Arquivos da etiqueta: alimentos ecológicos

Premios para o sector pesqueiro na nova edición do certame Innovación para Mulleres Rurais

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de convocar os Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais 2019. A ampliación a sectores do medio rural en zonas costeiras é a principal novidade desta décima edición. Deste xeito, poden concorrer no certame as produtoras do sector pesqueiro, clave no desenvolvemento económico do país, na fixación de poboación e na preservación de medios de vida tradicionais e sostibles no litoral.

Outra das estreas é a concesión dun primeiro, segundo e terceiro galardón nas distintas categorías, aos que corresponden dotacións económicas por valor de 18.000, 12.000 e 7.500 euros respectivamente. A excepción é o recoñecemento pola traxectoria vencellada ao apoio a mulleres rurais por ser de carácter honorífico. O premio ten como obxectivo dar visibilidade ás mulleres do sectores rural e pesqueiro, e tamén axudar a desenvoler e consolidar os seus proxectos.

A iniciativa nace co cometido de distinguir proxectos novos, orixinais e innovadores realizados por mulleres rurais e actuacións que recoñezan o seu traballo. Outra das finalidades é promover a súa incorporación e inserción laboral no territorio. O prazo de presentación conclúe o 5 de agosto. Hai catro categorías:

1) Excelencia á innovación na actividade agraria.
2) Excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola.
3) Excelencia á innovación en diversificación da actividade económica no medio rural ou zonas costeiras rurais.
4) Excelencia á comunicación.

O Craega apoia o documento da SEAE ‘Evidencias científicas da produción ecolóxica’

A agricultura ecolóxica é máis respectuosa co medio ambiente? É o modelo actual de produción de alimentos sostible? Son os alimentos ecolóxicos máis saudables? … Estas son algunhas das preguntas formuladas con máis frecuencia cando se fala sobre produción ecolóxica. As respostas non sempre resultan as máis axustadas á realidade. Por iso, a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) elaborou un documento recompilatorio que recolle estudos e investigacións sobre as principais contribucións da produción ecolóxica a tres ámbitos: ao medio ambiente, á saúde das persoas e calidade dos alimentos, e a unha sociedade máis xusta e equitativa.

O Craega, xunto cun cento de organizacións representativas do sector, vén de adherirse a este documento clave para a agricultura ecolóxica.

O artigo baséase, principalmente, en meta-análises publicadas durante os últimos 15 anos. Presenta unha relación de argumentos científicos que poden servir como unha ferramenta para contrarrestar mensaxes tendenciosas (ou directamente falsas) en contra da produción ecolóxica. “Trátase de que calquera persoa ou colectivo, relacionado directa ou indirectamente coa produción ecolóxica, dispoña de argumentos que evidencian cientificamente as aportacións ambientais, sociais e a saúde da produción ecolóxica”, comentan desde a SEAE.

Ademais do Craega, tamén apoian este documento os consellos reguladores de Murcia, Cataluña, Valencia, Castela e León e Baleares. Tamén se sumaron Intereco, a Asociación Vida Sana, Greenpeace, Ecologistas en Acción, Del campo al cole e un longo etcétera.

Cole gañador de ‘Faite Eco do Lóxico’ 2017-2018: “Temos a esperanza de que sexa o xermolo dun xeito de vida máis san”

Alumnos do CEIP de Lousada (Guntín) realizando tarefas agrícolas no patio do colexio

Faite Eco do Lóxico deixou pegada no CEIP Plurilingüe de Lousada (Guntín), gañador do primeiro certame que convoca o Craega no seo deste programa educativo. “O pasado setembro, cando volvemos ao cole, a primeira preocupación do alumnado foi o invernadoiro: que iamos plantar, como preparar a terra, como gardar as sementes…”, conta M.ª Luisa Vázquez Viana, responsable do Plan Proxecta no centro. “Hoxe xa temos unhas cantas leitugas para autoconsumo e estamos agardando a colleita de repolos, coliflores e brócoli”, celebra a mestra.

