapia, consejera de Desarrollo Económico, Sostenibilidad y Medio Ambiente do País Vasco.

Os territorios que conforman a cornixa cantábrica teñen en común unhas características peculiares, como as súas explotacións, que na maioría dos casos teñen un tamaño pequeno ou mediano e un carácter profesional, pero eminentemente familiar. Explicaron, ademais, que a súa orientación produtiva ten que ver sobre todo con sectores gandeiros coma o lácteo, algo que as diferencia doutras zonas de España. Por iso, as catro comunidades defenden que o Plan Estratéxico nacional da PAC se apoie e recoñeza ese modelo de explotación familiar agraria sustentable do norte de España.

Neste contexto, as autonomías cantábricas esixen a Madrid —desde unha posición “construtiva e leal”— que teña en conta esas peculiaridades e amosan a súa preocupación pola orientación “mediterránea” que semella estar adoptando o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación á hora de trasladar ao ámbito nacional os postulados da nova PAC.

 

AXUDA BÁSICA Á RENDA

Así, por exemplo, indicaron que na axuda básica á renda dos agricultores e gandeiros é preciso ter en conta que as comunidades do Cantábrico teñen unha porcentaxe de superficie con dereitos de pago moi inferior á media española. Este desequilibrio debe corrixirse como paso previo a unha eventual transición cara un sistema de pago por superficie. A maiores, no documento considérase “inaceptable” que se propoña a incorporación das superficies de viñedo, froitas e hortalizas —ata agora excluídas e nas que a zona mediterránea resulta claramente beneficiada—, e ao mesmo tempo se dificulte a entrada de superficies doutros usos ou sistemas produtivos (como os pastos arbustivos).

Por outra banda, os conselleiros trasladaron que, no deseño das axudas á renda, é imprescindible que se reflictan, a nivel de toda España, as diferentes realidades existentes, no plano agronómico e socioeconómico. Así, engadiron, deben terse en conta tanto as diferenzas existentes entre as dimensións económicas das distintas explotacións como aquelas que se dan entre as diversas orientacións produtivas dos diferentes territorios.

Con respecto ás axudas acopladas (asociadas aos diferentes sectores), para estas comunidades, segundo explicou González, é prioritario que se manteñan para os sectores de vacún de leite, de carne e ovino-caprino cunha dotación polo menos similar ao período 2014-2020.

Sobre o capping ou límite de axudas, o documento conxunto insiste na necesidade de establecelo nos 60.000 euros por explotación e ademais amosan a súa preocupación porque estes mecanismos pasan a ser voluntarios para os países e non de obrigado cumprimento.

 

AGRICULTOR XENUÍNO

En relación coa definición de agricultor xenuíno, avógase por establecer unha porcentaxe mínima, que se propón do 30 %, dos ingresos agrarios sobre os totais, excepto para os afiliados á Seguridade Social como traballadores por conta propia no sector agrario. Advírtese, ademais, como inadecuada a proposta do MAPA de incluír a aquelas persoas que perciben menos dun certo volume de axudas directas, con independencia dese peso dos ingresos na súa renda. Isto, dise no texto acordado, “desnaturaliza a propia definición de agricultor xenuíno”.

No que atinxe ao pago redistributivo, as catro comunidades amosan o seu desacordo con que a súa aplicación deixe de ser obrigatoria para facerse voluntaria e reclaman un orzamento “ambicioso”, cun maior pago ás primeiras hectáreas, para beneficiar ás pequenas explotacións, a aquelas cunha dependencia significativa dos ingresos agrarios e sempre dando prioridade aos agricultores profesionais.

ECOESQUEMAS

Sobre os ecoesquemas, unha nova liña de axudas comunitarias que priman a sustentabilidade ambiental, as comunidades cantábricas apoian que se destine a estas axudas o 20 % do montante dispoñible para pagos directos. Porén, lamentan que os ecoesquemas propostos polo MAPA aborden problemáticas e realidades produtivas características, principalmente, do centro e sur peninsulares, quedando a España húmida moito máis desatendida. Por iso, demandan, entre outras cuestións, a modificación das propostas do Ministerio e engadir outros ecoesquemas adicionais, para atender a súa realidade. A maiores, defenden introducir, de modo transversal, melloras como a de aplicar un complemento vinculado á prevención de incendios ou a de incorporar unha modulación da axuda por estratos de tamaño.

