fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Ibán Vázquez: “Puidemos constatar que a demanda de produtos eco se está a incrementar moito nos últimos anos, incluso nun contexto de pandemia ou de crise económica”

Ibán Vázquez é profesor contratado doutor no departamento de Economía Aplicada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra. Tamén é membro do grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela GI-1899 ECOAGRASOC.  Nesta conversa que mantivemos con el, fálanos dalgunhas das conclusións extraídas a raíz das súas investigacións con respecto á produción en ecolóxico, entre outros asuntos.

 

En que momento xurdiu o teu interese por analizar e estudar temas relacionados coa produción e os alimentos ecolóxicos?

A finais do ano 2018, tras acceder ao posto de profesor de Economía Agraria na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría en Lugo. O grupo de investigación ECOAGRASOC da USC (GI-1899) ao que pertenzo, Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social, iniciou no 2019 unha nova liña de investigación encamiñada ao desenvolvemento de mercados baseados en modelos de produción de calidade diferenciada, como o é a agricultura ecolóxica e os manexos agroecolóxicos. A finalidade desta liña é caracterizar a estrutura produtiva e socioeconómica das explotacións agroecolóxicas galegas, analizar a súa viabilidade e fomentar a súa adopción, ademais de indagar en aspectos relacionados co consumo de produtos ecolóxicos.

A cantidade de estudos baseados coa produción en ecolóxico aumentou co paso do tempo? Aínda queda moito por avanzar?

Nun traballo realizado sobre o futuro da agricultura ecolóxica galega no marco do Pacto Verde Europeo, elaborado conxuntamente cos profesores da USC Mar Pérez e David Soto para o Foro Económico de Galicia (37/2022), evidénciase que este tipo de estudos en Galicia tivo, ata agora, pouca atención académica e pública. Máis alá dos informes anuais publicados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e algúns traballos sobre aspectos específicos, apenas existen publicacións recentes sobre este tema.

Que aspectos relacionados coa agricultura e coa produción en ecolóxico puideches analizar nos teus artigos publicados?

No caso do vacún de leite en Galicia no ano 2019 analizamos a súa estrutura produtiva e socioeconómica, identificamos os principais motivantes e limitantes que xurdiron no proceso de reconversión e determinamos o nivel de satisfacción dos gandeiros con diversos factores. Logo, no ano 2022, volvemos a entrevistar as mesmas ganderías para coñecer a súa evolución recente nun contexto marcado por unha pandemia e elevadas volatilidades de mercado.

A finais do ano 2019 participei na realización dunha enquisa a 179 consumidores para determinar os hábitos de consumo dos produtos ecolóxicos na provincia de Lugo. Determinouse o grao de coñecemento dos consumidores sobre os produtos ecolóxicos, identificaronse aquelas variables que afectan o consumo e a decisión de compra así como a disposición ao pago para tres produtos (leite, carne de tenreira e mazá), variando os atributos de sistema de produción, orixe e prezo.

Entre o ano 2020 e o 2021 realizamos no marco da agrupación estratéxica Biorredes unha análise do contexto agroecolóxico do trigo e pan do país en Galicia xunto cunha análise económica comparativa da produción de trigo ecolóxico coa variedade autóctona Caaveiro fronte o trigo convencional, cuxos principais resultados se plasman nunha monografía publicada recentemente polo Ibader: “Dende a produción á panificación do trigo galego Caaveiro en cultivo ecolóxico vs. Convencional”.

No ano 2022 incrementouse a actividade investigadora nesta liña de investigación. En primeiro lugar, cunha análise pormenorizada da agricultura ecolóxica en Galicia no marco do Pacto Verde Europeo, presentado no foro económico de Galicia 2022. Neste documento tratáronse aspectos relativos á agricultura ecolóxica no contexto das novas estratexias da Unión Europea e analizáronse as políticas públicas de apoio e a evolución da agricultura ecolóxica en Galicia. Unha segunda actividade de investigación, na que participamos os membros do grupo ECOAGRASOC do campus de Lugo, enmárcase nun grupo operativo autonómico para fomentar sistemas economicamente viables e sustentables de produción de vacún de carne a pasto;  a nosa participación consiste en analizar os datos de xestión técnico-económica de dous anos (2022 e 2023) para identificar tipoloxías de granxas segundo a rendibilidade económica e determinar aspectos que inflúen nela. Unha terceira actividade é a participación no proxecto de investigación nacional (2022-2025), liderado polo profesor da USC David Soto Fernández, investigador do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, implicados no proxecto ‘Paisaxes agroecolóxicas e sistemas alimentarios: pasado, presente e transicións futuras’ (Agroecoland), que trata de contribuír á transición agroecolóxica mediante a exploración da viabilidade biofísica, socioeconómica e agroambiental e de ampliar a agricultura ecolóxica mediante o deseño de paisaxes agroecolóxicas.

