O Craega súmase ao programa de compostaxe doméstica de Sogama

Persoal técnico, pola esquerda, explica o funcionamento do composteiro en presenza de Javier García Lozano (secretario do Craega); Javier Domínguez Lino (presidente de Sogama); Gerardo Lagares (socio director de Orballo); Francisco López Valladares (presidente do Craega) e Ángeles Vázquez (conselleira de Medio Ambiente)

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) dá un paso máis no seu compromiso co medio ambiente e vén de adherirse ao programa de compostaxe doméstica que xestiona a Xunta a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama). En virtude deste acordo, a entidade recibirá un cento de composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Ademais, os seus asociados recibirán un par de cursos de formación sobre a posta en valor da materia orgánica e o uso dos colectores.

“A compostaxe é algo que xa se practicou desde sempre en agricultura ecolóxica. Estamos recuperando o que vén de atrás, o que facían os nosos avós. Ían ao toxo, botábano no corral e, despois con iso, araban as terras para o cultivo”, explicou hoxe en Paderne Francisco López Valladares, presidente do organismo. Acompañado pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, percorreu a finca de Orballo, unha empresa certificada polo Craega que acaba de sacar adiante o primeiro té ecolóxico galego.

“Orballo é un bo exemplo de que as persoas novas teñen futuro no rural e que non precisan marchar á cidade”, sinalou López Valladares. Produtora de infusións de diverso tipo, arroces, herbas aromáticas e especias, a compañía con sede no concello coruñés de Paderne é unha das tres empresas galegas que conseguiu o certificado de Reserva da Biosfera a nivel nacional. Por iso, o primeiro dos cen composteiros que Sogama doa ao Craega destinarase a esta finca. “Co cambio climático, temos que preocuparnos máis de coidar o medio ambiente, o aire que respiramos, e tamén o noso chan, en particular os nosos acuíferos e aguas, por certo cada vez máis contaminados”; recalcou o presidente do Consello.

Con case medio millar de operadores, a produción vexetal –principal beneficiaria deste programa- representa un tercio da actividade do Craega. A maioría repártense entre Lugo e Pontevedra. Asemade, as vendas deste segmento acadan os 20,3 millóns de euros e acaparan a cuarta parte da facturación do organismo, tal e como e desprende do seu balance de 2018. 

A conselleira puxo en valor o compromiso ecolóxico que demostran as entidades adscritas a Craega, demostrando que desde o respecto ao medio ambiente tamén se poden impulsar negocios sustentables e rendibles. Ángeles Vázquez lembrou que grazas á compostaxe se poden lograr numerosos beneficios ambientais e económicos xa que, por termo medio, a bolsa negra de lixo dun fogar está composta nun 42% por materia orgánica.

“Se en vez de desbotar esa fracción orgánica a aproveitamos para xerar compost, como se facía tradicionalmente no rural galego, reduciremos os residuos, diminuiremos a emisión de CO2 e conseguiremos ademais fertilizantes de primeira calidade”, engadiu.

DOUS CURSOS. Coa colaboración de Sogama, o Craega celebrará un par de cursos sobre compostaxe o vindeiro mes de outubro. Con 50 prazas cada un e de carácter gratuíto, o primeiro terá lugar o mércores 16 (de 18 a 19 h.) na sede que o Consello posúe en Monforte de Lemos. Previsto para o día 23, o segundo terá en lugar no novo domicilio do organismo, en Boqueixón. Impartidos por persoal da Sociedade Galega do Medio Ambiente, as sesións están dirixidas principalmente aos operadores certificados. Se quedan vacantes, a convocatoria abrirase ao público en xeral.

A compostaxe doméstica consiste na reciclaxe de materia orgánica en orixe, convertíndoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio produtor pode empregar na súa horta, xardín e terras de cultivo, en substitución dos fertilizantes artificiais.