Por último, sobre o segundo piar da PAC (desenvolvemento rural), a reclamación das autonomías cantábricas pasa por un incremento das asignacións dos fondos europeos de polo menos o 5 % para elas, tendo en conta as súas necesidades. Ademais, con respecto ao cofinanciamento, demandan que se recupere o equilibrio entre as achegas da Administración central e das comunidades autónomas que se rompeu no período 2014-2020 e consideran que o deseño das intervencións deste segundo piar debe ser realizado por cada comunidade autónoma, en función da realidade e necesidades específicas do seu medio rural.

As galardoadas cos XI Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais presentan o seu proxecto nun vídeo do MAPA

María José Tallón, fundadora de Trasdeza Natur (3.º premio na categoría Actividade Agraria)

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) fixo público o vídeo no que se recollen as voces das mulleres que foron premiadas na XI edición dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais, celebrada en 2020. Entre elas atópase María José Tallón, fundadora de Trasdeza Natur, unha horta ecolóxica que ten en Silleda (Pontevedra) cun sistema pioneiro para deshidratar froitas e verduras con enerxía solar, que a levou a recoller o 3.º Premio na categoría de Actividade Agraria.

⇒Vídeo no canal  youtube do MAPA e nas redes sociais (FacebookTwitter).

RECOÑECEMENTO AO TRABALLO DAS MULLERES NO RURAL

Estes premios buscan recoñecer iniciativas excepcionais desenvolvidas por mulleres no noso medio rural, que sirvan como exemplo do imprescindible labor que realizan e como inspiración para outras mulleres.

O Ministerio anunciou a próxima publicación dunha serie de vídeos individuais sobre cada un dos proxectos premiados, que podedes consultar nas mesmas canles.

Axudas para mellorar a produción e comercialización de mel

A Consellería do Medio Rural vén de convocar un paquete de subvencións para impulsar o sector apícola. Das axudas poderán beneficiarse persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de explotacións especializadas nas abellas, cooperativas e outras organizacións con personalidade xurídica propia.

A orde inclúe varias liñas:

  • Asistencia técnica a apicultores e organizacións de apicultores.
  • Loita contra as agresións e enfermidades da colmea.
  • Racionalización da transhumancia.
  • Medidas de apoio á repoboación da cabana apícola.

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200527/AnuncioG0426-200520-0001_gl.html

PRAZO: 29/06/2020

Ampliado ata agosto o prazo para solicitar axudas en réximes de calidade

Os agricultores interesados en incorporarse a réximes de calidade terán ata o 18 de agosto (incluído) para solicitar axudas. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) prorroga dous meses máis o prazo para realizar o trámite, suspendido a causa do estado de alarma decretado pola COVID-19.

Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), das subvencións poderán beneficiarse as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias que cumpran a condición de atoparse en activo.

No caso da produción ecolóxica, tamén se considerará nova participación aquela que se refira a agricultores que, tendo actividade previa no programa de calidade, inicien o seu labor no sector con destino ao mercado en relación a algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo.

A contía da axuda será do 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos. Non se tramitarán expedientes cunha contía inferior a 50 €.

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200213/AnuncioG0528-161219-0001_gl.html

PRAZO: 18/08/2020

Ampliación dos prazos para solicitar axudas polos danos do lobo e o xabaril

Dada a situación derivada da COVID-19, a Administración suspendeu os termos e interrumpiu os prazos de diferentes axudas en proceso de tramitación. As medidas de desescalada postas en marcha están permitindo que se reactiven moitos destes procesos. A Consellería de Medio Ambiente vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a modificación das seguintes liñas:

1. Indemnizacións por danos do lobo. A estas axudas poden acollerse persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras con cobertura para danos de cabezas de vacún, ovino, caprino, porco celta, cabalos, burros e mulas. A convocatoria cobre os danos que se comuniquen desde o 1 de outubro de 2019 ata o 30 de setembro de 2020. O ataque debe notificarse nas 24 horas seguintes ao ataque (gandería intensiva) ou nun máximo de 72 horas (réxime semiextensivo ou extensivo). 

ENLACE PROCEDEMENTO: https://bit.ly/2WpsI1P

PRAZO: 08/06/2020

2. Axudas por danos do xabaril en cultivos agrícolas. A convocatoria está dirixida a explotacións agrarias profesionais que figuren no Reaga e de autoconsumo. É obrigatorio comunicar a incidencia á Consellería de Medio Ambiente no prazo máximo das 72 horas seguintes á produción dos danos.

