Arquivos da etiqueta: agricultura ecolóxica

A revista do verán chega cargada de cor, espazos únicos e boas novas

 

Chega o número 57 da nosa revista, que podedes visualizar xa en formato dixital. A edición de verán inclúe, coma cada ano, un especial no que debullamos as cifras que se recollen na Memoria anual referente aos datos de 2020, que reflicten un aumento no número de hectáreas, no número de operadores e, o máis salientable, na facturación. A presentación tivo lugar no pazo de Quián (Sergude, Boqueixón) e agora podedes vela en vídeo a través da nosa canle de Youtube ou dende a revista tan só con activar o voso código QR.

Para a nosa sección de entrevistas, desta volta paramos no pazo de Sabadelle (Chantada), que rexenta Xosé Figueiroa, un espazo moi especial e cheo de historia no que se poden saborear alimentos ecolóxicos  e de km 0, ademais de coñecer de preto un emblemático recuncho da nosa cultura.

Neste número incluímos dúas reportaxes. Na primeira coñecemos o nacemento das  Galletas Mariñeiras, o selo de identidade da empresa chantadina Daveiga. Na segunda dámoslles voz aos creadores dos únicos xeados ecolóxicos galegos, The Bio Factory, que se asentan na Coruña.

Volve Rocío Garrido, responsable do blog  La Cocina de mi Abuelo, á nosa sección de cociña eco, desta vez cun menú fresco, sinxelo e cheo de cor.

Na nosa axenda recompilamos as diferentes feiras programadas para os vindeiros meses e lembramos algunhas das noticias vinculadas ao noso labor dos últimos meses, como a nova campaña “Máis preto, máis eco”, en apoio ao pequeno comercio, ou o convenio que acabamos de asinar coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) co fin de seguir apoiando o sector.

A revista ao completo en formato dixital, aquí.

BioCultura Barcelona pecha a feira con máis de 14.000 asistentes

Algas La Patrona, Terra de Baroncelli e Muuhlloa compartiron stand na cita

BioCultura Barcelona, a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable, pechou a súa 27ª edición no Palau Sant Jordi. Unhas 14.000 persoas se achegaron ao recinto para coñecer  máis de cerca o sector ecolóxico, no que estiveron presentes varios operadores do galegos.

Ángeles Parra, directora da cita, afirma que “estaba claro que non ía a ser como a BioCultura á que estamos acostumados, pero o feito de que finalmente se puidese celebrar de forma presencial xa era unha gran noticia para todos”. Engade que “os expositores puideron presentar as súas novidades, que era o que querían. E a mensaxe da necesidade dun cambio cara o ecolóxico volveu chegar aos medios. Á espera de mellores tempos para a lírica, nós, como organizadores, tamén estamos moi contentos. Levamos xa case dous anos moi raros e empezamos a romper o maleficio”.

As actividades online tamén funcionaron ben. Ante a demanda de querer seguir gozando da programación deseñada para os catro días da feira, a organización decidiu deixar a plataforma ata finais de xullo para poder conectarse en calquera momento do día través do link. Para ver as actividades na canle, só tes que entrar na compra de entradas e elixir actividades online e a cantidade 1. Ao comprar as entradas, enches os teus datos, terminas a compra e descargas a entrada, que che aporta un código. Esa clave será a que precises para entrar na canle.

Optimismo na organización

Organizadores e expositores mostraron satisfacción en liñas xerais por como foi a feira. Parra indica que “este pequeno triunfo de BioCultura e do sector, nun marco tan excepcional e delicad

o, puido ser lido como unha sinal de esperanza”. E subliña que “cada vez máis, a cidadanía ten na alimentación a clave cara a un mundo máis sostible, san, saboroso, belo e xusto. E os subsectores afíns, como a cosmética certificada ou o téxtil sostible, están a punto de estoupar”.

Presenza galega

Na cita participaron varias empresas galegas en busca de saír, tras máis dun ano sen case citas presenciais, e co obxectivo de atraer a nova clientela para as súas marcas. As firmas que participaron foron: Muuhlloa (Granxa Maruxa e Milhulloa), Celtaverde (dentro da Gale Truck), Terra de Baroncelli e Sovoral Apicultura Orgánica, ademais de catro empresas dedicadas á acuicultura en ecolóxico: Portomuíños, Algamar, Algas La Patrona e Capitán Alga.

