O Craega muda o logotipo e modifica o etiquetado de produto eco

Os produtos ecolóxicos elaborados e certificados en Galicia aparecen agora identificados nos puntos de venda coa marca Craega. A finais de 2018 entrou en vigor a orde da Consellería do Medio Rural que muda o logotipo e obriga os elaboradores certificados a incluílo na etiquetaxe. Aos consumidores non lles custará moito recoñecelo porque o deseño (símbolos, formas, cores e tipografía) é case igual. O único que varía é o vocábulo situado no extremo inferior: en lugar de “Galicia” pon “Craega”.

1. QUE SIGNIFICA O SELO?

Á hora de encher a cesta da compra, é importante fixarse no selo. É a única garantía oficial de que un produto procede dunha leira ou industria sometida ás inspeccións e controis ditados desde a Unión Europea (UE). En España ocúpase do seu cumprimento o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na maior parte dos casos a través dos consellos ou comités autorizados polas diferentes administracións autonómicas.

2. QUEN OUTORGA O SELO EN GALICIA?

Baixo o paraugas da Consellería do Medio Rural, en 1997 fundouse o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). É a única autoridade de control deste modo de produción na comunidade. O seu equipo técnico encárgase de inspeccionar as empresas e tomar as mostras necesarias en cada fase do produto. Cando se cumpren todos os requisitos que esixe a normativa vixente, outorga o selo.

3. QUE GARANTÍAS TEÑEN OS PRODUTOS CON SELO?

Nin caseiro, nin da horta, nin natural. O único apelativo que avala un produto ecolóxico é o selo, unha garantía de que ese produto está certificado e cumpre coa normativa europea. Co vaivén de termos que hai hoxe no mercado, a marca identificativa do Consello eríxese como a única garantía oficial de que un alimento é 100%  ecolóxico certificado.

4. QUE É UN PRODUTO ECOLÓXICO?

En resumo, é o que se obtén a través de técnicas agrarias ou gandeiras respectuosas co medio ambiente e co benestar animal. Non está permitido o uso de químicos de síntese como fertilizantes, pesticidas, antibióticos, etc. Do que se trata é de preservar o medio, manter ou aumentar a fertilidade do solo e tamén de proporcionar alimentos con todas as súas propiedades naturais.

5. QUE SELOS SE PODEN ATOPAR NUN PRODUTO ECOLÓXICO?

Ademais da marca obrigatoria que expide cada comunidade autónoma, os alimentos ecolóxicos certificados tamén deben incluír o logo europeo. Este último exclúese en certos casos, porque os produtos non se atopan no ámbito da lexislación medioambiental da UE (caza de animais salvaxes ou pesca extractiva).

6. POR QUE SE CAMBIA O SELO?

Para visibilizar o nome do Craega, marca única oficial da agricultura ecolóxica de Galicia, e adaptar o logo ás directrices esixidas desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a todas as autoridades de control públicas do conxunto do Estado.

7. EXISTE UN PERÍODO DE CONVIVENCIA ENTRE O VELLO E O NOVO SELO?

Si. Durante certo tempo, nos puntos de venda atoparanse produtos cos dous logotipos. Para aproveitar as etiquetas almacenadas antes da entrada en vigor da nova normativa, os operadores autorizados poden seguir empregando o antigo selo ata o 1 de xaneiro de 2021, data na que ten que estar imposta obrigatoriamente a nova marca do Craega.

8. HAI ALGÚN OUTRO CAMBIO NAS ETIQUETAS DO CRAEGA?

A orde do Medio Rural afecta tamén ao regulamento do Craega e ao xeito de etiquetar os alimentos ecolóxicos. A numeración outorgada polo Consello que acompaña o selo deixa de ser obrigatoria. De tal modo, o logotipo acredita por si só que un produto reúne os requisitos legais para levar o selo.