Román Santalla (Dona Cobiña): “O queixo galego ten marca. O reto é conquistar o mercado español”

O equipo de Dona Cobiña amosando o premio que recibiu días atrás na XXI Cata dos Queixos

A calidade é o seu apelido desde que botou a andar.  Dona Cobiña (Agolada) é unha das queixerías máis novas de Galicia, pero o seu bo facer non deixa de colleitar éxitos. O último chegoulle días atrás na cata que cada ano organiza a Consellería de Medio Rural para premiar os mellores sabores. Coincidindo coa vixésimo primeira edición, desta vez mereceu o ouro na categoría Arzúa-Ulloa.

“A clave é escoller o mellor leite dos nosos gandeiros e despois saber respectar os tempos. O noso proceso é artesanal e non apuramos os fermentos”, explica Román Santalla, presidente da cooperativa pontevedresa que naceu no verán de 2016. Ese gusto inconfundible a campo, variable segundo a estación do ano, é a nota distintiva que, ao seu xuízo, logrou convencer ao xurado. “Nunca sabe igual. Está cheo de matices e de olores”, engade.

Cunha produción de case 70.000 quilos de queixo e unha facturación de 450.000 € en 2018, un tercio do que sae da fábrica leva o selo ecolóxico do Craega. Dona Cobiña –unha cooperativa que ronda o medio centenar de traballadores- aposta por seguir impulsando esta liña e multiplicar a porcentaxe eco de cara ao novo curso. Sobre a mesa está potenciar o leite cru, sacar unha especialidade Tetilla e tamén unha variedade de pasta dura para traspasar as fronteiras galegas.

“O mercado español é moi apetitoso e estamos en condicións de competir cunha gama de sabores e olores de calidade. Estanse a vender queixos bastante peores que os nosos e non podemos conformarnos. Nós temos marca e sabor”, advirte Santalla. Pero o primeiro reto é superar ese obstáculo que ten que ver cos hábitos do consumidor. “No resto de España están acostumados aos queixos de pasta dura ou semidura. Os de aquí saben mellor, pero son de pasta blanda”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *