fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Dolores Raigón: “Na agricultura convencional segue a agredirse o planeta sen custo ningún”

Dolores Raigón Jiménez, vicepresidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE). Foto: SEAE

O ecolóxico ten por diante un escenario esperanzador, sempre e cando a política non frustre as súas expectativas. Son palabras de M.ª Dolores Raigón Jiménez (Montilla, Córdoba, 1961), doutora en Enxeñería Agrónoma e catedrática de Edafoloxía e Química Agrícola pola Politécnica de Valencia, ademais de profesora na Escola Técnica Superior de Enxeñería Agronómica e do Medio Natural. Tamén ocupa o cargo de vicepresidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE). Poucas voces hai en España tan autorizadas como a súa para analizar a realidade da produción ecolóxica. En plena pandemia publicou Manual de la nutrición ecológica. De la molécula al plato (SEAE, 2020), un libro no que trata sobre o que, como e de onde comer.

Produto eco vs. convencional. Hai algún dato obxectivo que avale que o primeiro é mellor que o segundo?
A data de hoxe temos datos procedentes de investigacións científicas que nos indican que os alimentos ecolóxicos son seguros porque non expoñen os consumidores a residuos de praguicidas sintéticos. A exposición a antibióticos, microorganismos, nitratos, metais pesados ou organismos xeneticamente modificados (OXM) é moi escasa ou nula. Ademais, desde o punto de vista nutricional, as concentracións dos nutrientes nos alimentos bio axústanse aos niveis estándar de composición e nalgúns parámetros supéranse significativamente, pois presentan maiores contidos en vitamina C, antioxidantes totais, minerais e ácidos graxos omega 3 (ω3) e omega 6 (ω6). Sen esquecer que existen outros beneficios asociados grazas á contribución que a agricultura ecolóxica realiza ao medio ambiente, a biodiversidade, a paisaxe, a transmisión do coñecemento patrimonial agrícola e gandeiro, ou cuestións vencelladas ao traspaso xeracional das explotacións.

Son só evidencias ou existen estudos científicos que realmente sosteñan afirmacións do tipo “os produtos ecolóxicos son máis saudables”?
As evidencias veñen dos estudos científicos publicados, as intuicións son as que teñen outras procedencias. A influencia dos modelos dietéticos e nutricionais tivo unha repercusión sobre a saúde. De feito, recoñeceuse un aumento de certas enfermidades crónicas, non contaxiosas, como consecuencia da dieta e os hábitos de vida. En calquera caso, as investigacións que avalan os efectos dos alimentos ecolóxicos son poucas porque resultan moi custosas.
Aínda así, en informes publicados indícase que a dieta bio reduce os factores de risco cardiovascular, tanto en individuos sans como enfermos. Algúns argumentos científicos suxiren un forte papel protector da frecuencia de consumo de alimentos orgánicos con respecto ao risco de padecer diabetes tipo 2 e hipertensión en varóns, sobrepeso e obesidade. Conclúen que as pautas nutricionais deben ser revisadas en función das prácticas agrícolas executadas na produción de alimentos. Mesmo nalgún traballo se atopan relacións de tipo emocional, indicando que, para o adulto de mediana idade, a elección dun estilo de vida baseado nunha dieta ecolóxica constitúe unha conexión con aspectos como a identidade, os valores e o benestar. Por último, a non presenza de residuos fitosanitarios constitúe un beneficio evidente para a saúde.

