Arquivos da etiqueta: COVID-19

O Craega estrea unha miniserie de videorreceitas con produtos ecolóxicos

O chef Martín Mantilla Rodríguez durante a gravación dunha da ecorreceitas para a miniserie do Craega. Foto: Craega

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) quere achegar o produto certificado ao consumidor galego conquistando o seu padal. Cos alimentos de verán como protagonistas, a entidade vén de estrear unha miniserie de videorreceitas sinxelas e para todos os petos. Os catro capítulos xa están dispoñibles na web corporativa (www.craega.es) e na canle de Youtube.

Embaixador veterano da marca, o chef monfortino Martín Mantilla Rodríguez (restaurante Berso, Sober) pon unha vez máis o mandil do Craega para cociñar os catro pratos ecolóxicos elixidos para esta primeira entrega. Seguindo as súas indicacións paso a paso, calquera é quen de preparar na súa casa un menú con produtos certificados sen demasiados quebradeiros de cabeza.

Para comezar, uns canelóns de cabaciña recheos de verduras con vinagreta de alga de percebe. Despois arroz cremoso de leitugas con mexillóns en escabeche. Mantilla atrévese tamén con outra proposta lixeira para aliviar as elevadas temperaturas do verán: ensalada de tempada con crema de tomate, xemas de espárragos, bonito e queixo. Xa por último, e para pechar a miniserie, unha sobremesa con gazpacho de amorodos.

Todos os capítulos da miniserie están xa dispoñibles na sección ‘videoteca’ recén aberta en www.craega.es e nos perfís oficiais do Consello en redes sociais: Youtube, Facebook, Instagram e Twitter.

PROMOCIÓN ONLINE. Por mor da pandemia, o Craega está redobrando os esforzos para redirixir as súas estratexias de promoción cara as canles dixitais. Ademais da miniserie de videorreceitas, a finais de agosto organizou por primeira vez unha xornada de formación online.

Coa gandería ecolóxica como eixo temático, cinco expertos ofreceron sesións en directo a través do perfil oficial de Facebook do Consello. Todas as sesións están dispoñibles na videoteca de www.craega.es.

Ademais, entre o 5 e o 7 de novembro, a entidade participará na primeira edición virtual de Biocultura, a feira ecolóxica por antonomasia na Península. A través de Intereco, a asociación que agrupa ás autoridades públicas de control de agricultura ecolóxica de España, o Consello intervirá en diferentes actividades.

DESCARGAR NOTA DE PRENSA

O Craega aproba unha rebaixa de taxas do 20% por mor da COVID-19

Os operadores ecolóxicos beneficiaranse dunha redución do 20% na taxa que abonan semestralmente en concepto de declaración de vendas. É a decisión que adoptou o Pleno do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) na sesión celebrada o pasado 16 de xuño. Con esta medida, o órgano rector pretende aforrar custos ás empresas certificadas e contribuír así á reactivación do sector tralo parón económico derivado da COVID-19.

Aprobado de forma excepcional para paliar os efectos da pandemia, o desconto aplicarase na taxa correspondente ao primeiro semestre de 2020. En virtude do acordo, os inscritos ingresarán ao Consello o 0,4% do importe total das súas vendas -excluído IVE- en lugar do 0,5%, tal e como se viña facendo ata agora. A modificación da cota tradúcese nun recorte dun 20% na exacción.

Desde o servizo de administración do Consello, xa se comezou a solicitar aos inscritos a declaración de vendas coa rebaixa extraordinaria incluída. Os operadores teñen de prazo ata o 1 de setembro para realizar o pago.

Decretado o 14 de marzo e vixente en Galicia ata o 15 de xuño, o estado de alarma tivo un forte impacto na actividade empresarial. No sector agroalimentario, o peche das canles de distribución convencionais (hostalaría e mercados tradicionais) traduciuse en caídas de vendas por riba do 50% ou incluso na suspensión total das transaccións.

A metade dos operadores ecolóxicos confía en que o seu negocio se repoña en 2021

A metade dos operadores ecolóxicos confía en que o seu negocio funcione a niveis precrise en 2021 e un 37,5% adianta a recuperación ao segundo semestre deste ano. Pola contra, os máis pesimistas -12,5%- sosteñen que nunca poderán sobreporse. Son os resultados dunha enquisa que o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) vén de efectuar entre os seus inscritos para avaliar o impacto da COVID-19.

Aínda que a actividade da cadea de abastecemento alimentario se considerou esencial durante a vixencia do estado de alarma, o sector eco galego non foi alleo ao parón que o coronavirus supuxo no conxunto da economía. O peche da hostalaría e a suspensión dos mercados tradicionais puxeron en serios apretos aos operadores.

