fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Trazabilidade, a ‘viaxe’ que garante os alimentos no noso prato

“Somos o que comemos” é un vello dito que a nosa sociedade aplica máis ca nunca. Pero para conseguilo, é fundamental saber que comemos en realidade e obter plena confianza na calidade e seguridade dos nosos alimentos. Por iso, neste novo artigo explicámosvos en que consiste a denominada ‘trazabilidade’, un proceso obrigatorio en Europa que comeza na orixe e remata na mesa dos consumidores.

Que significa?

Segundo o Comité de Seguridade Alimentaria de AECOC, “enténdese a trazabilidade coma o conxunto daqueles procedementos preestablecidos e autosuficientes que permiten coñecer o histórico, a localización e a traxectoria dun produto ou lote de produtos ao longo da cadea de subministracións nun momento dado, a través dunhas ferramentas determinadas.”

Pola súa banda, o Dicionario da Real Academia Española (DRAE) define este termo como “a posibilidade de identificar a orixe e as diferentes etapas dun proceso de produción e distribución de bens de consumo”.

Como xa vos explicamos en anteriores artigos, os alimentos ecolóxicos (biolóxicos ou orgánicos) han de pasar por exhaustivos controis de calidade e trazabilidade, que deben quedar reflectidos na súa etiquetaxe final, a cal tamén debe presentar o logotipo característico dos produtos ecolóxicos, que, na actualidade, é a denominada “eurofolla”.

Co fin de establecer un sistema de control eficaz para a produción, tratamento, distribución e importación de produtos alimentarios, tras unha serie de alertas sanitarias en diferentes países da Unión Europea, a Comisión Europea decretou unha serie de medidas, recollidas no Regulamento (CE) 178/2002 do Parlamento Europeo e Consello de 28 de xaneiro de 2002, entre as cales se atopa o sistema de trazabilidade.

Este sistema recolle a traxectoria que seguiu un determinado produto, desde os seus inicios e ata ser adquirido polo cliente. Por tanto, pódese afirmar que a trazabilidade é algo así como o historial dun produto, o cal é diferente en función do produto do que se trate, pois a trazabilidade dun produto agrícola difire da dun produto cárnico ou un pesqueiro.

Ademais dos distintos tipos de carne, dos produtos agrícolas e do peixe, tamén contan cun sistema de trazabilidade alimentos tales como os ovos, a comida rápida, os alimentos con denominación de orixe e os produtos relativos á alimentación ecolóxica.

Entre a información que queda rexistrada grazas a este sistema, atópanse as distintas etapas de produción, distribución e importación. A través da información que achega este historial, é posible saber cales foron os procesos que seguiu o alimento e quen o manipularon en cada momento. Deste xeito, lógrase identificar con rapidez e claridade aquela etapa na que se puideron incumprir as diferentes normativas que recaen sobre a produción e manipulación de alimentos, o cal é de vital importancia á hora de establecer as causas e os responsables das hipotéticas intoxicacións ou os brotes de contaminación.

Daquela, a trazabilidade eríxese como a mellor ferramenta tanto para o control dos alimentos como para fomentar a confianza dos consumidores naqueles produtos que van consumir.

 

a trazabilidade eríxese como a mellor ferramenta tanto para o control dos alimentos como para fomentar a confianza dos consumidores naqueles produtos que van consumir

Principais beneficios

A trazabilidade alimentaria ten múltiples beneficios para o sector agroalimentario e para a sociedade en xeral. Seguindo a información de  Zerya, citamos os seguintes:

  •  O control dos patóxenos: a trazabilidade permite detectar e localizar rapidamente a fonte dunha posible contaminación ou infección por axentes patóxenos, como bacterias, virus ou parasitos, que poidan causar enfermidades transmitidas polos alimentos. Desta forma, pódese actuar con rapidez para retirar os produtos afectados do mercado e evitar a súa propagación.
  •  Saber o que comemos: a trazabilidade ofrécenos información sobre a orixe, a composición e o tratamento dos alimentos que consumimos, o que nos permite elixir con maior criterio e confianza. Así, podemos coñecer aspectos como o país ou a rexión de procedencia, as condicións de produción ou transporte, os ingredientes ou aditivos utilizados, as datas de elaboración ou caducidade etc.
  •  Coñecer a calidade dun produto: a trazabilidade tamén nos axuda a valorar a calidade dun produto en función das súas características organolépticas, nutricionais ou sanitarias. Ademais, permítenos identificar e diferenciar os produtos que contan con algún distintivo de calidade, coma as denominacións de orixe protexidas (DOP), as indicacións xeográficas protexidas (IXP) ou as especialidades tradicionais garantidas (ETG).
  •  Mellorar a competitividade do sector: a trazabilidade supón unha vantaxe competitiva para as empresas alimentarias que a aplican correctamente, xa que lles permite mellorar a súa eficiencia, optimizar os seus procesos produtivos, reducir os seus custos operativos, aumentar a súa reputación e fidelizar os seus clientes. Así mesmo, facilítalles o acceso a novos mercados nacionais e internacionais que esixen altos estándares de calidade e seguridade alimentaria.

O control nos alimentos eco

No relativo ás medidas de control, en España regulouse o control da produción de alimentos ecolóxicos en 1989, a través da aprobación do Regulamento da Denominación Xenérica “agricultura ecolóxica”, que foi substituído polo Regulamento (CEE) 2092/91. Desde o 14 de xuño de 2018 está regulada polo Regulamento (UE) 2018/848, que substitúe ao 834/2007, o cal derrogou, á súa vez, ao Regulamento (CEE) 2092/91.

Son os Estados membros os encargados de determinar a natureza e frecuencia dos controis, con base nunha avaliación do risco de infraccións e son responsables da supervisión dos devanditos controis, mesmo téndoos delegado noutros organismos.

Respecto á etiquetaxe, establécese dende 2010. A obriga de utilizar o logotipo comunitario que distingue os produtos de alimentación ecolóxica, a indicación do lugar de procedencia das materias primas do produto e facer referencia ao organismo de control que o certifica.

En España, tendo como marco de actuación o citado Regulamento CE 834/2007, son as comunidades autónomas as que teñen asumidas estas competencias en materia de control e certificación da produción ecolóxica.

  • Existen diferentes ferramentas tecnolóxicas que facilitan a xestión e o intercambio de datos sobre a trazabilidade alimentaria, coma os códigos de barras, os códigos QR, os sistemas RFID ou as plataformas dixitais. Estas ferramentas permiten axilizar e automatizar o seguimento dos produtos.

Saber máis…

Consulta a guía para a aplicación do sistema de trazabilidade na empresa agroalimentaria da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan).

Fontes consultadas

l Trazabilidad de los alimentos, la seguridad del campo a la mesa (bioecoactual.com) 

l https://www.zerya.org/es/articulos/implicaciones-de-la-trazabilidad-su-importancia-e-implementacion-en-el-dentro-de-la-industria-agroalimentaria/ 

l https://www.delsys.net/3-consejos-para-evaluar-tu-sistema-de-trazabilidad/  

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.