Arquivos da etiqueta: acuicultura ecolóxica

O Craega cumpre 25 anos certificando a calidade galega do sector

 

  • O presidente do Craega, Francisco L. Valladares, á fronte da entidade dende o ano 2017, salientou que a tendencia do sector sempre foi á alza dende o seu inicio, tanto do Consello coma dos seus propios comezos como produtor ecolóxico.
  • O balance presentado no acto nos últimos cinco anos (2016-2022) marca unha liña ascendente nos tres piares fundamentales: número de inscritos (cun aumento do 61 % respecto de 2016); hectáreas ecolóxicas (+64 %) e facturación (+170 %).
  • A Cooperativa Santa María de Loureiro, Alibos Galicia, Verín Biocoop SCG, Jesús Boán Méndez e Miguel Areán e Hijos SL recibiron unha homenaxe porseren os cinco primeiros operadores inscritos no Consello.

O Consello da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) celebrou hoxe o 25.° aniversario nun acto que uniu diversas autoridades e operadores e no que non faltaron a música nin a representación de produtos ecolóxicos galegos. A cerimonia, que a entidade fixo coincidir coa celebración do Día da Agricultura Ecolóxica da Unión Europea, deu comezo á media mañá no complexo rural lucense A Parada das Bestas (Pidre, Palas de Rei).

O actor galego Luis Iglesia foi o encargado de conducir o evento, que arrancou coas intervencións das autoridades. O presidente do Craega, Francisco López Valladares, estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González; polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; pola conselleira do Mar, Rosa Quintana; polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e polo alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, ademais doutras autoridades autonómicas, provinciais e locais que tamén asistiron como convidados.

Abriu a rolda de intervencións López Valladares, quen lembrou o seu propio comezo coma un dos primeiros operadores, hai 23 anos e, a continuación, recordou as palabras do anterior presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que na súa presentación no vixésimo aniversario do Craega lle pedira medrar un 20 % a produción ecolóxica. Apoiándose no cadro de datos comparativos entre os anos 2016 e 2022, o presidente do Consello amosouse moi satisfeito por “ter feito os deberes”, pois o balance nese período arroxou unha dinámica ascendente nos piares fundamentais, pasando de 27.716 hectáreas ecolóxicas ás 45.510, é dicir, a superficie ecolóxica galega incrementouse en 17.794 ha (+64 %); en canto ao número de operadores ecolóxicos, a lista de inscritos subiu de 945 a 1.523, isto é, 578 máis (+61 %); finalmente, o volume de negocio tamén mostrou unha evidente tendencia á alza, xa que hai cinco anos se facturaron preto de 42 millóns de euros, e en xuño deste ano acadáronse cerca de 113 millóns, é dicir, o aumento foi de máis de 70 millóns de euros (+170 %). Con estas cifras, considera que deron “a misión por cumprida”.

Tras agradecer a presenza dos tres conselleiros asistentes a este evento, o presidente tamén aproveitou para advertir que aínda queda “moito camiño por percorrer” e que “hai que arrimar o ombro” para acadar a axenda da Unión Europea, que esixe acadar para o ano 2030 que o 25 % de superficie agraria útil (SAU) sexa de produción ecolóxica. López Valladares tamén lles deu as grazas a todos os convidados, aos antigos presidentes, a todas as institucións e ao equipo humano e congratulouse de estar celebrando o seu cuarto de siglo no primeiro Día da Agricultura Ecolóxica da UE.

A continuación tomou a palabra o presidente da Deputación, José Tomé, quen destacou o Craega como “un elemento clave para a evolución do sector” e manifestou a importancia do “valor engadido que significa a produción ecolóxica para o sector primario” e animou a seguir traballando.

A terceira en intervir foi Rosa Quintana, a titular da Consellería do Mar, quen, tras darlle os parabéns ao equipo de hoxe e do pasado, agradeceu o compromiso adquirido coa terra e co mar, “máis verde e máis azul” grazas ao seu labor destes 25 anos e, como representante da Administración pública, comprometeuse a seguir traballando polo subsector eco do mar: “Galicia seguirá sabendo a mar”, apuntou no final da súa charla.