Que hai detrás deses estudos e/ou noticias que, con certa frecuencia, agreden a agricultura ecolóxica?
Sistematicamente véñense producindo ataques ao sistema de produción ecolóxico de forma directa ou con mensaxes tendenciosas. Moitos dos argumentos nos que se basean estes ataques retroaliméntanse das mesmas fontes e nalgúns casos son manipulados, non coincidentes coa mensaxe orixinal. Quero insistir en que a alimentación e a agricultura ecolóxicas responden a unha demanda da sociedade que esixe medidas sobre a protección do medio ambiente e a calidade dos alimentos, facendo especial fincapé nas limitacións e nas consecuencias da produción ecolóxica. Falar de agricultura ecolóxica é falar de biodiversidade. Manter a fertilidade do solo implica o incremento dos seus microorganismos, algo que é necesario para respectar os ciclos elementais da materia orgánica. A sanidade vexetal debe realizarse a través do equilibrio do ecosistema, aplicando técnicas como a introdución de sebes ou a implantación dentro da mesma parcela de técnicas de asociación e rotación de cultivos. En gandería, a introdución de variedades e razas autóctonas dálle ao territorio un considerable valor engadido… Se esta é a realidade da produción ecolóxica, ata cando os nosos agricultores e gandeiros deben estar pedindo perdón por facer as cousas ben e pagar para que quede constancia diso? Mentres tanto, en agricultura convencional séguese agredindo ao medio ambiente e á saúde global do planeta sen custo ningún.

Por continuar rebaténdolles aos detractores deste modelo, que vantaxes ten para a saúde consumir alimentos eco?
Insisto na dificultade que require obter resultados científicos no plano da saúde. En calquera caso, o concepto de saúde abarca a totalidade e a integridade dos sistemas vivos. Non se trata só da ausencia de enfermidade, senón do mantemento do benestar físico, mental, social e ecolóxico dos individuos e os seus ecosistemas. Deste xeito, os solos saudables producen cultivos saudables que fomentan a saúde dos animais e dos seres humanos e do planeta coma un e indivisible. A inmunidade, a resiliencia e a rexeneración son características clave da saúde. Todo isto, unido a que os alimentos bio non presentan residuos químicos de síntese nin OXM e teñen maior valor nutricional, leva a concluír que sen dúbida son mellores para a saúde.
Así mesmo, tamén existen evidencias da maior concentración de substancias de carácter antioxidante nos alimentos de produción orgánica debido a que as prácticas de fertilización e de sanidade vexetal xeran máis mecanismos de defensa entre a propia planta. O resultado é a síntese de substancias beneficiosas para o organismo. Nos produtos de orixe gandeira a presenza de maior fracción de ácidos graxos mono e poliinsaturados constitúe tamén unha das achegas máis importantes para a saúde.

E para o medio ambiente?
Existe un gran número de variables ambientais a favor das técnicas de agricultura e gandería ecolóxicas. As explotacións baixo este sistema de produción presentan menor lixiviación de nitratos, fósforo e produtos fitosanitarios, contribuíndo á maior calidade das augas subterráneas e superficiais. A lixiviación, do mesmo xeito que as emisións de óxido nitroso e de amoníaco, redúcese por unidade de superficie produtiva. A degradación severa dos ecosistemas mariños e de auga doce en todo o mundo está vinculada ao uso excesivo de fertilizantes nitroxenados e fosforados, o que provoca a eutrofización da auga doce e a produción de zonas hipóxicas en augas costeiras.
Ademais, os impactos ambientais da agricultura ecolóxica limítanse moito na medida en que non se empregan moléculas químicas de síntese persistentes no sistema. A agricultura ecolóxica recorre a técnicas que buscan manter o equilibrio e, de ser o caso, as substancias que utiliza responden a unha composición equivalente á súa presenza na natureza.

Explíquenos os perigos para a saúde dos fitosanitarios e químicos que se utilizan en cultivo convencional.
Non son partidaria de xerar medos ou proxectar sensacionalismos sobre este tema, pero a exposición humana aos fitosanitarios é un feito ben estudado nos últimos anos. Existe información dos efectos agudos destes produtos en casos de intoxicación por exposicións ás substancias químicas presentes neles. Son coñecidos os traballos sobre incidencia e mortalidade por cancro (cerebro, pulmón, ovario, próstata, sarcomas de partes brandas e algún tipo de leucemia) en agricultores, cuxo risco é superior ao resto da poboación xeral. Tamén teñen algunhas consecuencias sobre o desenvolvemento e funcionalidade de diferentes órganos e sistemas: alteracións neurolóxicas, reprodutivas, endócrinas ou inmunolóxicas, e incluso fracasos funcionais e cambios importantes do comportamento. Por iso, considerando valores globais, os alimentos ecolóxicos mostran evidencias científicas de ser máis seguros, xa que non presentan residuos fitosanitarios. Nun estudo do servizo de investigación do Parlamento Europeo conclúese que os residuos en froitas e verduras producidas por técnicas convencionais constitúen a principal fonte de exposición a praguicidas en humanos.

