O 10 % da superficie agraria en España xa é ecolóxica

A superficie destinada á produción ecolóxica en España aumentou o 3,5 % en 2020, fronte ao ano anterior, ata alcanzar as 2.437.891 hectáreas. Estes datos confirman unha tendencia de crecemento anual medio da superficie eco do 4,8 % no último lustro e sitúan xa a superficie agraria útil (SAU) dedicada ao ecolóxico no 10 %.

De feito, España é o primeiro país europeo en superficie e produción ecolóxica e o terceiro do mundo -por detrás de Australia e Arxentina-, e está en disposición de poder cumprir en 2030 o obxectivo, fixado no Pacto Verde europeo, de destinar un 25 % das terras agrícolas á produción ecolóxica.

Ademais, detéctase un aumento no número de operadores (+ 6,3 %, até 50.047), especialmente nas fases posteriores da cadea alimentaria, debido a un incremento da demanda. En total son 50.047.

Aumentaron o número en case todas as categorías: produtores agrarios, (+6 %, 44.493), establecementos industriais (+8 %) e comercializadores (+8 %). A tendencia do crecemento medio anual nos últimos 5 anos foi do 6 % en agricultores, 11 % en industrias e 20 % en comercializadores de produtos ecolóxicos.

Polo que aos 10.395 establecementos industriais eco rexistrados se refire, creceron un 8 % e xa chegan a 8.944 aqueles relacionados coa produción vexetal, sendo os máis numerosos os de manipulación e conservación de froitas e hortalizas e os de elaboración de bebidas; e a 1.451 os relacionadas coa produción animal, destacando a industria cárnica e láctea.

A produción animal mantívose estable, cunha lixeira variación (-1 % respecto ao ano anterior), ata 7.732 explotacións gandeiras. O número de cabezas de gando aumenta especialmente en porcino (+17 %, ata 37.846 animais), ovino, caprino e bovino de leite (+7 %, +15 % e +10 %, respectivamente) e en aves de curral de carne (+5 %, ata algo máis de 1,6 millóns de animais) e de posta (+13 %, ata 943.106 animais).

Informe completo