Que características debe ter unha explotación de vacún leiteira para considerarse como ecolóxica?

Unha explotación de vacún de leite, para poder considerarse ecolóxica, debe cumprir cunha serie de características establecidas por normativa. A certificación da produción ecolóxica está regulada a través do regulamento da UE 2018/848. Algunhas das características máis destacadas son:

– Os animais teñen que consumir alimentos 100 % ecolóxicos.

– Alimentación non forzada, baseada en aproveitamento forraxeiro (60 % mínimo, con pastoreo diario agás que as condicións climatolóxicas o impidan).

– Limitación de tratamentos veterinarios (antibióticos, 3 tratamentos anuais) e duplicar tempo de espera de calquera medicamento.

– Limitación da carga gandeira a dúas vacas por hectárea e prohibición de todo tipo de prácticas intensivas.

– Tempo de conversión de 2 anos (gando, 6 meses).

– Fincas libres de herbicidas e insecticidas.

– Abonos ecolóxicos.

Que acollida teñen as ganderías ecolóxicas de vacún leiteiro en Galicia? O número deste tipo de granxas vai crecendo co paso do tempo?

Galicia é a principal rexión do estado en produción de leite de vacún ecolóxico, pois as 120 ganderías certificadas no ano 2021 supoñen o 50,2 % do total do conxunto do estado e producen o 50,8 % do leite ecolóxico.

Entre o ano 2003 e o 2021 as ganderías ecolóxicas de vacún leiteiro incrementaron de forma importante o seu peso, pasando de representar o 16 % do total de explotacións gandeiras ecolóxicas ao 27 % do total no ano 2021. A partir do ano 2015 produciuse un incremento moi importante do número de ganderías certificadas, coincidindo coa entrada no ano 2016 dun novo operador de leite (Leite Celta), o cal parece propiciar a alza dos prezos do leite e estimular a reconversión. Porén, dende o ano 2019, con 119 ganderías, observamos un estancamento no número, o cal parece atender a factores de mercado como a alza dos custes, en especial do concentrado, e a redución do diferencial de prezos do leite ente convencional e ecolóxico.

Un dos teus artigos publicados céntrase nos hábitos de consumo dos produtos ecolóxicos na provincia de Lugo. Que conclusións puideches extraer? Cres que o consumo de alimentos eco está aumentando cos anos?

Antes de comentar as principais conclusións, gustaríame comentar que este artigo se elaborou a partires do traballo de fin de grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria do alumno Victor Argul, codirixido conxuntamente coa profesora Belén Díaz da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo. Algo salientable do mesmo foi a mostraxe, tanto en número de consumidores entrevistados (177) como pola súa representatividade, pois entrevistáronse en tres tipos de establecementos comerciais (supermecado, hipermercado e tenda especializada), para seis estratos de poboación en función do sexo e idade.

As principais conclusións foron:

– O perfil de consumidor de produtos ecolóxicos destaca pola maior formación académica, maiores ingresos familiares e un estilo de vida máis saudable.

– A práctica totalidade dos entrevistados afirma saber o que é un produto ecolóxico, porén, hai un menor grao de coñecemento na identificación do etiquetado.

– Un 80% dos entrevistados afirma ter consumido produtos ecolóxicos. Entre os motivos de consumo, destaca a saúde ou a preocupación polo medio ambiente. A maior frecuencia de consumo é unha vez por semana e o produto máis consumido son as froitas e verduras.

– Unha parte significativa das persoas que non consumen produtos ecolóxicos argumenta que o fai polo seu maior prezo e por dispoñer de produción propia de alimentos.

– Os atributos aos que o consumidor presta unha maior atención á hora de comprar produtos ecolóxicos son a procedencia e tamén o prezo. Considéranse menos relevantes o selo de calidade diferenciada e o aspecto visual do produto ou do establecemento.