A crise económica derivada da pandemia minguou o poder adquisitivo de moitas familias. Isto supón un freo para a tendencia ascendente que viña manifestando o consumo de produtos eco?
Todo o contrario. O que se viu nos momentos da pandemia, marcada pola crise sanitaria, ecolóxica, social e ambiental, é que os consumidores priorizaron a alimentación fronte a outras ofertas de consumo. En resumo, a preocupación pola situación traduciuse en compra positiva de produtos bio.

Convén entón agora insistir, máis que nunca, en que os alimentos ecolóxicos non son caros?
Aínda que os estudos demostran que unha menor renda aumenta a procura de prezos económicos nos alimentos, esta tendencia está moi relacionada co rol que os consumidores lle asignen. No plano negativo, un custo elevado significa que se debe facer un sacrificio. Pola contra, un enfoque positivo sinala alta calidade do produto. En xeral, os alimentos baratos adoitan ter altos contidos en graxa e en azucre, cuxo consumo segundo as pautas dietéticas actuais debe reducirse polas súas consecuencias para a saúde pública. Por iso, o ingreso é só un factor explicativo parcial e é substituído por outras variables sociodemográficas, educacionais, de saúde, presenza de menores no fogar etc., que eliminan a barreira dos prezos altos. Neste sentido os alimentos ecolóxicos nunca foron caros. Se o consumo dos alimentos incluíse os valores reais dos custos ambientais e do sistema de saúde, o modelo de produción convencional dominante sairía moi malparado fronte ao ecolóxico.

Parécelle positivo para o sector que se aprace a entrada en vigor do novo regulamento de produción ecolóxica?
Atendendo ao traballo que faltaba para a súa entrada en vigor nos diferentes territorios, creo que o adiamento foi unha boa decisión.

España está preparada para cumprir o Pacto Verde Europeo e facer a súa contribución para que o 25 % da superficie agraria da UE sexa ecolóxica en 2030?
Penso que España está no bo camiño, pero debe priorizar os esforzos e realizar unha maior aposta pola produción ecolóxica. Demostrouse que os produtores realizaron ben os seus deberes e tamén que os consumidores están a entrar na boa formulación (de aí o incremento na oferta e a demanda de alimentos bio). Non obstante, falta valentía política á hora de tomar decisións que apoien o sector.

A modo de conclusión, que escenario se presenta a curto-medio prazo para o sector ecolóxico?
Un escenario esperanzador, pero teño a sensación de que lle vai tocar un esforzo extra a produtores e consumidores. Desconfío das axendas políticas ou das decisións de lavado en verde que están a tomar algunhas institucións.


Un manual para debullar os nutrientes dos alimentos eco

En Manual de la nutrición ecológica. De la molécula al plato (SEAE, 2020), Dolores Raigón realiza unha profunda avaliación bioquímica dos nutrientes e a súa presenza nos alimentos, tanto ecolóxicos coma convencionais. O obxectivo desta primeira parte (capítulos 1 ao 8) é entender cunha linguaxe accesible de que moléculas se fala cando se citan os nutrientes, así como o modelo agrícola, gandeiro e de transformación, pode influír na súa acumulación.

Na seguinte tramo do libro (capítulos 9 ao 16), a autora fai un varrido descritivo polos alimentos máis representativos na nutrición e cun consumo máis xeneralizado (cereais, legumes, froitas, verduras frescas, froitos secos, leite e derivados) ou de orixe gandeira (ovo, carnes de polo, coello e tenreira) e acuícola. Xa por último, elabórase unha dieta semanal teórica cumprindo as necesidades nutricionais diarias, en función da procedencia bio ou non dos alimentos.

Raigón conclúe que os produtos orgánicos poden ter unhas consecuencias positivas sobre a saúde porque, no proceso de produción, se garanten o incremento de nutrientes, a ausencia de residuos químicos e o aumento das substancias bioactivas.


 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.