O documental que fixeron os rapaces sobre que significa o ecolóxico mereceu o máximo galardón do Consello no curso 2017-2018. “No traballo implicouse todo o colexio. Todos foron quen de sentirse protagonistas”, engade a coordinadora. Por iso resultou unha experiencia tan positiva e a dirección do centro non dubidou en repetir este ano. “Fomos quen de inculcarlles aos nenos a importancia de cultivar e consumir produto ecolóxico e que ademais levaran a mensaxe á súa casa”, sinala Vázquez Viana. Unha mensaxe que non foi moi difícil de trasladar porque, nesta zona, unha alta porcentaxe das familias se dedica á agricultura e á gandería.

Este programa “é un labor de longo percorrido, ten que ir afianzándose pouco a pouco. Temos a esperanza de que sexa o xermolo dun xeito de vida máis san”, argumenta. Por iso, o CEIP de Lousada decidiu inscribirse de novo nesta modalidade do Plan Proxecta.

46 CENTROS, NA SEGUNDA EDICIÓN. A segunda edición de Faite Eco do Lóxico está a superar todas as expectativas. Promovido polo Craega no seo do Plan Proxecta, conta coa participación de 46 centros escolares de toda Galicia (34 de infantil e primaria e 12 de secundaria). O ano pasado anotáronse 34. Iniciativa da Consellería de Educación, o programa pretende afondar en aspectos vencellados coa ciencia, as novas tecnoloxías, a reciclaxe ou a alimentación mediante o traballo en rede. Deste xeito, comunidade educativa e entidades colaboradoras tenden pontes ao longo de todo curso académico para intercambiar coñecementos.

Baixo o paraugas de Aliméntate ben (impulsado por Medio Rural, Mar e Sanidade), o Consello dispón da modalidade Fai Eco do Lóxico. O seu cometido non é outro que fomentar o consumo de produto eco amosando ao alumnado os seus beneficios, tanto para a saúde como para o medio ambiente. Para iso, o Craega está a organizar charlas, degustacións e xogos en centros de  toda  a  comunidade.  Para  pechar  o programa, celebrarase un concurso final no que se avaliarán os coñecementos adquiridos polos estudantes.

Carlos Spuch: “O importante dos produtos eco é o que non teñen”

Carlos Spuch
Carlos Spuch, neurocientífico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias, é un gran defensor do produto ecolóxico

Romper o ciclo natural das cousas ten un prezo. E a ciencia corrobórao pouco a pouco. Demostrado está que pesticidas como o DDT –xa prohibido– inciden no alzhéimer e que hai outros que se relacionan co párkinson. Existen ademais “evidencias” de que estas e outras enfermidades como a depresión poderían ter a súa orixe no intestino. Por iso, levar unha alimentación saudable, a base de produto ecolóxico e sen procesados, é tan importante para previr determinadas doenzas. É o que defende Carlos Spuch, neurocientífico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias. Agora ten entre mans un proxecto piloto que intenta probar que a dieta ecolóxica é quen de diminuír a actividade inflamatoria no intestino.

Somos o que comemos?
Estamos formados por un montón de substancias. Desde que nacemos ata que morremos, o que incorporamos ao noso organismo chega a través da respiración, da alimentación ou do que nos poida picar o médico. Nada máis. Na respiración inflúen factores externos como a contaminación, pero o demais depende da nutrición. Cando es neno, se inxires un tipo de graxa determinado, hidratos de carbono en exceso e ademais hai déficit de proteínas, modifícase o neurodesenvolvemento e iso vai ter consecuencias na idade adulta.

Entón non hai alimentos nin bos, nin malos. Todo é unha cuestión de equilibrio…
O difícil é estar equilibrado. Salvo que haxa unha patoloxía que o impida, a mellor dieta é aquela na que comes de todo e variado. As graxas non se deben eliminar nunca por completo. Son moi importantes para o sistema nervioso. O 70% do cerebro está composto de graxa e as nosas neuronas necesítana para funcionar. Que sucede entón cando consomes unha dieta alta en hidratos e baixa en graxa? Que o desenvolvemento do cerebro non é bo. Hai estudos que demostran que os nenos que consumiron poucas graxas teñen un desenvolvemento cognitivo un pouco máis lento. Son normais, pero lévalles máis tempo resolver problemas ou reaccionar fronte a certas cousas. En resumo, cómpre comer de todo e variado.