– No experimento de elección para investigar que atributo (procedencia, prezo ou sistema de produción) ten maior relevancia na decisión de compra de tres posibles produtos (leite, carne de vacún e mazás), a orixe galega tivo unha maior preferencia por riba de atributos coma o prezo e o sistema de produción (eco vs. Convencional).

– Existe unha maior disposición ao pago por produtos ecolóxicos, de media un 44 %, sendo maior no caso das froitas e en tendas especializadas.

En relación a se o consumo de alimentos eco aumentou co paso dos anos, no estudo presentado no 2022 no Foro Económico de Galicia, puidemos constatar como a demanda se está a incrementar moito nos últimos anos, incluso nun contexto de pandemia ou de crise económica. Polo tanto, vemos que o problema non é tanto a demanda, senón que a oferta, que non é capaz satisfacer a demanda de determinados tipos de produtos ecolóxicos, como por exemplo, as producións vexetais ou mesmo a carne de vacún.

Como explicarías á sociedade en xeral a importancia da produción en ecolóxico?

A produción en ecolóxico ten unha serie de beneficios con respecto aos produtos convencionais, como por exemplo que son producións máis saudables, respectuosas co medio ambiente, coa sociedade e co benestar animal, nos que os produtores teñen unha maior contribución na cadea de valor sobre o prezo final do produto; tamén son produtos de maior calidade e incluso, tal e como evidenciamos no estudo comparativo do trigo ecolóxico fronte ao convencional, poden ter unha maior rendibilidade económica fronte os convencionais. Ademais, as prácticas deste modelo produtivo están aliñadas cos postulados recollidos no Pacto Verde Europeo, tal e como se coñece a estratexia ou paquete de medidas políticas impulsadas desde a UE para avanzar cara a transición ecolóxica e a neutralidade enerxética. Os obxectivos do Pacto Verde para 2030 contemplan, entre outros retos, que a cuarta parte da superficie cultivada respecte ou se rexa polo modelo de produción en ecolóxico, ademais dunha redución do 50 % de fitosanitarios e antimicrobianos. A diminución nun 20% do emprego de fertilizantes e o incremento nun 10% de elementos paisaxísticos de calidade son outras das recomendacións pautadas no Pacto Verde.

Creo que se fan necesarias políticas de promoción e de fomento do consumo, que contribúan ao control e á dinamización do comercio de produtos en ecolóxico, destacando a importancia das compras públicas para introducir este tipo de produtos sustentables e saudables en colectividades e comedores comunitarios, a fin de xeneralizar o consumo e estimular a demanda deste tipo de produtos de calidade.

“Son producións máis saudables, respectuosas co medio ambiente, coa sociedade e co benestar animal”

Fálase moito ultimamente sobre o hándicap da alimentación ecolóxica, de que é máis cara que a convencional. Isto podería considerarse como un mito ou é unha realidade?

Efectivamente, tal e coma puido constatar Victor Argul no seu traballo de fin de grao, que manexou dúas fontes de información, os produtos ecolóxicos son máis caros que os convencionais; esta diferenza increméntase no caso de produtos básicos, como poden ser o arroz, o iogur ou ovos, cuxo prezo se duplica. En cambio, noutras categorías coma os viños ou o aceite de oliva, observamos menores diferenzas en prezos.

O maior prezo xustifícase na perda de rendementos produtivos fronte á produción convencional e, nalgúns casos, custos que poden ser superiores.

Outro tema de actualidade que comentabas antes é o Plan Verde Europeo co obxectivo que se marcan para 2030 en canto á produción ecolóxica: que o 25 % das terras agrícolas de Europa estean en produción ecolóxica, así como a redución dun 50 % do uso dos praguicidas químicos máis perigosos. Que opinas sobre as posibilidades reais de que en España e en Galicia se acade esta meta?

As cifras mais recentes para o conxunto de España sitúanse da orde do 11 % de superficie certificada baixo medios de produción ecolóxica e no caso galego a cifra é máis baixa, da orde do 5 %, pese a subida importante da superficie certificada no ano 2022. No conxunto do estado hai rexións que si cumprirían ou estarían próximas a acadar este obxectivo, como Cataluña, Andalucía, Murcia ou a Comunidade Valenciana; non obstante, para o caso galego, tal meta véxoa moi difícil de cumprir.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.