fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega busca aumentar a visibilización da produción eco do mar

O secretario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Javier García, e o presidente, Francisco L. Valladares, mantiveron unha reunión coa conselleira do Mar, Rosa Quintana o pasado 18 de agosto na sede da Consellería. No encontro amosáronlle á titular deste Departamento os bos datos de crecemento e as dinámicas ascendentes que se están a lograr na produción e comercialización de produtos ecolóxicos do mar nos últimos anos.

Por esta razón, Craega traballa para impulsar as entidades vencelladas ao mar que contan coa súa certificación. Para iso, presentáronlle unha iniciativa á conselleira, que abrangue a sinalización de todos aqueles alimentos do mar ecolóxicos que chegan ao mercado, así como das bateas ecolóxicas para a súa mellor identificación.

Dende a Consellería do Mar mostraron o seu apoio e afirmaron que estudarán o proxecto para así darlles máis pulos á produción e ás vendas dos xéneros do mar frescos ou elaborados,  co distintivo que os acredita como ecolóxicos.

O Craega agradece o recibimento de Rosa Quintana e o interese que amosou cara á proposta feita polo Consello, que busca que o sector do mar siga medrando e que teña máis presenza no mercado e, nomeadamente, que os consumidores poidan ter máis información na súa elección de alimentos máis saudables.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.