Convén logo incluír as graxas na dieta?
Pois claro. O que hai é que escoller o tipo de graxa e atopar o equilibrio. En Galicia temos dous dos alimentos con mellor composición de ácidos graxos que existen no mundo: o peixe azul e o leite. O que non sabe a xente, en termos xerais, é que os ácidos malos son necesarios para a correcta absorción dos bos. O de que algo é bo ou malo é moi relativo. A natureza mesma é así e todo ten as súas funcións.

Estamos a envelenarnos coa alimentación de hoxe en día?
Envelenar é un pouco forte, pero si que estamos a modificar os nosos patróns alimentarios. O prexudicial é tomar sempre produtos procesados. Por outra banda, é positivo que xurdan tendencias bio. Pouco a pouco, a ciencia demostra que a dieta dos nosos avós era mellor que a de hoxe. Pero volvendo ao veleno, quizais habería que dicir que si, polo excesivo uso de pesticidas que se rexistra na actualidade. Cada vez saen máis estudos que verifican que certos praguicidas cunha alta concentración en alimentos provocan problemas crónicos no noso corpo. Por iso, son un defensor do produto ecolóxico: o máis importante non é o que teñen, senón o que non teñen.

Como poden intervir os alimentos en enfermidades como o alzhéimer ou o párkinson?
Cada vez saen máis evidencias do que todo o mundo sabe. Xa entre a década dos 80 e 90, un estudo demostrou que había pacientes de alzhéimer cun elevedo nivel de DDT no cerebro. A raíz das presións do Goberno sueco, acabouse prohibindo (permítese o seu uso nalgún caso). Tamén hai evidencias de que certos praguicidas constitúen un factor de risco para o párkinson. Basta con facer a proba cunha rata: se inxectas o composto en cuestión no seu cerebro, matas as súas neuronas. Ese é o modelo do párkinson. A maior parte dos pesticidas empréganse para controlar pragas e malas herbas, pero moitos teñen efectos neurotóxicos. Acumúlanse en niveis moi elevados en froitas e verduras que nós despois inxerimos e, polo tanto, pasan ao noso organismo.

Tamén di vostede que no intestino se pode atopar a orixe de moitas doenzas…
Hoxe en día un dos grandes focos de atención é a microbiota intestinal (as bacterias e outros mi- croorganismos que residen no intestino). Todos os alimentos teñen que pasar pola flora bacteriana para que poidamos absorbelos. Sospéitase que certas poblacións de bacterias están orixinando a depresión, determinada manifestación do alzhéimer, o autismo… E quen modifica a flora bacteriana? Os alimentos. A flora bacteriana é un reflexo do que comes. Por exemplo, a serotonina é un neurotransmisor asociado á depresión. O 90 % está no intestino. Cando a microbiota está alterada, a parede intestinal inflámase e a produción de serotonina trastórnase. Se a investigación logra demostrar que a orixe destas enfermidades está no intestino, poderemos controlar a depresión regulando a flora bacteriana.

É máis san consumir ecolóxico?
Si. Porque o produto ecolóxico non ten ningún tipo de químico. E ademais adoita ser un produto de proximidade: madura de forma natural na horta durante o tempo que precisa e chega máis rápido aos puntos de venda. Eses antioxidantes tan beneficiosos para a saúde dos que tanto se fala, son compostos que producen as froitas e verduras para loitar contra a exposición solar ou contra o ataque de bacterias e fungos. E iso que significa? Que non é o mesmo comer unha froita que madurase ao sol que outra que o fixese dentro dunha cámara. Na medida posible, hai que consumir produtos da túa rexión e de tempada. Cómpre asumir que non se poden comer amorodos todo o ano porque non se producen. Cada alimento ten a súa época. Só con iso, sería suficiente para provocar o boom económico dunha determinada zona.

Vostede está intentando probalo…
O noso grupo ten entre mans un proxecto piloto con pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal. Ademais de analizar os niveis de inflamación no intestino, tamén recollemos datos sobre a presenza de certos pesticidas nos ouriños. Despois mudamos os seus hábitos alimenticios e poñémoslles unha dieta ecolóxica. Aos 15 días volvemos a avalialos. Esperamos que a dieta ecolóxica diminúa a actividade inflamatoria no intestino e que mellore o seu estado de saúde xeral.