Algo máis da metade dos enquisados (53,7%) diminuíu a súa facturación a causa da pandemia en relación co mesmo período de 2019. No 40,4% dos casos as vendas caíron ao 50% ou máis. No sector ecolóxico galego existe, sen embargo, unha ampla porcentaxe de inscritos (41,5%) que se mantivo en niveis semellantes aos do mesmo período do ano anterior. Foron poucos (4,9%) os que lograron mellorar os seus resultados.

 

Polo seu propio perfil de actividade, as industrias sufriron en maior medida a parálise ocasionada pola crise sanitaria. O 76,5% viu reducidos os seus ingresos de forma significativa con respecto ao exercicio precedente. Con canles de distribución máis asentadas (exportación e/ou grandes cadeas de supermercados), este subsector tamén se perfila na sondaxe como o que máis elevou vendas neste período (5,9%).

O peche da hostalaría e a cancelación de feiras agroalimentarias tiveron un forte impacto tanto nas contas como nas estratexias de promoción dos operadores, en particular no subsector das industrias. A suspensión de actividade en restaurantes e aloxamentos turísticos afectou ‘moito’ ou ‘bastante’ ao 50% dos enquisados. Porcentaxe que sobe ata case o 53% cando se pregunta pola pegada que deixou a cancelación e/ou aprazamento de feiras.

Á hora de facer balance, tanto produtores como industrias se amosan optimistas e a metade confía en que a situación se atope subsanada en 2021. Algo menos do 40% adianta a recuperación ao segundo semestre deste ano. A redución de actividade para soster en pé os negocios está enriba da mesa para o 66,7% dos enquisados, mentres que o 33,3% baralla pechar definitivamente.

CASE O 12% APOSTA POLO TELETRABALLO. Nos últimos tres meses, case o 12% dos enquisados aplicou medidas para implantar o teletraballo na súa empresa, opción que tivo especial peso nas industrias (26,7%) pola súa propia estrutura de organización interna. Tamén foi este subsector o único que se acolleu a un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) para facer fronte á pandemia. A esta figura recorreron o 6,7% dos que cubriron a sondaxe do Craega.

Certo é que, o 82,4% dos operadores que contestan non se viron na necesidade de impoñer ningún tipo de medida excepcional. Na outra cara da moeda, atópase ese 5,9% de inscritos que aumentou a súa plantilla a causa da demanda de determinados produtos durante o estado de alarma.

VENDA ONLINE. A COVID-19 deu o empurrón definitivo ao e-commerce. O 89% dos operadores enquisados non dispoñía deste servizo antes da crise, pero houbo un 12,3% que o puxo en marcha durante o estado de alarma. O novo escenario que se presenta coa ‘nova normalidade’ xa fai pensar ao 31,3% na apertura dun servizo de venda online a curto-medio prazo.

Iniciativas como a que impulsou o Craega para elaborar unha guía de operadores con venda online (e servizo a domicilio) é valorada positivamente no 46,3% dos casos. Mercaproximidade (proxecto da Xunta para dar saída ao produto agrogandeiro galego) tamén tivo boa acollida entre os operadores ecolóxicos. Un 31,1% amósase ‘satisfeito’ ou ‘moi satisfeito’ con este plan auspiciado por Medio Rural.

PRODUTO ECOLÓXICO. En termos xerais, os operadores enquisados poñen de relevo que a pandemia tivo un efecto desigual na súa actividade. A metade sinala que lle afectou ‘bastante’ ou ‘moito’. A porcentaxe restante valora o impacto da crise do seguinte xeito: ‘algo’ (35,4%); ‘case nada’ (9,8%) e ‘nada’ (4,9%).

Á vista das vantaxes que ten para saúde o consumo de produtos ecolóxicos, a COVID-19 pode servir, a xuízo dos enquisados, para reforzar a suá posición nos mercados. Para o 29,3% o seu protagonismo aumentará de xeito ‘moi’ ou ‘bastante importante’, mentres que o 39% asegura que o bio cobrará ‘algo’ de peso.

O Craega habilita un sistema de cita previa a causa da COVID-19

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) conta cun novo sistema obrigatorio de cita previa por razóns de saúde pública. Sempre e cando non se poidan resolver as dúbidas de xeito telemático, os que así o desexen teñen a opción de ser atendidos de xeito presencial nas oficinas centrais de Monforte de Lemos (ronda Mª Emilia Casas Baamonde, s/n – Edificio Multiusos). A solicitude debe tramitarse cun mínimo de 48 h de antelación a través das seguintes canles:

  • Correo electrónico: craega@craega.es
  • Teléfono: 982405300
  • Horario: 08.00 – 15.30 h | 16.30 – 19 h (de luns a venres).

