• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Luis López, de Casa do Alcalde: “O Craega ábreche moitas portas, porque co selo chegas ao consumidor dun xeito máis sinxelo”

Luis López é o propietario de Casa do Alcalde, unha gandería ecolóxica situada en Outeiro de Rei onde crían tanto gando bovino coma ovino para a súa posterior venda en carnicerías e restaurantes. A conversión á produción ecolóxica iniciouna o seu pai —tamén chamado Luis— no ano 1998, sendo un dos primeiros operadores en contar co selo do Craega.

 

Cando naceu Casa do Alcalde? Como foron os inicios desta granxa?

Casa do Alcalde naceu no ano 1985 aproximadamente, cando o meu avó materno lles deu a miña nai e ao meu pai este predio para empezar a ter catro ou cinco vacas e mantelo limpo e coidado, porque estaba nun momento no que ninguén miraba por el. Meu pai fíxose con cinco vacas e, xa vedes, de cinco, que nós nunca nos dedicáramos á gandería, agora temos unha media de cen vacas continuamente. Fomos medrando moito.

Que animais e razas tedes?

Empezamos con rubia galega ao principio de todo, no ano 85, con cinco vacas compradas no Ceao, na poxa alí había. Ao cabo dos anos, polo 1998, empezamos a incluír tamén a raza vianesa, que estaba en perigo de extinción, e despois cedéronnos desde a Deputación dúas cachenas, co cal empezamos tamén coas cachenas. A ovella galega incorporámola aproximadamente no ano 2005. Tamén era unha raza en perigo de extinción e por agora estanos dando moi bos resultados.

Quen formades parte de Casa do Alcalde? 

Caso do Alcalde é unha gandería familiar, a unidade familiar somos os que fixemos que isto puidera ser o que é agora mesmo, aínda que todo está baseado no meu pai e na miña continuación, pero co apoio familiar tanto de miña mai coma do meu irmán. Agora meu pai xa está xubilado e eu son o único propietario.

Como é un día normal no voso traballo?

Depende moito do tempo. Se estamos en inverno, primavera, verán… Agora mesmo estamos na peor época de todas porque é cando máis carga de traballo temos, co ensilado e co traballo que hai habitualmente na granxa. Facémolo todo nós, non temos a ninguén subcontratado nin nada. Preparamos as bolas de silo, encintámolas… Logo, o día a día baséase principalmente no control do gando. Vixiar se hai algunha vaca en celo, se temos algún parto, colocar algún peche que estea en mal estado… Cando é fóra de campaña, o traballo é de mantemento.

 

Como xurdiu o cambio de convencional a ecolóxico? Como se deu esta idea?

Empezouno todo meu pai a través dunha persoa que había na Xunta de Galicia, que o foi introducindo no tema do ecolóxico. De feito, o meu pai, cando entrou en ecolóxico, me parece que aquí en Lugo só había un no tema de carne, e de leite creo que ningún. Comezou no 98. Foi un cambio moi sinxelo para nós, porque nós nunca sulfatamos nin empregamos fertilizantes químicos. Entramos en ecolóxico porque xa estabamos traballando deste xeito, pero foi máis que nada pola certificación, que sinalaba un tipo de produción que ninguén tiña, para diferenciarnos un pouco, igual que coas razas autóctonas en perigo de extinción.

Notastes algún beneficio coa conversión ao ecolóxico?

Si, sobre todo no tema de pastos. Temos unha produción de pastos de herba case monótona. Se hai picos medioambientais de seca ou de moita choiva nótase, pero se é unha tempada normal, o pasto e a cantidade de forraxe de herba que sacamos nos prados é case equivalente. Despois tamén o notamos na saúde dos animais. Dúrannos máis tempo ao estar en liberdade e sempre soltos. Tampouco temos problemas de patas nin de pezuños.

“Coa conversión ao ecolóxico notamos beneficios sobre todo no tema dos pastos e na saúde dos animais”

Por que é importante ter a certificación do Craega?