O CRAEGA reclama a presenza de alimentos ecolóxicos nos comedores escolares

Manuel Corredoira López (director xeral de Educación), esquerda, Francisco López Valladares (presidente do CRAEGA), José González (conselleiro do Medio Rural), Mª Pilar Tobar Quintanar (directora do IES Xelmírez II) e Manuel Rodríguez, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Foto: Xoán Crespo/Xunta

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) reclama a presenza dos alimentos ecolóxicos nos comedores escolares. “O produto que certifica o CRAEGA é deficitario tanto nas escolas como nos eventos públicos”, advertiu hoxe en Santiago o presidente da entidade, Francisco López Valladares. Neste senso, brindou a súa colaboración á Xunta para que, en vindeiras licitacións do servizo de comedores, puntúe tamén positivamente o ecolóxico e non só o alimento de tempada e de proximidade. “Os nenos de agora son os adultos do mañá e a súa saúde debe ser unha prioridade para o conxunto da sociedade”, engadiu. “O CRAEGA quere chegar ao prato de todos: da xente nova e da que non é tan nova. Porque só así lograremos espertar definitivamente ao noso rural e alimentarnos mellor”, sinalou.

López Valladares fixo esta demanda coincidindo co acto de apertura da segunda edición de Faite Eco do Lóxico no IES Xelmírez II. En presenza do conselleiro de Medio Rural, José González, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e do director xeral de Educación, Manuel Corredoira, o presidente do CRAEGA lembrou que este programa serve para achegar a agricultura ecolóxica a 46 centros de infantil, primaria e secundaria de toda a comunidade. “A Galicia despoboada ten un aliado neste sector, estratéxico á hora de dinamizar o rural sen destruír a súa esencia. Sostible e respectuosa co medio ambiente, é unha opción de vida para o produtor, pero tamén para o consumidor”, recalcou. “É fundamental que as novas xeracións dediquen unha parte do seu programa educativo a este sector cada vez máis relevante. A concienciación é un traballo de todos. Da familia, da escola e das institucións públicas”, engadiu.

O conselleiro do Medio Rural animou aos preto de 80 mozos participantes na charla a confiar na produción ecolóxica. “Os mellores produtos do mundo son os de Galicia e, en concreto, os ecolóxicos, produtos 100% naturais sen ningún tipo de engadido químico”, declarou.

Para González, a agricultura ecolóxica é “o futuro que vén do pasado” e proba diso é que cada vez máis xente aposta por mercar este tipo de alimentos. De feito, nos últimos anos a agricultura ecolóxica en Galicia está a rexistrar un crecemento destacado cun aumento do 33% no volume de ventas certificadas, que pasou de 59 millóns de euros en 2017 a 78,7 millóns o pasado ano.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, salientou a importancia do Plan Proxecta -no que se enmarca este programa- como paraugas coordinador de todas as iniciativas impulsadas desde diferentes consellerías e organismos para fomentar diversos valores de forma transversal a través do ensino. Neste caso concreto, Faite Eco do Lóxico (integrado na liña Aliméntate Ben) contribúe a concienciar aos máis novos dos beneficios para o medio ambiente e para a saúde dos produtos ecolóxicos, promovendo hábitos de vida saudables.

SEGUNDA EDICIÓN. O CRAEGA participa por segundo ano consecutivo no Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Educación que tende pontes entre a comunidade educativa e diferentes entidades sectoriais como este Consello. Dirixido a primaria, ESO, bacharelato e FP, no curso 2018-2019 fixouse un límite de 30 centros. A demanda superou todas as expectativas e acadou as 46 solicitudes. Nas charlas -como a que acolleu hoxe o IES Xelmírez II- inscribíronse 29 centros das catro provincias. Os escolares tamén están a recibir degustacións de produtos ecolóxicos e xogos no marco desta convocatoria. Como colofón, o CRAEGA convoca un concurso con tres categorías (infantil, primaria e secundaria) para premiar os mellores traballos sobre agricultura ecolóxica desenvolvidos durante o curso. En cada modalidade outorgarase un galardón único consistente nunha cesta de produtos ecolóxicos. O fallo darase a coñecer a principios de xuño.

Faite Eco do Lóxico é unha acción promovida polo CRAEGA con axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER)-Europa Inviste no Rural e a Xunta.