O CFEA Sergude organiza unha sesión demostrativa para a produción forraxeira ecolóxica

CFEA de Sergude, da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza mañá, venres 9, unha xornada demostrativa. A sesión está coordinada coa SAT La Sobreira e céntrase na identificación de oportunidades no control de herbas adventicias na produción forraxeira ecolóxica. Celebrarase en Pazo (Boimorto, A Coruña) de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Para máis información pódese solicitar no correo cursos.agacal.sergude@xunta.gal.

Varios operadores representarán a agricultura eco galega en Biocultura Barcelona

BioCultura chega á súa 27 edición, que terá lugar no Palau Sant Jordi de Barcelona, desde mañá ata o domingo, día 11. Con ela tamén chega o auxe da produción, vendas e consumo ecolóxico. Como todas as edicións, ten o firme propósito de seguir sorprendendo aos visitantes coas últimas novidades do sector ecolóxico con propostas cada vez máis variadas que nos facilitan adoptar uns hábitos saudables e a consumir de forma máis responsable.

BioCultura é a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable máis grande do Estado e reunirá este ano, de forma excepcional, uns 350 expositores dedicados aos sectores de alimentación bio, cosmética ecolóxica, moda sustentable, casa sa, turismo responsable, artesanías e ONG. Paralelamente á exposición celebraranse máis de 400 actividades (presenciais e on line) e espéranse uns 20.000 visitantes para cumprir coas normas de aforamento obrigadas por Covid.

Na cita participan varias empresas galegas: Muuhlloa (Granxa Maruxa e Milhulloa), Celtaverde (dentro dunha food truck) e Sovoral Apicultura Orgánica, ademais de catro empresas dedicadas á acuicultura en ecolóxico: Portomuíños, Algamar, Algas La Patrona e Capitán Alga.

O Craega pecha 2020 superando os 108 millóns de euros en volume de vendas certificadas

De esq. a dta, Javier García (secretario), Francisco López (presidente) e José Luis Cabarcos (director xeral da Agacal)

Hoxe fixemos pública a  Memoria anual cos datos estatísticos correspondentes a 2020 nun acto celebrado no pazo de Quián (Sergude, Boqueixón). Na cita estiveron presentes o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, xunto co presidente e o secretario do Craega, Francisco López e Javier García.

O presidente do Consello destacou que a pesar da pandemia, foi un bo ano para a agricultura ecolóxica

 

O presidente do Consello foi o encargado de abrir a sesión falando de que “ 2020, a pesar da pandemia, foi un bo ano para a agricultura ecolóxica e estes datos que recollemos son un pouco excepcionais”. Un dos datos que máis salientou foi o volume de produtos certificados e nese eido lembrou o compromiso que adquirira co conselleiro de Medio Rural hai un ano. “Marcamos o obxectivo de superar no 2020 os 100 millóns de euros, pois chegamos aos 108 millóns de euros”, apunta.  En canto ao incremento de número de operadores, incidiu que vai a seguir en aumento, “o crecemento do sector ecolóxico está medrando e agardamos que para o vindeiro ano os datos sexan mellores”. Para concluír na súa intervención agradeceulles aos consumidores dos produtos ecolóxicos galegos, “na miña curta experiencia, cando falas de Galicia é recoñecida polos seus produtos”. E engadiu que “desde o Craega queremos achegar o noso grao en coidar o medio ambiente e a saúde; por iso queremos traballar nesa liña, para ter unha Galicia máis sostible”.

Javier García debullou os datos que se recollen na memoria, empezando polos da superficie ecolóxica, que nunha década medraron un 126 %, ata acadar as 32.055 hectáreas. As provincias interiores de Lugo e Ourense acaparan o 82 % do total de superficie inscrita en agricultura ecolóxica: Lugo concentra máis da metade (52,6 %) da superficie, con 16.854 ha e Ourense é a provincia que máis medra respecto do 2019, 773 ha (9.404 ha totais). A única provincia que reduce é Pontevedra, -4.047 ha e quédase en 2.096 ha. García explica que isto foi debido, principalmente, “a que se deron de baixa dúas comunidades de montes”. Nas terras arables, resaltou que “o pasado ano había un déficit nas hortalizas frescas; porén, agora contamos con 215,8 ha, o que supón un 73,25 %”.