Tras ela subiu á palestra Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen tamén se sumou aos parabéns e deulle as grazas ao Consello por “facer de Galicia un lugar mellor” e convidou a continuar neste camiño para “alcanzar a excelencia”.

Pechou a rolda de intervencións José González, o conselleiro do Medio Rural, quen no seu discurso puxo o foco na importancia do labor da agricultura ecolóxica para impedir os incendios do noso territorio e recordou que, tras acadar as case 46.000 ha de superficie agraria en ecolóxico, o “gran reto é mantelas”. Así mesmo, apuntou dous grandes obxectivos máis: reverter o abandono da terra e cumprir a normativa que impón Europa de conseguir chegar a producir o 25 % da superficie agraria en ecolóxico.

HOMENAXE AOS HISTÓRICOS

O Craega quixo renderlles unha homenaxe aos cinco operadores máis veteranos, pois foron partícipes do nacemento deste Consello. No transcurso do acto proxectáronse vídeos coas declaracións dos cinco empresarios, que recibiron cadanseu galardón en recoñecemento a todos estes anos de traballo:

A Cooperativa Santa María de Loureiro (O Irixo, Ourense), con Antonio González Bernárdez á fronte, empezou a certificar quefir, queixo fresco e iogur natural. González Bernárdez fixo fincapé nas inspeccións que fan dende o Consello para outorgar o selo: “Isto fai que se presente un produto de calidade e extraordinario para a saúde”.

Pola súa banda, a entidade Alibos Galicia (Monterroso, Lugo) dispón en ecolóxico de castañas conxeladas a granel e en puré. O seu representante, Xesús Quintá García, rememorou o seu inicio: “Para nós foi unha oportunidade, xa que moitos clientes estranxeiros nos demandaban produtos ecolóxicos” e congratulouse de que o seu proxecto continúe a medrar a escala internacional.

Verín Biocoop SCG (Verín, Ourense), dirixida por José Luis Vaz, é outra das primeiras firmas co selo do Craega. Esta cooperativa certifica carne de carnes de caprino, ovino, vacún e hamburguesas de tenreira. “Para min foi unha honra meterme na produción ecolóxica, traballar co Craega e ver que xa temos uns resultados interesantes despois de percorrer este proceso”, sinalou Vaz.

Miguel Areán e Hijos SL (Chantada, Lugo) tamén forma parte da lista máis antiga. Baixo a firma comercial Naiciña, Miguel Areán e o seu fillo Miguel Ángel Areán producen castañas conxeladas a granel, en caldo de azucre, en puré, en crema, precocidas e en fariña. “Levamos 25 anos traballando co Craega e cada día temos máis vendas, hai máis futuro”, apuntou Miguel Areán.

O quinto homenaxeado foi Jesús Boán, outro produtor de castañas que traballa dende Taboada (Lugo), quen se mostrou moi satisfeito por producir castaña en ecolóxico e declarou que “merece a pena, pero oxalá houbese máis xente e máis interese en promover este tipo de produtos, que son excelentes e sans”.

MÚSICA, GASTRONOMÍA ECO E ESCAPARATE DE PRODUTOS ECOLÓXICOS

Tras os discursos oficiais e a entrega de premios, os convidados gozaron dun día festivo, no que puideron saborear un menú a base de petiscos elaborados con produtos eco in situ por María Varela (A Parada das Bestas), Álvaro Villasante (restaurante Paprica, Lugo), Martín Mantilla (restaurante Berso, Sober), Criselda Iglesias (Tapería Lecer, Cangas do Morrazo, Pontevedra), Héctor López (restaurante España, Lugo) e José Manuel Mallón (Espazo Gastronómico Remollo, Ames, A Coruña), un xantar que estivo amenizado polas actuacións de The Sar Swing Quintet, Marcos Vázquez e Mekanika Rolling Band.

Así mesmo, co obxectivo de darlle máis visibilidade a produción ecolóxica galega que conta co selo do Craega, durante todo o acto púidose ver unha mostra significativa de produtos que achegaron algúns dos operadores que se integran na entidade.