ENLACE PROCEDEMENTO: https://bit.ly/2WR8Ovo

PRAZO: 08/06/2020

ENLACE AMPLIACIÓN DE EXPEDIENTES: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200507/AnuncioG0532-040520-0003_gl.html

A UE amplía ata o 15 de xuño a solicitude da PAC

A Comisión Europea vén de ampliar a solicitude das axudas da Política Agrícola Común (PAC) ata o 15 de xuño. Nun principio, o prazo expiraba o 30 de abril e o Goberno español decidiu prorrogalo ata o 15 de maio a causa da crise do coronavirus. Ademais, desde o Ministerio de Agricultura solicitouse a Bruxelas que estendera un mes máis o calendario para xestionar as subvencións, petición que finalmente foi aceptada. 

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), en colaboración coas comunidades autónomas, fomentará a presentación telemática da solicitude única e favorecerá as distintas alternativas que permitan aproveitar ao máximo estos mecanismos. 

ENLACE AXUDA:  https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200218/AnuncioG0426-120220-0001_gl.html

AMPLIACIÓN DA UE: https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/PDF/?uri=CELEX:32020R0501&from=ES

PRAZO: 15/06/2020

O sector eco galego abre novos horizontes en Biocultura A Coruña

O Craega acudiu a Biocultura A Coruña coa imaxe da campaña ‘Somos Semente’

Tres intensos días de feria aberta a todos os públicos e moi cerca da casa. O sector eco galego amosou na segunda edición de Biocultura A Coruña (28 e 29 de febreiro e 1 de marzo)  a súa madurez e tivo ocasión de palpar o interese crecente do público local polos alimentos orgánicos. No estand agrupado do Craega, 21 expositores do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) achegaron as súas propostas a consumidores e profesionais procedentes de toda a comunidade.

Para a entidade que se ocupa de controlar e certificar o sector ecolóxico en Galicia, a feira permitiu aliñar no mesmo escaparate un amplo abano de produtos: mel, marmeladas, café, froita, algas, carne, embutidos, cervexa, xeados, pan ou viño. Baixo o paraugas do Consello, compartiron estand Camemorcol; Biowak; Jamones González; Mieles Anta; Bubela Artesá; Galuriña; The Bio Factory; Verín Biocoop; Galletas Daveiga; Cafés Saburido (Sabora); Celtaverde; Conservas do Támega; Maruxas de Nata; Producto de Aldea; Sovoral; Daiquí; Bodegas Corisca; Euro Andean Trading; Adegas Xangall; Mirabel do Rosal-Alén do Val; e Algamar. 

Co apoio da Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o Craega organizou diferentes actividades como show cooking, obradoiros infantís, catas e mesas redondas. 

Organizada pola Asociación Vida Sana, Biocultura A Coruña logrou reunir a 150 expositores dedicados aos sectores da alimentación bio (con máis de 10.000 referencias), cosmética ecolóxica, moda sostible, casa sa, benestar e artesanía. A vindeira cita será en Barcelona do 7 ao 10 de maio. A feira despediuse cun balance superior aos 11.000 visitantes. 

[rl_gallery id=”3836″]

Aberto o prazo para solicitar as axudas da PAC

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde da Consellería de Medio Rural que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandería e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control (coñecidas como PAC). Os interesados poderán presentar de forma telemática a solicitude única, desde hoxe e ata o vindeiro 30 de abril

O orzamento previsto para esta convocatoria elévase aos 216 millóns de euros, dos cales 170 millóns corresponden aos pagamentos directos da PAC e máis de 46 millóns de euros a medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Prevese que uns 27.000 agricultores e gandeiros soliciten estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria e que son de gran interese para o sector primario.

A Consellería do Medio Rural traballa con máis de 50 entidades colaboradoras para prestar apoio ás persoas interesadas nestas achegas, como son as entidades bancarias, asociacións agrarias, organizacións profesionais e as entidades de aconsellamento.

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200218/AnuncioG0426-120220-0001_gl.html

PRAZO: 30/04/2020 

O Craega aterra en BioCultura A Coruña en plena eclosión da agricultura ecolóxica

Participantes na primeira edición de BioCultura A Coruña 2018. Foto: Biocultura

O eco galego chega á segunda edición de BioCultura A Coruña en plena eclosión do sector. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) é líder español en leite, carne avícola e acuicultura. A entidade certificadora na comunidade aterra na feira bio máis importante do Estado cunha elevada participación. Durante tres días, 21 operadores achegarán as súas propostas a profesionais e público xeral no stand agrupado do Craega. Así mesmo, o Consello terá especial protagonismo no programa de actividades e da súa man celebraranse catas, degustacións, obradoiros ou mesas redondas. 

