fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Percorremos a Galicia ecolóxica, falamos con Belén Toimil e moito máis na nosa revista de outono

Como cada outono, traemos un novo número da nosa revista que podedes visitar de maneira virtual. No número 58 facemos un percorrido narrado e fotográfico pola Galicia máis ecolóxica, a través das Ecoexperiencias que organizamos conxuntamente con Slow Food Compostela nos meses de setembro e outubro. Unhas rutas que nos levaron a coñecer varios operadores das catro provincias, nas que estivemos acompañados de influencers e deportistas recoñecidos.

Na nosa sección de entrevistas, desta vez, charlamos con Belén Toimil, lanzadora de peso que este ano participou nos Xogos Olímpicos de Toquio. Esta deportista galega, que nos acompañou na Ecoexperiencia de Pontevedra, cóntanos a importancia que ten a alimentación na súa vida e o seu coñecemento sobre os produtos ecolóxicos.

Tamén falamos con Marcos Vázquez Marey, produtor de Láncara (Lugo), quen nos explica como é a produción da mazá na Casa de Vázquez. Os diversos aspectos do cultivo, a onde se destina ou a rendibilidade que ten son algúns dos temas que trata na sección “De temporada”.

Rocío Garrido volve á cociña eco acompañada de Fran Jamardo e Coque Fariña, cos que forma Indo e Vindo Gastronomía. Tráennos dous pratos moi apetecibles para a época de outono.

Nesta nova edición, achegámosvos ás feiras que se levaron a cabo nos últimos meses, onde estivemos presentes, así como os diferentes cursos de formación ecolóxica que celebramos e outros que aínda están en activo. Tamén vos deixamos as últimas novas do sector e as próximas citas previstas de cara ao vindeiro ano.

Para pechar este número, en “Aliméntate bio” poñemos punto e final a campaña “Come Local”, na que colaboramos achegando alimentos para os menús escolares.

A revista está dispoñible en formato dixital.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.