• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Leo Bellas, de Lenatt: “A vantaxe do produto ecolóxico certificado é que tes un selo que te avala”

O matrimonio formado por Leo Bellas e Nanda Pérez fundou Lenatt en 2022, unha pequena empresa dedicada á elaboración de cremas de froitos secos, granolas e snacks. A sede está en Cambre (A Coruña). Nesta entrevista, Leo cóntanos como xurdiu o proxecto, fala dos produtos que ofrecen e da importancia de apostar pola produción ecolóxica.

 

 

Como naceu Lenatt? 

Nós xa eramos consumidores desde hai moito tempo e moitos anos de produtos ecolóxicos. As cremas faciámolas para nós e para os nenos na casa, co cal xa eramos coñecedores e consumidores de produto ecolóxico.

Cando chegou a pandemia, reinventámonos e decidimos darlle un xiro á vida. Aí empezamos a xestar o que era o proxecto de Lenatt. De feito, os amigos dicíannos “Por que non o profesionalizades? Por que non facedes isto que está boísimo e o vendedes?”. E así foi. Lanzamos o noso produto ao mercado a finais do 2022, xa coa certificación do Craega. 

 

Que produtos tedes en ecolóxico?

Empezamos con catro referencias a finais de 2022, comezando pola crema de cacahuete picante, nova en España, e despois dúas cremas máis elaboradas, que eran de améndoa, canela e limón, e de cacao, laranxa e abelás. Esas dúas cremas están premiadas internacionalmente en Londres. Despois, fomos aumentando a petición popular a gama de produtos. De feito, temos unha crema con abelá, dátil e cacao, que funciona moi ben. Temos outra con avelá e chocolate branco, que está gustando moitísimo. Máis adiante decidimos incrementar a gama de produtos e introducimos as granolas. De feito, en dúas das variedades que utilizamos, empregamos as froitas deshidratadas de compañeiros nosos do Craega, de Trasdeza Natur. 

Cal é a importancia que ten producir en ecolóxico e contar coa certificación do Craega? 

A vantaxe que ofrece o produto ecolóxico é que tes un produto que é sostible, que ten o compromiso co medio ambiente, e non tanto greenwashing como hai polo mundo adiante, que todo mundo di que ten un produto ecolóxico cando non o é. Entón, tes unha certificación e un selo europeo que te avala. Iso vai na calidade do produto e, sobre todo, é un produto moito máis san. 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.