fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Os produtos ecolóxicos conquistan padais en Xantar 2022

 

 

Ourense acolleu a 23.ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar do 9 ao 13 de novembro. O evento congregou 165 expositores 8 restaurantes que atraeron a 16.000 visitantes.

Os produtos ecolóxicos galegos certificados polo Craega tamén tiveron presenza neste evento. En concreto, o xoves, dentro do programa de Experiencias de Calidade que ofreceu a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o chef Martín Mantilla, do restaurante Berso (Sober, Lugo), elaborou un menú con diferentes alimentos eco, mentres que Juan Ramón Díaz, do Departamento de Promoción do Consello, explicou a importancia da certificación e o valor engadido que lles dá  a estas elaboracións.

Pola tarde, como parte da programación da Consellería do Mar, tivo lugar a actividade “Galicia sabe a mar: Ecolóxicos a mares”. Nela, a cociñeira Begoña Vázquez, do restaurante Regueiro da Cova (Verín, Ourense), preparou un menú con produtos do mar, que estivo acompañado por viño ecolóxico. Durante a sesión, Díaz expuxo o crecemento que ten a acuicultura ecolóxica en Galicia e como traballan desde o Consello para potenciala.

MÁIS INVESTIMENTO PARA OS PRODUTOS GALEGOS DE CALIDADE

Como é habitual nas últimas edicións, o domingo é o día dedicado ao Medio Rural, polo que contou coa presenza do conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, que acudiu a clausurar o evento e aproveitou para anunciar que en 2023 investirán máis de 5,4 millóns de euros na promoción dos produtos galegos de calidade, aqueles incluídos nas “Experiencias de Calidade” e que son os recoñecidos con algún selo de garantía como a denominación de orixe, a indicación xeográfica protexida ou o de produción ecolóxica.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.