María do Mar Pérez, que conta cunha ampla experiencia profesional ligada a cuestións de desenvolvemento rural, é profesora do Departamento de Economía Aplicada na Escola Politécnica Superior de Lugo, pertencente ao Campus Terra (Universidade de Santiago de Compostela). Nesta entrevista, a economista fálanos da súa traxectoria profesional e da produción ecolóxica certificada, poñendo o foco no polémico tema dos prezos.
Como foi a túa traxectoria profesional?
Levo case trinta anos traballando en temas de desenvolvemento rural. En realidade, o meu perfil investigador vai ligado ao deseño e a avaliación de políticas públicas. Teño traballado en temas de desenvolvemento rural moitísimo en Galicia, pero tamén noutros lugares de Europa, coma en Irlanda, en Portugal, ou incluso nalgúns países latinoamericanos. Tamén levo varios anos investigando as producións ecolóxicas dentro do grupo de investigación ao que pertenzo.
Como xurdiu o teu interese por analizar e estudar temas relacionados coa produción ecolóxica?
Ao estar traballando en temas de desenvolvemento rural, era fácil chegar á produción ecolóxica vendo como está evolucionando o consumo, así que xa só desde un punto de vista profesional tiven que poñerme ao día neste ámbito. Do mesmo xeito que se analiza o potencial que poden ter outros sectores de actividade coma o turismo, a industria ou a produción enerxética nas zonas rurais, a agricultura ecolóxica é un sector que ten moitísimo futuro.
É certo que no meu caso esa perspectiva profesional veu tamén influenciada polo feito de ser unha consumidora convencida desde hai moitísimos anos de produtos ecolóxicos. De feito, participei activamente no primeiro grupo de consumo que houbo na miña cidade, e opto por alimentos ecolóxicos de maneira habitual porque realmente estou convencida de que estou a facer unha excelente escolla como consumidora.
Observaches que a cantidade de estudos, artigos e investigacións relacionadas coa produción en ecolóxico foron aumentando co paso do tempo ou aínda nos queda moito por avanzar?
Foron avanzando. Sobre todo desde os últimos dez anos existe un interese importante pola produción ecolóxica. Ata ese momento pouca xente se preocupaba disto. Cal é o problema? Que a pesar de que cada vez hai máis persoas que están tratando de facer análises moi serias, que nos permitan tomar decisións sobre os pasos que hai que dar para darlle un futuro brillante a este sector, fáltanos moitísimo por facer. Tamén entoo un mea culpa como parte da universidade, porque somos moi poucos os grupos de investigación que estamos traballando en temas de agricultura ecolóxica. Entón nos queda un campo enorme que abarcar, tanto desde o punto de vista económico, como de técnicas de produción, manexos de solo, xestión de pastos… nos que temos moitísimo que aprender para ir mellorando progresivamente os rendementos e ser máis eficientes nos custos desa produción que está medrando a un ritmo importante.
Como explicarías ti á sociedade a importancia que ten a produción en ecolóxico?
Hai dúas semanas que se fixeron públicas unhas cifras dunha organización internacional, que publica un anuario sobre produción orgánica, que é como se denomina no mundo anglosaxón á produción ecolóxica. Daba datos sobre os volumes de produto. Estabamos falando (dígoo de memoria) de 136.000 millóns de euros. É unha parte moi pequeniña do total de consumo de alimentos, iso sabémolo todos. Pero claro, dentro desa enorme cantidade de diñeiro, unha parte moi importante do consumo é o mercado europeo. Entón, desde a perspectiva puramente galega, temos dúas opcións, porque a demanda está aí: cubrila nós ou que veñan outros de fóra e que a satisfagan. Non hai máis. Entón, eu creo que desde un punto de vista do futuro das áreas rurais, do futuro do benestar, do conxunto da sociedade e tamén dos agricultores e agricultoras, a opción está moi clara. Temos que ser capaces de abastecer nós ese mercado.
Que vantaxes cres que nos achega para a nosa saúde optar por alimentos ecolóxicos fronte ás opcións convencionais?
Eu opto por ese tipo de consumo porque considero que é mellor para min e para a miña familia, e iso é algo que teño moi claro. Seguramente, a miña motivación non é tanto vinculada á cuestión da saúde, que si que de feito estou convencida, senón á cuestión do medio ambiente. Eu creo que temos un único planeta e nosa obriga é coidalo, non unicamente para nós, senón para as futuras xeracións. Eu quero deixarlle aos meus fillos un planeta o máis saudable posible para que eles tamén teñan unha esperanza de futuro. A mellor maneira na que podo facelo á hora de mercar alimentos é elixir produtos ecolóxicos e locais.
“Eu quero deixarlle aos meus fillos un planeta o máis saudable posible para que eles tamén teñan unha esperanza de futuro. A mellor maneira á hora de mercar alimentos, é elixir produtos ecolóxicos e locais”
A alimentación en ecolóxico é realmente máis cara que a convencional?
A diferenza non é tanta como percibe a xente. É o mesmo queixo un de barra ca un artesanal? Non, son dos produtos completamente distintos. Aí asumimos que ten que haber un diferencial de prezo. Por que non nos alimentos ecolóxicos? Pero é que é máis, como consumidores estamos adquirindo unha serie de alimentos cuestionables por prezos elevados. Hai unha marca que fai un elaborado lácteo que lles damos aos nosos fillos e fillas porque se di que é moi bo para mellorar o funcionamento do sistema inmune e, porén, recibiu unha multa moi importante por información fraudulenta nunha etiqueta no Reino Unido. O seu prezo é moito máis alto ca o dun iogur ecolóxico. Entón, ese produto, que está feito a base de leite rehidratado, é dicir, de leite en po, con aditivos e cunha alta porcentaxe de azucre… É máis caro ca un iogur ecolóxico en calquera tenda e non somos capaces de percibilo como caro, a pesar de que efectivamente o é e de que nos están dicindo todas as autoridades que non é un alimento san nin adecuado para os nenos e nenas. Polo tanto, a cuestión do prezo é unha cuestión de percepción. É máis cara unha leituga ecolóxica ca unha de bolsa? Eu o dubido. O prezo é similar, pero a cantidade que levan é moi diferente. Deste xeito, é certo que ese diferencial existe porque son produtos distintos, pero non é tanto como lle parece á xente e, no noso día a día, estamos tomando unha cantidade de decisións de consumo de produtos moi caros e que teñen unha dubidosa calidade nutricional, como afirman médicos e nutricionistas.