En canto aos operadores, 2020 péchase con 1.310 inscritos, un 10,83 % máis que o ano anterior. O sector galego ten dous polos territoriais: a provincia de Lugo leva o peso da produción con 369 operadores e a de Pontevedra o da industria, con 122. Cabe incidir en que os elaboradores case se cuadriplicaron na última década e hoxe representan o 25,8 % dos inscritos. Nos produtores, un dos datos máis importante é que, con 158 operadores, as provincias atlánticas concentran a totalidade da actividade acuícola, representando o 16 % dos produtores primarios.

Os lácteos seguen a ser o produto estrela en canto ao volume de vendas en ecolóxico

 

No volume de vendas, García explicou que se viu incrementado polo crecemento das empresas elaboradoras. O 2020 pechouse con 108.366.111 de euros e certificáronse 15,58 millóns de euros máis que o ano 2019, pese a pandemia. A produción animal leva o peso do Craega no que se refire ao volume de vendas certificadas. Con 63,12 millóns de euros, supón o 58 % do volume de vendas certificadas. A Coruña destaca como a provincia que máis medra en facturación. Despediu 2020 cunha cifra de 27,2 millóns de euros, un 30 % máis que no exercicio anterior.

Á marxe do leite, os ingresos do sector eco galego apóianse nas carnes (15,28 millóns de €), conservas de peixe (14,3 millóns de €) e nos ovos (7,8 millóns de €) como principais producións por volume. Ademais, esperta a produción vexetal, cun crecemento nos tubérculos, recolleita silvestre e na horticultura que tanto demanda o consumidor galego.

José Luis Cabarcos salientou que medrar nun ano complexo é unha mostra da aposta do consumidor cara ao consumo responsable

 

Para pechar o acto, o director de Agacal felicitou o Craega polos bos resultados obtidos. “En Agacal hai 36 selos de calidade que son 36 oportunidades para mellorar o sector produtivo con calidade diferenciada dentro de Galicia, o máis relevante é como medran estes selos e un deles é o do Craega, que para nós é moi interesante”. Engadiu que “cando falo das máis de 30.000 hectáreas que se están certificando polo Craega no único que penso é que hai unha oportunidade para medrar, xa que hai moita terra abandonada que é susceptible de convertela en ecolóxica”. En canto ao valor certificado, Cabarcos incidiu en que “medrar nun ano complexo é unha mostra da aposta do consumidor cara ao consumo responsable” e engadiu que a calidade dos produtos de Galicia é incuestionable e “asociar Galicia ao Craega e a ecolóxico é unha aposta importante”.

Memoria 2020

Unha decena de granxas eco ofrécense para acoller prácticas da FP Dual de Produción Agroecolóxica no IES de Arzúa

A falta de man de obra cualificada para traballar no campo fai que sexa un problema en granxas ecolóxicas e nas que non o son. Cada vez son máis os coñecementos técnicos e zoosanitarios que teñen que ter os traballadores dunha granxa gandeira ou agrícola.

Desde o IES de Arzúa propuxéronlle a Jesús Valiño, da Granxa Ecolóxica Figueroa, ser unha das empresas susceptibles de ofrecerlles prácticas aos alumnos e alumnas dun ciclo de FP Dual de Produción Agroecolóxica que teñen pensando poñer en marcha no centro. Valiño non o dubidou. Non foi o único ao que valoraron na comarca, na que naceron varias explotacións que apostan polo modelo ecolóxico. Pilar Castro de A Curiscada, outra das empresas que ofrecerán prácticas, resalta a importancia de atopar xente profesional e máis nunha zona tan produtora. Castro é socia da SAT Lactear, formada pola Ganadería Pear SC e Casa do Xordo, que tamén confirmaron a súa participación no proxecto.

