• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Julio Mato, chef I+D en Culinaria: “A certificación do Craega garante a orixe, a calidade dos alimentos e o xeito no que se producen”

Julio Mato forma parte do Departamento de I+D de Culinaria, unha empresa de alimentación, e traballa como cociñeiro nun programa de televisión. Hai uns anos que, dende Culinaria, comezaron a utilizar produtos ecolóxicos certificados e, nesta entrevista, Julio cóntanos como foi evolucionando este proxecto co paso do tempo e cal é a súa opinión sobre a alimentación ecolóxica.

 

Como foi a túa traxectoria profesional?

Estudei no País Vasco, en San Sebastián. Son técnico superior en restauración. Botei catro anos en San Sebastián en diferentes restaurantes, nove anos en Pamplona e, hai dezanove, vin para aquí. Levo case trinta anos dirixindo cociñas. 

En que consiste o proxecto de Culinaria?

Culinaria naceu como unha empresa de servizos de restauración para colectividades, basicamente. Desde hai uns cinco anos, metémonos no mercado da quinta gama. Temos unha produción semanal bastante potente de produto rematado para tendas e supermercados. Adicionalmente, estamos metendo o pé, pouquiño a pouco, na artesanía alimentaria, facendo produtos algo máis exclusivos, tanto en ecolóxico coma de quilómetro cero, que pensamos que é cara onde tira o mercado. 

Que beneficios nos outorga para a nosa saúde escoller alimentos ecolóxicos?

Basicamente, é volver ao que xa comían os nosos avós e os nosos pais cando eran cativos, pero neste caso cunha certificación, que antes non existía, porque se daba por feito que todos sabían o que lle botaban á terra e o que lle daban de comer aos animais. Nós agora, como dependemos doutro tipo de produtores e criadores, non temos esa certeza. Desta maneira, temos unha trazabilidade que nos garante esa orixe e esa calidade do produto. 

Como poderiamos concienciar máis á poboación sobre a importancia que ten elixir estes alimentos?

Eu faría probas comparando produtos dun mercado global, como é o que temos en todos os supermercados, con produtos ecolóxicos. Faría analíticas de resultados proteínicos e vitamínicos e da presenza de químicos. Despois, faría unha análise, que é fundamental, sobre todo para un restaurante e para unha vivenda, que é dicir: “Canto me custa o que vou comer?”, pero no sentido de ver cantos imos comer con isto que comprei. Se dunha maneira imos comer catro, seguramente da outra comamos seis.

Entón, existe realmente unha diferenza de prezos importante entre os produtos ecolóxicos e os convencionais ou non?

Eu non estou seguro de que haxa tanta diferenza. E, se a hai, non sempre vai a favor do produto convencional. Moitas veces, a diferenza de prezo favorece o produto ecolóxico, porque o rendemento é maior e a fartura que che produce ao comelo tamén é maior. Polo tanto, necesitas menos cantidade para conseguir o mesmo resultado. Entón, por moita diferenza que haxa de prezo, habería que ver con lupa cal é o que é máis caro, tendo en conta todos os factores.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.