 AGRADECEMENTOS 

Dende o Consello agradécenlles a todas as autoridades a súa presenza neste acto conmemorativo, así como aos operadores que se achegaron a conmemorar o cuarto de século, posto que sen eles todo isto non sería posible. Tamén lles dan as grazas a todas as persoas que se encargaron da organización da cita na Parada das Bestas e aos músicos que puxeron a banda sonora a esta xornada.

O consumo, o punto débil da produción ecolóxica

Europa fai unha aposta pola agricultura ecolóxica e mostra diso son o Pacto Verde, o novo marco legal e a futura Política Agrícola Común (PAC). España é o país europeo con máis superficie ecolóxica, 2,44 millóns de hectáreas no 2020, da UE e o terceiro a nivel mundial. A pesar diso, a día de hoxe só o 10 % da superficie agrícola española se dedica a producir alimentos orgánicos.

O obxectivo fixado pola Comisión Europea está no 25 % de superficie sustentable para 2030, con todo, o “punto débil” do sector ecolóxico é o consumo e así o afirma o conselleiro principal da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da CE, Diego Canga. A media comunitaria sitúase en 84 € per cápita, pero en España está en 53,41 €, segundo datos de 2020.

O sector ecolóxico español non se mostra conforme con todos os cambios que se estableceron en Bruxelas e en Madrid para o futuro da súa actividade. En liñas xerais, é prudente sobre que se poida conseguir en Europa o Modelo Agroalimentario Ecolóxico no horizonte 2030 se non vai acompañado de máis fondos públicos tanto para a produción como para o transvasamento de agricultores convencionais ás prácticas ecolóxicas certificadas ou o impulso do consumo de alimentos bio.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) publicou o pasado mes de decembro a proxección dun “escenario sectorial” no suposto de cumprirse que o 25 % da superficie agraria útil (SAU) do España estivese baixo o modelo de produción ecolóxica. Cabe destacar que ao longo do presente ano, o MAPA terá en marcha a nova “folla de ruta nacional” para a agricultura ecolóxica, con medidas prioritarias, como o incremento da promoción para fortalecer o consumo interior e a elaboración de informes e estatísticas para a toma de decisións dos operadores.

Montserrat Escutia, secretaria de Vida Sana, recoñeceu que agora é un “momento histórico” para cambiar o modelo de alimentación europeo da man das estratexias “Da granxa á mesa” e “Biodiversidade do Pacto Verde”. “Sobre o papel, todos saben na UE que o modelo sobre consumo de proximidade e de tempada, desperdicio, envases e produción ecolóxica ten que cambiar, pero, cando chegamos a España, chocamos cun muro”, sentenciou. Así mesmo, mencionou a importancia da agricultura ecolóxica para a fixación da poboación nova e de mulleres no medio rural, xa que a idade media nesta actividade é moito menor que na agricultura convencional.

Reportaxe completa: “Somos Agro”,  La Voz de Galicia

O Craega colaborará na cata de produtos do mar eco no Salón Gourmets

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, estará presente na  34.ª edición do Salón Gourmets, que terá lugar do 18 ao 21 de outubro no recinto feiral de IFEMA, co espazo degustación “Galicia sabe amar”.

Dentro do seu programa de actividades, o Craega colaborará o luns 18 de outubro na cata de produtos ecolóxicos do mar “Galicia sabe a mar: a mar de natural,” que estará a cargo de Criselda Iglesias (Tapería Lecer, Cangas do Morrazo). 

Programa de actividades

 

O Craega e a Consellería do Mar reúnense en Vilanova para apoiar o labor do sector acuícola en ecolóxico

Co fin de visibilizar o sector da acuicultura ecolóxica, o día 17 de setembro diversos respresentantes do Craega desprazáronse ata o concello pontevedrés de Vilanova de Arousa, onde se levaron a cabo unha serie de actividades.

En primeiro lugar, os vogais do Consello celebraron un Pleno no Centro Cultural Teatro-Auditorio Valle Inclán, sito na vila arousá. Seguidamente, reuníronse co director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos Corral,  e coa directora de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda, e o equipo achegouse ata a conserveira Antonio López Lafuente (Pan do Mar).