Estas ganderías forman parte das dez empresas que, nun principio, subscribirán un acordo polos dous anos que dura o ciclo para ofrecerlles prácticas aos alumnos. E son elas mesmas as que seleccionarán os estudantes nunha entrevista psicosocial na que tamén estarán presentes docentes. A FP Dual está confirmada, mais falta coñecer as prazas que ofertarán e como será o proceso de acceso. A partir do 25 de xuño abrirase un prazo para presentar as demandas ata o 2 de xullo. Logo publicarase unha listaxe provisional e, tras pechar o período de reclamacións, será cando as empresas colaboradoras da comarca realicen as entrevistas das que sairán os alumnos admitidos para realizar esta FP.

Información de “Somos Agro”,  La Voz de Galicia

A nosa revista de primavera estrea cabeceira

Xa tedes á vosa disposición a edición dixital do número 56 da nosa revista, que ve a luz cun novo formato, e faino co balance do Barómetro de consumo ecolóxico 2020, cuxa presentación tivo lugar en Monforte, onde aproveitamos para conversar con José Luis Carbarcos, o director xeral da Agacal, quen nos falou do traballo que están a levar a cabo para potenciar a agricultura eco. Tamén recollemos unha completa reportaxe do que foi a conferencia sobre o Plan de acción ecolóxico europeo, que se retransmitiu desde a web da Asociación Española de Elaboración y Comercializadores Ecológicos (Asobio).

A reportaxe deste número está dedicada a cinco mulleres emprendedoras da Ulloa que crearon a marca de cosmética ecolóxica Muuhlloa a partir de dúas empresas certificadas polo Craega, Granxa Maruxa e Milhulloa.

Martín Mantilla, restaurador de Berso e colaborador habitual do Consello, é o protagonista da entrevista desta edición, na que nos relata, entre outras moitas cousas, como foron os comezos en pandemia e cal é o truco do seu éxito.

Na nosa sección de cociña eco podedes atopar nos fogóns á editora de La Cocina de mi Abuelo, Rocío Garrido, quen nos ensina a preparar un menú completo e delicioso e moi sinxelo!

E, coma sempre, recompilamos varias novas breves do sector dos últimos meses, así como os eventos que están próximos a celebrarse e novas convocatorias de premios.

A revista completa está dispoñible en formato dixital, preme nesta ligazón.

O Pazo Sabadelle: un espazo ecolóxico cheo de cultura galega

Xosé Figueiroa no balcón interior do pazo

A aldea de Sabadelle (Chantada) alberga un dos pazos históricos de Galicia, datado no século XII. A primeira documentación que consta é do ano 1251. Despois de pasar por varias xeracións, chegou ás mans da nai de Xosé Figueiroa e os seus tres irmáns, os actuais donos do recinto. Agora é un espazo familiar e de turismo, onde prima a natureza e o ecolóxico, xa que conta coa carne certificada polo Craega e está pendente de certificacións de máis produtos. Ademais, é un lugar onde se dan cita diversos artistas da cultura galega.

O pazo dispón de dúas habitacións de aluguer

No medio da natureza, entrar neste pazo do interior de Galicia é un luxo. Cadros, artigos únicos, libros referentes en Galicia e moita historia recollen as pedras do recinto. O espazo, na actualidade, conta con dous cuartos de alugamento. A forma de poder pasar unha noite entre cultura e natureza é por chamada directa ou a través de Booking, onde teñen unha boa puntuación e moi bos comentarios. “Sempre hai quen non sabe a onde vén; hai pouco, unha señora comentou que estaba todo xenial, pero que non tiñamos televisión e claro, non temos porque aquí vense a gozar do que hai e deste entorno”, explica o xerente do espazo.

RECUPERAR O PASADO COA AGRICULTURA ECOLÓXICA

Pertencen á Granxa Familiar da USC

Figueiroa conta que decidiron meterse na agricultura ecolóxica porque “é unha maneira de conservar o pasado. A min estes produtos recórdanme a cando eu era neno e, de feito, sufrimos as mesas consecuencias; un tomate da casa vendido ao prezo máis barato dos que hai no mercado, a nós sáenos rendible, pero non é así”. Todo o que producen é en ecolóxico, pero de momento só contan coa carne de vaca certificada polo Craega, aínda que no futuro confían en poder obter o selo do Consello en máis produtos. Dentro da agricultura ecolóxica pertencen á Granxa Familiar da Universidade de Santiago de Compostela, un proxecto coordinado por Carlos Ferrás. “Grazas a isto, eu agora conto con clientela de Zaragoza, Sevilla, Eibar, Barcelona, País Vasco… e son compradores que viron os produtos a través desta canle e a día de hoxe seguen mercando”, puntualiza.

