Arquivos da etiqueta: Barcelona

Os produtos ecolóxicos certificados polo Craega conquistan BioCultura Barcelona

Foto: BioCultura

O Palau Sant Jordi celebrou a 28ª edición da BioCultura Barcelona do 5 ao 8 de maio. O sector deuse cita na feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable, que recibiu unhas 50.000 persoas. 

Co xa habitual slogan “Bos para a natureza, bos para ti”, o Craega tamén puxo o seu gran de area neste evento, ao que asistiron, baixo o seu paraugas, varios produtores certificados: Bubela Artesá, Capitán Alga, Celebridade Galega, Porto-Muíños, Terra de Baronceli, Los Sabores del Camino, Algas La Patrona, Sovoral e Galuriña, ademais de Orballo e Algamar, que contaron con expositor independente.

Entre as actividades, a novidade do ano era “O Manicomio”, unha sala coordinada polo equipo de The Ecologist que concentrou as propostas culturais desta edición: debates, presentacións de libros, concertos, sesións de relaxación á hora da sesta e ata pases de películas de ecoloxía profunda e inmersiva.

UN SECTOR CON FUTURO

O sector ecolóxico demostrou que é o presente e tamén o futuro e nesta nova edición de BioCultura Barcelona corroborouse que é máis resistente e perdurable. Ángeles Parra, directora da feira e presidenta de Vida Sana, afirmou que “tiñamos moitas ganas de volver a unha feira alegre tras a pandemia. Foi un pracer que expositores, profesionais e consumidores se coñecesen de forma presencial, in situ“. Así mesmo, sinalou a grande aposta por unha alimentación ecolóxica, local, o máis artesá posible:  “É a mellor alimentación para os nosos organismos e para o planeta, pero tamén é a mellor para a nosa economía”.

Para Parra esta edición “certificou que este sector é o futuro, pero tamén o rabioso presente, xa que ten un público fiel e asiduo e resistimos mellor as crises que outros sectores que contan co apoio institucional”.

Máis información  en Bio Eco Actual

O Craega estará presente en BioCultura Barcelona         

Produtores do Craega na anterior edición

BioCultura Barcelona quenta motores para abrir as súas portas o vindeiro xoves, 5 de maio. A 28.ª edición, que durará ata o domingo 8 de maio, chega ao Palau Sant Jordi con moitas novidades.

O evento reunirá uns 300 expositores dedicados aos sectores da alimentación bío, cosmética ecolóxica, moda sustentable, casa sa, turismo responsable, enerxías renovables, mobilidade sustentable, artesanías e ONG. Entre os expositores estará presente o Consello Regulador da Produción Ecolóxica de Galicia (Craega), así como operadores certificados, que ofrecerán os seus produtos estrela e darán a coñecer a calidade de Galicia.

A Feira de Produtos Ecolóxicos e Consumo Responsable ten o propósito de seguir sorprendendo os visitantes coas últimas novidades do sector ecolóxico. As propostas son variadas, polo que facilitan adoptar uns hábitos saudables e a consumir de forma máis responsable.

Toda a información do evento nesta ligazón.

 

Galicia presume de produtores certificados en ecolóxico en Alimentaria Barcelona

As feiras volven á normalidade e así se percibiu en Alimentaria Barcelona e Hostelco, que se celebrou desde o luns 4 de abril ata o xoves 7. Segundo informa Fira de Barcelona, conseguíronse uns 100.000 visitantes, o que demostra que o sector está de volta. En Alimentaria destacaron iniciativas que fomentan a sustentabilidade, mentres que en Hostelco tamén se mostrou a incipiente robotización dos hoteis, entre outras tendencias. O impacto económico do evento que xunta ambas as feiras é de 180 millóns de euros.

“A intensa dinámica vivida durante esta edición reforza o carácter do evento como aliado estratéxico do sector no seu imparable proceso de internacionalización”, valorou o director de Alimentaria, Toni Valls. Máis de 3.000 empresas procedentes de 52 países distintos reuníronse no recinto situado en l’Hospitalet de Llobregat. O 23 % dos visitantes foron internacionais, provenientes de 149 países. “Destaca a calidade dos compradores que nos visitaron, que contribuirá a impulsar as vendas da industria alimentaria no exterior”, agregou Valls.