A feira abre as súas portas o vindeiro venres 28 de febreiro en EXPOCoruña (de 10 a 20 h.) con 150 expositores e unha previsión de asistencia de 13.000 persoas. O sábado 29 poderase visitar no mesmo horario e o domingo 1, de 10 a 19 h. O Craega terá un papel de peso. Baixo o seu paraugas, expoñerán os seus produtos 21 inscritos con diferentes liñas de produto: Camemorcol; Biowak; Jamones González; Mieles Anta; Bubela Artesá; Galuriña; The Bio Factory; Verín Biocoop; Galletas Daveiga; Cafés Saburido (Sabora); Celtaverde; Conservas do Támega; Maruxas de Nata; Producto de Aldea; Sovoral; Daiquí; Bodegas Corisca; Euro Andean Trading; Adegas Xangall; Mirabel do Rosal-Alén do Val; e Algamar. 

O Consello tamén participa na feira co obxectivo de arroupar a todas as empresas certificadas e por iso habilitará un punto propio de información para explicar aos asistentes todo o que precisen sobre a agricultura ecolóxica. En 2018, a entidade pechou a súa memoria cun balance récord e rexistrou os mellores datos desde que botou a andar en 1997: 1.152 operadores, 33,736,44 hectáreas e 78,7 millóns de euros en volume de ventas certificadas. 

PROGRAMA DE ACTIVIDADES. O Craega tamén cobra un protagonismo especial na axenda de actividades. En colaboración coa Asociación Vida Sana e a Xunta, pon o seu gran de area na programación con propostas para todos os públicos. Para comezar  e xunto con Intereco, o Consello impartirá un obradoiro de etiquetado dirixido a consumidores (venres 28, 12.30 h). Ademais de explicar como se identifican os alimentos ecolóxicos, haberá unha pequena degustación cunha ampla gama de produtos certificados.

O chef monfortino Martín Mantilla poñerase detrás fogóns para dirixir un show cooking sobre cociña tradicional e produtos ecolóxicos. Haberá varias sesións: venres 28 (14 h e 17.30 h); sábado 29 (13 h e 16 h) e domingo 1 (13 h e 16 h). Outro dos pratos fortes será a cata sensorial de viños ecolóxicos (venres 28, 16 h). Intervirán Natalia Rodríguez, de Bodegas Corisca; e Luis Buitrón, presidente da Asociación Galega de Enólogos (AGE).  

O domingo 1 están previstas dúas mesas redondas. Baixo o título  Mulleres eco-emprendedoras,  a primeira actividade (12 h) poñerá o foco nas producións do rural e contará coa participación de Begoña Troncoso Fernández (Adegas Xangall); Concha Blanco (gandeira de vacún de leite ecolóxico e membro do Sindicato Labrego Galego); Jessica Rey (responsable de Marketing de Casa Grande de Xanceda) e Rocío Freire (vicepresidenta do Craega). Dedicada ás producións do mar, na segunda mesa redonda (13 h) estarán Carmen Sánchez (Galuriña, empanadas de algas); Cristina García (Algas La Patrona); Marta Villaverde (subdirectora xeral de Pesca e Mercados da Pesca da Consellería do Mar); e Dolores Paz Pérez (produtora de mexillón ecolóxico e socia fundadora de Dime Salnés). 

Ese mesmo día (11 h), Dolores Raigón, vicepresidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), presentará o documento Evidencias Científicas sobre a Produción Ecolóxica

O público infantil dispón tamén dun espazo propio. Para que os cativos aprendan os conceptos básicos da agricultura ecolóxica, celebraranse varios obradoiros de cociña, horta e queixo ecolóxicos, entre outros. O venres será a quenda dos grupos escolares, e o sábado e o domingo haberá sesións cada media hora. 

A Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), financia as actividades de promoción do Craega en BioCultura A Coruña. Co seu apoio, a Asociación Vida Sana organiza a segunda edición desta feira na cidade herculina, un evento no que tamén conta co respaldo da Deputación e o Concello. 

CONSULTAR PROGRAMA COMPLETO

DESCARGAR NOTA DE PRENSA 

Axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), vén de convocar unha nova liña de axudas para fomentar a calidade alimentaria entre os agricultores. Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), das subvencións poderán beneficiarse as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias que cumpran a condición de atoparse en activo. 

No caso da produción ecolóxica, tamén se considerará nova participación aquela que se refira a agricultores que, tendo actividade previa no programa de calidade, inicien o seu labor no sector con destino ao mercado en relación a algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo.  

A contía da axuda será do 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos. Non se tramitarán expedientes cunha contía inferior a 50 €. 

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200213/AnuncioG0528-161219-0001_gl.html

PRAZO: 15/05/2020