De esquerda a dereita: José Luis Cabarcos; Mercedes Rodríguez Moreda; Francisco López Valladares, presidente do Craega; Ramón Fernández Conchas, representante da Consellería do Mar no Pleno, e Álvaro Pérez-Lafuente, da empresa Pan do Mar

O evento pechouse cun xantar a base de produtos ecolóxicos no que se incluíron produtos do mar, ao que asistiu a conselleira do Mar, Rosa Quintana Carballo. Neste encontro debatéronse diversos aspectos relacionados co sector primario en ecolóxico que depende desta consellería, como son o cultivo de algas e as bateas. 

De esquerda a dereita: Javier García e Francisco López Valladares -secretario e presidente do Consello-; Rosa Quintana; Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa; Mercedes Rodríguez, José Luis Cabarcos e Juan Carlos Juncal Piñeiro, vogal do Craega

A despensa de mexillón bio está en Galicia

O Craega rexistrou 3.124 toneladas de mexillón ecolóxico en 2018, case o 60% do que se certifica no conxunto do Estado.

Con 2.500 km de costa, Galicia é líder absoluto en acuicultura bio de España. O monopolio recae na ría de Arousa, a máis extensa do Estado. Salvo unha mínima porcentaxe procedente da ría de Aldán (Cangas do Morrazo), dese labirinto escarpado de illas e arrecifes saíron as 3.124 toneladas que o Craega rexistrou en 2018. Segundo o informe sobre produción ecolóxica que o Ministerio de Agricultura publicou recentemente, o noroeste peninsular mantén o monopolio en acuicultura e absorbe o 59,4 % do que se certifica no conxunto do Estado. En algas con etiqueta verde, Galicia tamén se sitúa en cabeza. Das 721 toneladas que se comercializaron no país, 636 tiñan aquí a súa orixe.

Do mexillón ecolóxico e de como se foi facendo un oco no mercado internacional sabe moito Juan Carlos Juncal Piñeiro. Presidente da Asociación de Produtores Mexilloeiros San Amaro e vogal do Craega, coñece como poucos os 230 km2 da ría de Arousa. Pioneiros na produción do molusco con selo, nese recuncho singular do litoral galego o colectivo xestiona 41 bateas repartidas en mans de 26 socios.

“Os principios foron dífíciles. Comezamos certificando dúas bateas para industria e o primeiro ano só vendemos o 20% da produción. O resultado non pagaba o esforzo, pero era unha aposta de futuro cun produto innovador”, lembra Juncal. A primeira grande eclosión chegou en 2013. San Amaro empezou a vender fresco para Francia, un país con niveis de consumo ecolóxico moi elevados. A entrada no mercado galo exerceu un efecto chamada e, ao colectivo con sede en Vilanova de Arousa, sumáronse membros doutras organizacións, primeiro os da Rianxeira e, máis tarde, os da Illa. Conscientes das dificultades para introducir o bivalvo nos circuítos comerciais, despois inscribiuse tamén algún cocedeiro de mexillón e algunha depuradora, algo que serviu para darlle o pulo definitivo ao sector.

O mercado do mexillón eco atópase nun estado embrionario. “Aínda que tres mil toneladas semelle unha gran cantidade, supón pouco máis do 1 % do mexillón galego comercializado. Partindo da calidade das augas, hoxe en día poderíase certificar máis dun 90 % do noso molusco”, engade.

Fonte: ‘Agricultura ecolóxica. Estatísticas 2018’, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

FRANCIA, O MERCADO MÁIS APETITOSO. Francia é o terceiro mercado de alimentos ecolóxicos a escala mundial e o noveno que máis gasta ao ano en produtos bio per cápita (101 €). Son datos dun informe do ICEX, no que tamén se prognostica que o sector aspira a acadar os 12.000 millóns de euros en 2020.

En Arousa foron quen de percibir as oportunidades dun país que fixo do mexillón fresco –non dispoñible no seu mercado– unha das estrelas da súa despensa. O selo do Craega resultou fundamental para abrirse camiño. Ademais de achegar valor engadido, a certificación “permitiunos acadar estabilidade tanto en prezo como en vendas”, explica o presidente de San Amaro.