Contan coa carne de vaca certificada polo Craega

No almorzo que lles ofrecen aos hóspedes poñen ata 17 pratos distintos. “Agora, polo coronavirus, poñemos menos cantidade porque o que sobra hai que tiralo, pero a xente pode repetir todas as veces que queiran”, explica Figueiroa. Entre eses pratos ofrecen froita, pan de Antas de Ulla, aceite, café, biscoito, un prato con xamón, chourizo e salchichón, manteiga, filloas con fariña de millo ou trigo, leite, crema de moras ou sabugueiro, queixo… “Servimos do que temos nós, do que nos dá alguén ou do que collemos a algunha empresa da zona, pero sempre en ecolóxico, por exemplo a manteiga é de Arqueixal, porque a min, cando a probei, me lembrou á que comía cando era pequeno, cunha calidade extraordinaria. Hai algo evidente, todo o que recorde ao de antes é bo, porque a xente das aldeas comía moi ben”. Engade que os turistas que visitan o espazo van “na procura de produtos de calidade; por exemplo, ás veces poñemos un ovo frito e sorpréndense do sabor único que teñen os ovos da casa”.

UN RECUNCHO DE CULTURA E SABORES GALEGOS 

Este recinto conta cunha sala habilitada para exposicións. Ao longo do ano organizan mostras de pintura ou artesanía, presentan libros ou cancións de autores da terra. “A idea é achegar a cultura galega a todo o mundo. Non nos interesa que veñan as grandes elites, senón a xente que está empezando ou que é da zona e quere visibilidade”, explica Xosé Figueiroa. “Non somos unha galería, o artista vende directamente”. No espazo hai pezas de artistas como Miguel Anxo Macía, Artiaga, Moxom, Luis Seoane ou Beatriz Palomero, entre outros moitos.  

En canto á música, o obxectivo é darlle promoción a todo tipo (pop, folk ou rock). E tamén lles dan visibilidade a poetas de antes como aos de agora. A partir de xuño, empezarase a rodar no pazo unha película sobre Rosalía de Castro. “A min interésame moito promover iso, que o público vexa que nas aldeas hai cultura, quitar a mala imaxe de que os que traballan con vacas non saben de máis cousas, por iso me gusta que a xente se interese por vir presentar os seus proxectos ou que o queiran utilizar para o que sexa”, destaca.

Durante as exposicións, ofrecen degustacións de produtos elaborados da casa como requeixo con marmelada, biscoito, froita, chourizo ou xamón. “Isto leva a que ao final do ano haxa xente na aldea e que teña vida; o turismo en Galicia debería estar pensado para que os visitantes chegasen a un país producindo, non en ruínas”, indica.

Nas paredes pendura a arte de antes e de agora

 

UN REFUXIO DURANTE A REPRESIÓN

Zona de entrada ao Pazo de Sabadelle

Este lugar está cheo de historia. Segundo teñen constancia, no pazo de Sabadelle naceu o bispo Agustín Lorenzo, que exerceu en Salamanca e está enterrado aló. “El mandou construír a actual igrexa que temos na aldea porque a que había, lle parecía pequena. O cariño que tiña por isto fixo que quixese que o seu corazón fose enterrado aquí, segundo contan, e de feito hai unha placa na entrada do templo que así o pon”, indica.

Este pazo acolle relatos fermosos e tráxicos. “Miña nai dicía que antes da Guerra Civil, meu tío a levaba sentada no arado e ía asubiando, despois dela nunca máis volveu asubiar”, lembra Figueiroa. “Aquí escondeuse moita xente cando foi a represión, os netos desa xente non saben que estiveron aquí, e para nós iso é unha honra”, conta.

Con maio chega o momento de transplantar os cultivos de verán

Maio é un dos meses de máis actividade nas hortas familiares. Sementeiras, transplantes, primeiros tratamentos… sempre que o clima acompañe para a realización destas tarefas, xa que a inestabilidade propia da primavera se deixa ver en terras galegas. Aínda así, empezan a asomarse días agradables e de sol, que xa empeza a quentar, pero nesta zona aínda hai posibilidades de xeadas.