Ter o certificado do Craega para nós é moi importante. Co número de opcións que hai é clave diferenciarse: cantos máis selos teñas e máis de calidade sexan, moitísimo mellor. O Craega ábreche moitas portas, porque co selo chegas ao consumidor dun xeito máis sinxelo. É máis probable que ao ver o selo de ecolóxico vaian mercar o teu produto.

Que ten de especial a carne que se produce en ecolóxico? Cal é a diferenza coa convencional?

Como estamos a utilizar pensos ecolóxicos, os becerros están soltos mamando moito tempo e non temos ese método de cebado que teñen en convencional. Aquí pensamos todo a longo prazo, entón a carne sae con moitísimo máis sabor, cor e calidade.

Eu creo que tería que haber un pouco de cultura de alimentación ante o consumidor. Tiñamos que, coa axuda do Craega, crear unha cultura moitísimo máis aberta no consumidor e que saiban como se cría esta carne, cales son os nosos problemas para chegar a ter un volume de carne tan grande coma os produtores convencionais, a calidade que estamos creando nós, que os animais están en liberdade e que os coidamos ben… É dicir, considero que deberiamos transmitir máis ao consumidor a trazabilidade, para que eles coñezan e valoren moito máis o noso traballo. Non é o mesmo un becerro que está en liberdade mamando ata os sete, oito, nove meses, ata o instante no vai ao matadoiro, coma outros que están noutro tipo de cadeas de cebado. Entón, se o consumidor sabe o que estamos producindo nós, eu creo que sería beneficioso para todos, tanto para o propio consumidor como para o gandeiro. 

Como comercializades a vosa carne?

Unha vez o animal sae da nosa gandería, se o movemos a 60-70 quilómetros de aquí, estamos xerando unha pegada de carbono que non nos interese, porque o noso xeito de traballar na granxa evita precisamente iso. Nós matamos os nosos animais en Rábade, aquí ao lado, a 3 ou 4 quilómetros. De aí vai á carnicería, tamén en Rábade. Entón, a nosa carne móvese nun ámbito moi local. Despois, os cordeiros, exactamente igual. Comercializámolos en Parrillada Juan, que está aí ao lado, no Ceao. Vanse matar os cordeiros a Rábade e móvense ata aí. Estamos falando dun círculo de pegada de carbono de menos de 6 quilómetros.

Tivestes nalgún momento barreiras que vos dificultaran o traballo diario co tema de producir en ecolóxico?

Nós sempre tivemos unha base territorial bastante ampla, nunca tivemos máis vacas ca hectáreas, sempre tivemos pasto, nunca houbo que empregar fertilización química para poder producir, todo está dividido en subparcelas e pódense facer pastos rotativos. Entón, a transición para nós foi moi sinxela.

Hai algo que vos gustaría que mellorase no proceso da obtención da certificación?

O Craega vexo que funciona moi ben. Nós fomos dos primeiros en formar parte; eu, de feito, desde ben pequeno sempre estiven ao tanto do labor do Craega, e os avances neste tempo foron moitos. O único que ao mellor se podería mellorar sería en facer máis fincapé no tema da cultura do consumidor, para que coñezan ben o que estamos producindo e saiban como é a carne que están comendo. 

Que consello lle darías a alguén que quere comezar un proxecto en ecolóxico ou que xa o teña en convencional pero lle gustaría pasarse a ecolóxico?

O consello é que debería entrar no Craega e facer todo o posible para iso. Non é unha situación a curto prazo, tes que ir a longo prazo. Se vas a curto prazo, é coma todos os negocios, non ves nada. Pero a longo prazo, si que empezas a ver os beneficios que ten estar en ecolóxico, ves os pastos, a saúde dos animais e o aumento da súa rentabilidade.

Cales son os vosos plans a futuro? Mellorar, mantervos como estades, cambiar en algo…

Os nosos plans serían, se tivésemos man de obra, poder aumentar máis. Pero claro, non temos man de obra e temos que estar un pouquiño á expectativa diso. Se tivésemos man de obra ou puidésemos conseguir xente para traballar con nós, poderiamos chegar a aumentar co paso do tempo.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.