ÉXITO NA PARTICIPACIÓN DE PRODUTOS CON CERTIFICACIÓN DO CRAEGA

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, estivo presente na inauguración do evento, que contou coa presenza de produtos amparados por indicacións como Pataca de Galicia, Lacón Galego, Castaña de Galicia, Torta de Santiago e Mel de Galicia, ademais de produtos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Os produtores e comercializadores do Consello que asistiron baixo o paraugas do MAPA foron os seguintes: Galuriña, Bioalacena, Traloagro SL, Jamones González SLU, Sovoral, A Factoría Ecolóxica SL, Algas La Patrona, Capitán Alga, Bágoas na Ría, Orballo, Sangría Republic, Avieco, Porto Muíños, Pasteurizados Cíes e Sensus Green Mixology SL.

BioCultura Barcelona pecha a feira con máis de 14.000 asistentes

Algas La Patrona, Terra de Baroncelli e Muuhlloa compartiron stand na cita

BioCultura Barcelona, a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable, pechou a súa 27ª edición no Palau Sant Jordi. Unhas 14.000 persoas se achegaron ao recinto para coñecer  máis de cerca o sector ecolóxico, no que estiveron presentes varios operadores do galegos.

Ángeles Parra, directora da cita, afirma que “estaba claro que non ía a ser como a BioCultura á que estamos acostumados, pero o feito de que finalmente se puidese celebrar de forma presencial xa era unha gran noticia para todos”. Engade que “os expositores puideron presentar as súas novidades, que era o que querían. E a mensaxe da necesidade dun cambio cara o ecolóxico volveu chegar aos medios. Á espera de mellores tempos para a lírica, nós, como organizadores, tamén estamos moi contentos. Levamos xa case dous anos moi raros e empezamos a romper o maleficio”.

As actividades online tamén funcionaron ben. Ante a demanda de querer seguir gozando da programación deseñada para os catro días da feira, a organización decidiu deixar a plataforma ata finais de xullo para poder conectarse en calquera momento do día través do link. Para ver as actividades na canle, só tes que entrar na compra de entradas e elixir actividades online e a cantidade 1. Ao comprar as entradas, enches os teus datos, terminas a compra e descargas a entrada, que che aporta un código. Esa clave será a que precises para entrar na canle.

Optimismo na organización

Organizadores e expositores mostraron satisfacción en liñas xerais por como foi a feira. Parra indica que “este pequeno triunfo de BioCultura e do sector, nun marco tan excepcional e delicad

o, puido ser lido como unha sinal de esperanza”. E subliña que “cada vez máis, a cidadanía ten na alimentación a clave cara a un mundo máis sostible, san, saboroso, belo e xusto. E os subsectores afíns, como a cosmética certificada ou o téxtil sostible, están a punto de estoupar”.

Presenza galega

Na cita participaron varias empresas galegas en busca de saír, tras máis dun ano sen case citas presenciais, e co obxectivo de atraer a nova clientela para as súas marcas. As firmas que participaron foron: Muuhlloa (Granxa Maruxa e Milhulloa), Celtaverde (dentro da Gale Truck), Terra de Baroncelli e Sovoral Apicultura Orgánica, ademais de catro empresas dedicadas á acuicultura en ecolóxico: Portomuíños, Algamar, Algas La Patrona e Capitán Alga.

Varios operadores representarán a agricultura eco galega en Biocultura Barcelona

BioCultura chega á súa 27 edición, que terá lugar no Palau Sant Jordi de Barcelona, desde mañá ata o domingo, día 11. Con ela tamén chega o auxe da produción, vendas e consumo ecolóxico. Como todas as edicións, ten o firme propósito de seguir sorprendendo aos visitantes coas últimas novidades do sector ecolóxico con propostas cada vez máis variadas que nos facilitan adoptar uns hábitos saudables e a consumir de forma máis responsable.

BioCultura é a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable máis grande do Estado e reunirá este ano, de forma excepcional, uns 350 expositores dedicados aos sectores de alimentación bio, cosmética ecolóxica, moda sustentable, casa sa, turismo responsable, artesanías e ONG. Paralelamente á exposición celebraranse máis de 400 actividades (presenciais e on line) e espéranse uns 20.000 visitantes para cumprir coas normas de aforamento obrigadas por Covid.

Na cita participan varias empresas galegas: Muuhlloa (Granxa Maruxa e Milhulloa), Celtaverde (dentro dunha food truck) e Sovoral Apicultura Orgánica, ademais de catro empresas dedicadas á acuicultura en ecolóxico: Portomuíños, Algamar, Algas La Patrona e Capitán Alga.