Desde as Rías Baixas auguran que o futuro do molusco pasa por converterse en ingrediente de pratos elaborados, en consonancia coa tendencia dos mercados. Hoxe comercialízase de xeito moi semellante ao convencional, tanto en conserva coma en fresco. Este último é o que máis demanda rexistra no seo de San Amaro, algo que desde a agrupación atribúen a que, con este formato, tende a identificarse cun produto gourmet

Juan Carlos Juncal Piñeiro, presidente da Asociación de Produtores Mexilloeiros San Amaro.

DIFERENZAS ENTRE MEXILLÓN BIO E CONVENCIONAL. A calidade da auga é o principal criterio á hora de establecer os límites entre o mexillón bio e o convencional. Segundo estipula a normativa de acuicultura ecolóxica, o molusco con etiqueta verde debe producirse en polígonos situados en zona sanitaria A ou B (alta calidade). De analizar a calidade da auga ocúpase o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

Co peso que ten a contorna para o sector bateeiro, Juncal fai fincapé en que o maior reto para os produtores e os mariñeiros das rías galegas “é conservar o medio no que traballamos, evitando que os intereses de empresas e persoas sen escrúpulos os deterioren de forma irreparable”.

A curto-medio prazo, todo apunta a que se irán creando pequenos grupos de produtores que asumirán a xestión de 20 ou 30 bateas a fin de amortizar recursos e sacar maior rendemento á produción.

Mexillón á marxe, o tamén vogal do Craega vai máis alá e apela á Administración para que fomente o consumo de produtos ecolóxicos. Nesta liña urxe medidas como a puntuación dos alimentos bio nos concursos de comedores xestionados polos poderes públicos ou a aplicación do IVE superreducido.

Galicia encabeza a produción de carne avícola e pechou 2018 cun balance de 1.078 toneladas.

LÍDER EN LEITE E CARNE AVÍCOLA. O informe do Ministerio de Agricultura pon de relevo que Galicia segue a gañar peso en produción ecolóxica ano tras ano. A superficie dedicada a este tipo de cultivo medrou un 7,9 % só nun exercicio e, ademais, a comunidade logrou encabezar certos sectores como o leite, a carne avícola, os ovos ou o mel.

España sumaba 7.923 explotacións gandeiras ecolóxicas en 2018, dous puntos máis que no exercicio precedente. Con máis da metade das granxas certificadas do conxunto do Estado, Galicia lidera a produción láctea do país e anotou 15.697 toneladas dun total de 27.837. Non obstante, cae ata o quinto posto en produción de carne. Unicamente 165 das que hai en España se sitúan aquí e, de feito, o seu peso no balance é pouco significativo: 207 toneladas fronte ás máis de 23.000 que computa o Estado no seu conxunto.

En canto a ave de curral, Galicia tamén merece un lugar destacado. Por detrás de Cataluña, é a segunda comunidade con máis explotacións (30) deste tipo. Si que encabeza, no entanto, a produción de carne avícola e pechou o ano cun cómputo de 1.078 toneladas (das 1.289 de España).

O informe do Ministerio tamén outorga un oco sobresaínte aos ovos ecolóxicos. Das 21 granxas inscritas en Galicia saíron 22.141 unidades, cifra que lle atribúe a segunda posición neste segmento. Algo parecido sucede co mel. Galicia presume de ser a terceira comunidade en suma de explotacións (31). Nelas repártense 14.562 colmeas que produciron 170 toneladas de mel, cantidade que deixa de novo a Galicia no número tres da lista.

O monopolio do mexillón eco, Xanceda e leites bio con premio, na revista 52 do Craega

Con 2.500 km de costa, Galicia é líder absoluto en acuicultura bio de España. Salvo unha mínima porcentaxe procedente de Aldán (Cangas do Morrazo), da ría de Arousa saíron as 3.124 toneladas que o Craega rexistrou en 2018, tal e como se desprende do último informe do Ministerio de Agricultura. 

A revista 52 do Consello -xa dispoñible en formato dixital– leva este tema a portada e fala con Juan Carlos Juncal Piñeiro, presidente da Asociación de Mexilloeiros San Amaro, para lembrar como foi o despegue do sector e cales son as súas perspectivas.

Premio Empresarias de Galicia 2019, Cristina Fernández-Armesto, socia de Casa Grande de Xanceda e neta dos fundadores, protagoniza as dúas páxinas de entrevista. Tamén figuran no sumario os gañadores en ecolóxico dos Exceleite, Casa Codesal e Gandería Pear SC. 

