fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega, entre os 19 proxectos presentados no III Foro de innovación produtiva do sector agrario

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, acolleu onte o III Foro de innovación produtiva do sector agrario, organizado pola Consellería do Medio Rural co obxectivo de seleccionar aqueles proxectos que se identifiquen cunha clara vocación de transferencia cara ao sector agroalimentario galego, é dicir, coa finalidade de trasladar ao ámbito produtivo innovacións e melloras que necesita para incrementar a súa competitividade.

 

Durante todo o día, un comité de selección, presidido polo director xeral da Axencia da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, avaliou os diversos proxectos, que foron presentados polos seus promotores nun formato áxil (dispoñían dun máximo de dez minutos), para seleccionar ata tres que merecesen unha mención especial pola súa clara vocación de transferencia cara ao sector agroalimentario galego.

Para avalialos tiveron en conta algunhas cuestións, como o seu ámbito territorial, o problema que se pretende resolver ou a mellora que se busca, a aplicabilidade ao sector produtivo do rural galego e os obxectivos de desenvolvemento sostible que resolve, entre outros.

En total, valoráronse 19 proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, aprobados na convocatoria do ano 2020 e que podían desenvolverse ata o ano 2022. Entre eles, foron expostas diversas iniciativas vinculadas á posta en valor de produtos galegos a través da cociña retornada o a elaboración sostible de paneis para xardinería vertical, entre outros.

OS BENEFICIOS DO BAGAZO DE OLIVA ECO NA CALIDADE DA CARNE, A PROPOSTA DO CRAEGA

O propio Craega presentou o traballo de investigación iniciado en 2020 que leva o título de “Aproveitamento de subprodutos da industria da oliva para a obtención de produtos cárnicos”, un proxecto en colaboración co Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca) e coa gandería lucense Lebaste SC (O Incio).

O obxectivo deste proxecto é estudar o efecto da adición de bagazo de oliva ecolóxico na dieta de acabado sobre  a calidade da carne e da graxa dos porcos de ceba que produce a gandería Lebaste SC, medindo os parámetros fisicoquímicos, o perfil de ácidos graxos, os niveis de colesterol e a análise sensorial das mostras obtidas dos porcos cebados con catro grupos, nos que se variaba a cantidade de subproducto de oliva na alimentación.  

Entre os beneficios obtidos cos resultados salientan o de dispoñer de produtos cárnicos diferenciais cun perfil de ácidos graxos máis saudables, dado que actualmente o mercado da carne de porco demanda produtos cunha alta calidade nutricional, diminuír os custos de alimentación e diminuír o impacto ambiental.

OUTROS PROXECTOS ECO: TRASDEZA NATUR E CARABUÑAS

Ademais do Craega, no Foro participaron coa presentación de proxectos vinculados á produción ecolóxica os nosos operadores Trasdeza Natur, da man de María José Tallón, que defendeu o proxecto “Optimización dos procesos de deshidratación de froitas e  hortalizas mediante tecnoloxías renovables”, e a empresa ourensá Carabuñas, que deu a coñecer o estudo titulado “O sabugueiro como recurso alimentario”.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.