Neste mes xa chega o momento de transplantar no exterior os grandes cultivos de verán: tomates, pementos, leitugas, acelgas ou remolacha de mesa, entre outros.  Tamén xa se poden sementar tanto as cenorias como feixóns, cabazas, melóns, sandías… Por outra banda, séguense plantando cebolas e porros.

Nesta época do ano, en Galicia, os prados xa están preparados para a sementeira de millo. Co ensilado de herba xa moi avanzado, os agricultores preparan as terras para sementar. Neste caso, sementar millo doce pode ser unha alternativa, xa que é un cereal que se dá ben nesta zona.

Coa calor e a humidade é posible que aparezan diferentes fungos, sobre todo cando suban as temperaturas. Para combatelo é recomendable facer algún tipo de tratamento. Na agricultura ecolóxica hai diferentes armas para facerlle fronte a estas pragas, aínda que neste tipo de produción convén establecer unha previsión máis que unha curación, empregando axentes que eviten a entrada de enfermidades. A cera das abellas, xelatina, proteínas hidrolizadas ou a lecitina son algúns dos elementos que se usan para combater algunhas das pragas que afectan ás plantacións.

FROITAS DESTE MES

Cada vez queda menos para gozar das froitas frescas e doces do verán como son os melóns ou sandías de momento, é o tempo das nésperas, un dos primeiros árbores que frutifica nesta tempada. Ademais, xa se empezan a saborear os amorodos das hortas e tamén xa se ven algunhas cereixas.

 

A Rede Rural Nacional ten en marcha un ciclo de encontros entre emprendedores rurais por España

O Ciclo de Encontros entre Emprendedores Rurais, organizado pola Rede Rural Nacional a través do programa de Antenas Rexionais chega á súa recta final e as últimas xornadas terán lugar na vindeira semana.

Trátase dun ciclo de 17 xornadas de intercambios de experiencias entre emprendedores e persoas con inquietudes empresariais do medio rural de cada unha das comunidades autónomas españolas.

Cabe destacar que estes eventos son online, gratuítos e abertos para todas as persoas interesadas na temática de dinamización e emprendimento no medio rural. O obxectivo é tratar de dar a coñecer as problemáticas concretas que xorden á hora de pór en marcha un novo negocio, así como as súas posibles solucións, e mostrar os diversos sectores nos que se pode emprender no medio rural. Para iso, estas xornadas dividíronse en dúas mesas redondas: unha, de proxectos emprendedores máis incipientes, e outra, de proxectos de emprendimiento máis asentados.

INTERCAMBIOS DE EXPERIENCIAS EN GALICIA

No caso da comunidade galega os encontros tiveron lugar esta semana. Na primeira mesa de experiencias, “Comezando a emprender no medio rural: problemas, dúbidas e solucións” participaron Gemma de la Montaña, da Asociación de Integración Social A-02 Velas, Asociación Náutica, Social, Ecolóxica e Sustentable, ecoturismo inclusivo (Ares, A Coruña); Cristina Bañobre Lomba, de Horta Daterra, agricultura e formación ecolóxica, aulas gastronómicas (Miño, A Coruña); Adriana Rodríguez Millán, de María Manuela Enoturismo (Boqueixón, A Coruña) e Alberto Uría, “O País do Abeyeiro” ecomuseo, apicultura (Pena de Nogueira, Lugo). A segunda parte centrouse en “Emprendedores no medio rural, unha aventura que merece ser contada”. Nela estiveron Guillermo Martínez, de Creación de Granxa Escola, dixitalización de Casa Grande de Xanceda, granxa ecolóxica (Mesía, A Coruña); Rosendo Luís Estévez Parada, de Trasdeza Natur, agricultura ecolóxica (Silleda, Pontevedra) e Patricia Mouro, de Naturmaz, parque de aventura, aeródromo (Mazaricos, A Coruña).

As sesións celebradas pódense ver na súa canle de Youtube

Información sobre as xornadas que quedan por celebrarse, así como os enlaces de inscrición para cada unha delas