Nesta edición non faltan as ecorreceitas, desta vez con Adrián Maneiro (cociñeiro do Hotel Attica 21 Coruña Matogrande e gañador do primeiro premio na IX edición Cociña con Castaña de Galicia), e o calendario de feiras sectoriais.

Descargar revista

Nova sección de cociña orgánica e un mapa ecoagroturístico para celebrar os 50 números da revista do Craega

A revista do Craega cumpre 50 números e, para celebralo, vén cargada de novos contidos. Para espremer a época estival, a publicación confeccionou un mapa de ecoagroturismo con 11 visitas espalladas por toda Galicia. As propostas serven para descubrir como se planta té sen saír da comunidade, que facer para converterse en apicultor por un día ou como aprender a facer queixo.

O sumario incorpora ademais unha nova sección de gastronomía orgánica. As receitas de Martín Mantilla (a piques de abrir o restaurante Berso, Sober), María Varela (A Parada das Bestas, Palas de Rei) e Noelia Figuerias (Amodo, Vigo) poñerán outra cor á mesa durante a época estival.

O equipo de redacción falou tamén de comedores escolares con Xavier Simón Fernández, profesor da Universidade de Vigo e integrante do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia. Xa por último, a revista recompila o balance de acuicultura ecolóxica e os plans de expansión do Craega.

A publicación impresa -de carácter gratuíto- chega ao buzón dos máis de mil operadores do Consello. A versión online é de acceso libre. Neste enlace podes vela en PDF e neste outro en ISSUU. 

A produción acuícola ecolóxica case se cuadruplica nun lustro e supera os 16 millóns de euros

Batea ecolóxica certificada polo Craega na ría de Arousa
Embarcación extraendo mexillón ecolóxico dunha batea certificada polo Craega na ría de Arousa. Foto: Craega

A acuicultura ecolóxica galega case cuadruplicou a súa facturación no último lustro. 2018 pechouse cun volume de vendas superior aos 16,9 millóns de euros -case 12 millóns de euros máis que en 2013- grazas sobre todo ao tirón dos produtores de mexillón e á extracción sostible de algas. O que vén do mar adquire cada vez máis peso no seo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e a día de hoxe representa xa o 21,4% do monto total da súa facturación (78,7 millóns). Para satisfacer a demanda dun sector con grandes perspectivas de crecemento, a entidade pública estreará nos vindeiros meses unha segunda sede en Boqueixón. Así o anunciou hoxe en Vilanova de Arousa o presidente do organismo, Francisco López Valladares, no transcurso dun percorrido pola ría para coñecer de primeira man este tipo de produción. Ademáis de integrantes do pleno do Consello e de autoridades locais, estivo acompañado pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda; e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez Vázquez.

“Galicia é pioneira en produción de mexillón ecolóxico en Europa. Desde que en 2010 saíron as primeiras 12 toneladas da ría de Arousa, o sector non deixou de medrar. O consumidor valora cada vez máis o ecolóxico, tanto por cuestións de saúde como de respecto ao medio ambiente”, argumentou López Valladares. O presidente do Craega fixo fincapé en que o crecemento do sector foi paulatino e constante desde aquela. Superado o período de conversión obrigatorio que estipula a normativa para as bateas (tres meses), a primeira gran eclosión rexistrouse en 2013. Entón computáronse 66 plataformas flotantes. A súa xestión estaba repartida entre 34 empresarios.

O éxito do primeiro mexillón ecolóxico no mercado, en particular nos circuítos internacionais, seguiu empurrando pouco a pouco a un segmento que hoxe suma 208 bateas. Este sector facturou en 2018 máis de 4,1 millóns de euros, case 38 veces máis que cinco anos antes. O 97% atópanse en Arousa e o resto un pouco máis ao sur, en Cangas do Morrazo. O negocio distribúese entre 42 operadores, o 70% agrupados baixo o paraugas da Asociación de Mexilloeiros Illa de Arousa.

Valladares explicou que máis da metade do bivalvo con selo se destina ao mercado exterior. Alemaña, Reino Unido e Austria, por esta orde, son os principais importadores. O molusco galego tamén chega ata Dinamarca, Países Baixos e Italia.