Como medida de prevención fronte á COVID-19, o uso de máscara é obrigatorio. Tamén é indispensable manter unha distancia mínima interpersoal dun 1,5 metros

O Craega doa aos bancos de alimentos leite, conservas vexetais e de peixe con selo eco

Tres dos palés de leite ecolóxico que recibiu o Banco de Alimentos de Santiago

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) vén de poñer en marcha unha campaña solidaria para contribuír a paliar o impacto da crise sanitaria e económica xerada pola COVID-19 entre as persoas con menos recursos. Máis de nove mil litros de leite, 4.416 latas de conservas de peixe e mariscos e outras 3.030 vexetais -todos eles produtos ecolóxicos certificados- acaban de chegar aos catro bancos de alimentos da comunidade, centros que están ofrecendo unha resposta aos que sofren con máis intensidade os efectos devastadores da pandemia.

O organismo que controla e certifica a agricultura ecolóxica en Galicia quere así poñer o seu gran de area para aliviar a grave situación na que se atopan as persoas e colectivos vulnerables que buscan amparo nas entidades sociais. En total, o donativo aos bancos de alimentos inclúe 9.000 litros de leite, 3.408 latas de sardiñas en aceite de oliva eco, outras 1.008 de mexillóns en escabeche eco e 3.030 unidades de conservas vexetais con selo.

Con presenza en Lugo, Vigo, Ourense e Santiago, a Federación Galega de Bancos de Alimentos (Fegaban) detectou desde o estalido da crise o incremento da demanda. Ademais de redobrar esforzos para facer fronte á emerxencia, estableceu liñas de colaboración con institucións de diversa índole co obxectivo de multiplicar a súa capacidade de resposta. O que veñen solicitando basicamente son produtos básicos de alimentación -non perecedoiros- atendendo ás carencias identificadas nos fogares e organismos cos que colaboran. Considerando as súas necesidades, o Craega priorizou a entrega de leite, conservas vexetais e de peixe, produtos que foron repartidos equitativamente entre os catro centros.

QUE É O CRAEGA? O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) é unha autoridade pública que se fundou no 1997 para aplicar o sistema de control da agricultura ecolóxica na comunidade.

A produción ecolóxica está regulada por unha normativa europea -Regulamento (CE) 834/2007- que establece as normas de produción, transformación e etiquetado. Ademais estipula como controlar todas e cada unha das fases de produción e elaboración do produto, desde a orixe ata que chega a mans do consumidor.

DESCARGAR NOTA DE PRENSA

Enquisa para avaliar o impacto da COVID-19 entre os operadores do Craega

O Craega está a elaborar unha enquisa sobre o impacto da crise da COVID-19 entre os operadores ecolóxicos. O obxectivo é dar resposta ás necesidades que poidan xurdir no sector a causa da pandemia.

Difundida por correo electrónico entre os máis de mil inscritos no Consello, a sondaxe conta cunha liña para produtores e outra para industrias. Ademais de cuestións relacionadas estritamente cos efectos económicos do estado de alarma (facturación, xestión dos recursos humanos, etc), tamén se inclúen preguntas vencellas á comercialización (venda online) e á promoción (suspensión de feiras).

A modo de peche, solicítase aos participantes unha valoración sobre a proxección do produto ecolóxico trala crise.

O Craega facilita o suministro de 21.500 mascarillas a empresas e operadores ecolóxicos

O Consello puxo a disposición dos operadores mascarillas cirúrxicas (dun só uso).

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) acaba de iniciar o envío de algo máis de 21.500 mascarillas aos operadores inscritos que así o solicitaron. A escaseza de material de protección individual para fronte á pandemia da COVID-19 e as dificultades para adquirirlo a un prezo razoable, levou á entidade a participar nunha compra agrupada en colaboración coa Xunta.

Ademais de garantir a protección dos traballadores do sector e a seguridade alimentaria, a iniciativa permite aos inscritos no Craega obter material a un custo axeitado. De feito, os operadores abonan a mesma cantidade que o Goberno autonómico.

Este reparto, realizado a través da plataforma loxística da Xunta (Clonegal), está a chegar non só ao sector da alimentación e as bebidas, senón tamén ás distribuidoras, metalurxia, construción, enxeñería, madeira, pizarra e gratino, enerxías renovables, cooperativas agrarias, call centers e comerciantes.

Á marxe de sumarse a compras agrupadas, o Craega mantén contacto permanente coa Consellería do Medio Rural -a través de videoconferencias e outros medios telemáticos- para analizar a situación do sector e artellar novas vías de colaboración.