ALGAS E PRODUTOS INDUSTRIAIS. Concentrada tamén nas provincias atlánticas, a produción acuícola ecolóxica atopou outro nicho de mercado na recolleita sostible de algas. O volume de vendas certificadas do curso pasado acadou os 959.720 euros, practicamente dúas veces máis que en 2013. As súas propiedades nutritivas e o protagonismo que vai adquirindo na nova cociña están a converter este produto nunha delicatessen moi apreciada, en particular fóra das nosas fronteiras.

Algas e mexillón son a base doutra actividade que contribúe a incrementar de forma exponencial as vendas. Cun resultado de 11,8 millóns de euros en 2018, as industrias absorben o 69,8% da facturación acuícola con selo do Craega. As conservas de peixe (9.813.582 €) son o produto estrela. Aínda que con menor peso nas contas (dous millóns de euros), van abríndose paso os preparados alimenticios (salsas, ensaladas envasadas, patés, etc). Neste caso o domicilio social das empresas vai máis alá das provincias atlánticas e aparecen tamén firmas con sede en Lugo e Ourense.

SEGUNDA SEDE EN BOQUEIXÓN. Para dar visibilidade ao peso que vén adquirindo a acuicultura ecolóxica nos últimos anos, o Craega celebrou este venres o seu primeiro pleno á beira do mar, no pazo de Vista Real. Foi despois de realizar o percorrido en catamarán pola ría e de xantar coa conselleira do ramo, Rosa Quintana, na localidade arousá.

O encontrou serviu para aprobar a posta en marcha da segunda sede do Consello en Boqueixón. Extensión das oficinas que desde 1997 funcionan en Monforte de Lemos, a estrea neste punto estratéxico (á beira de Santiago e na liña do corredor A Coruña-Vigo) ten como obxectivo satisfacer a demanda acuícola e, ao mesmo tempo, deslocalizar a xestión do Craega para achegarse ás provincias atlánticas.

As novas dependencias estarán nas instalacións que a Xunta lle cede á entidade no pazo de Sergude, edificio no que xa comparten teito outros consellos reguladores. Para abrir o novo servizo, o Consello contratará a dous técnicos que centrarán a súa actividade nas provincias atlánticas.

A segunda sede pretende ademais paliar os problemas de espazo que agora mesmo atravesa o organismo que controla e certifica a produción ecolóxica en Galicia. Na actualidade ocupa varias salas do inmoble Multiusos de Monforte, en virtude dun acordo co Concello que está a piques de expirar. Nesta liña, o equipo de goberno reiterou o seu interese de chegar a un acordo coa Deputación de Lugo para mudarse ao Pazo de Tor.

Consultar a normativa de acuicultura ecolóxica completa.

Táboas cos balances de acuicultura ecolóxica 2013-2018.

[rl_gallery id=”2117″]

O Craega sortea 25 xogos de acuicultura ecolóxica

De eco a eco e tiro porque é un alimento completo. De Craega a Craega e que certifica a produción ecolóxica galega. O xogo da acuicultura ecolóxica do Consello é un xeito ameno de achegar aos máis pequenos conceptos como a reciclaxe, a reconversión, a marea vermella ou o logo europeo de produción ecolóxica. Os recadros do taboleiro son moi semellantes aos da oca tradicional. A única salvedade é que os motivos están inspirados no mar.

Pensado para dous ou máis xogadores, inclúe taboleiro, un dado e unha ficha para cada participante. A dinámica é moi sinxela. Comeza a xogar o que obteña a maior puntuación co dado. O obxectivo é chegar á posición central dos logos de produción ecolóxica certificada.

O Consello sortea 25 xogos a través das redes sociais. Para participar na promoción  que leva o nome de #PropósitoEcolóxico2019, só hai que dar clic en ‘Me gusta’ na publicación e respostar a unha pregunta moi sinxela incluíndo este hashtag. Os que desexen probar sorte só teñen que entrar nos perfís oficiais de Facebook e Instagram do Craega e seguir os pasos indicados. O prazo pecharase o 15 de febreiro. Consultar as bases aquí.