• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Esta primavera, escolle mel eco!

Nun mundo cada vez máis preocupado pola saúde, o medio ambiente e a calidade dos alimentos, o mel ecolóxico certificado destaca como unha opción saborosa, saudable e sostible. Neste artigo explicámosvos por que escoller este produto pode marcar a diferenza, tanto para ti coma para o planeta.

 

QUE BENEFICIOS TEN O MEL ECOLÓXICO CERTIFICADO?

  • É rico en antioxidantes naturais coma os flavonoides e os polifenois.
  • Ten propiedades antibacterianas e antimicrobianas.
  • Conserva as súas enzimas e nutrientes intactos ao non ser pasteurizado.
  • Axuda a fortalecer o sistema inmunolóxico.
  • Non contén residuos de pesticidas nin químicos sintéticos.
  • Pode aliviar dores de gorxa e mellorar a dixestión.

O mel ecolóxico certificado obtense de colmeas situadas en contornas libres de contaminación, lonxe de cultivos tratados con pesticidas ou herbicidas sintéticos. As abellas aliméntanse exclusivamente de néctar de flores silvestres ou de agricultura ecolóxica. Isto garante un produto puro, sen residuos químicos nin aditivos.

Ademais, a apicultura ecolóxica segue prácticas que respectan os ciclos naturais das abellas. Non se empregan antibióticos nin produtos sintéticos nas colmeas, e os métodos de extracción do mel son pouco invasivos, o que evita un estrés innecesario para os enxames. Ademais, mantense a cantidade necesaria de mel nas colmeas para asegurar a súa alimentación durante o inverno.

 

COMPROMISO CO MEDIO AMBIENTE E APOIO AO RURAL GALEGO

A produción ecolóxica favorece a biodiversidade e contribúe á conservación dos ecosistemas. As abellas, ademais de producir mel, son fundamentais para a polinización, un proceso vital para o equilibrio dos ecosistemas e a seguridade alimentaria.

Ao consumir mel ecolóxico certificado co selo do Craega, apóiase directamente as pequenas explotacións galegas que apostan por unha apicultura sostible e respectuosa co medio. É unha forma de contribuír á economía local e á preservación do noso medio rural.

En definitiva, escoller mel ecolóxico certificado non é só unha decisión alimentaria: é un xesto de coidado, de conciencia e de respecto. Contribúes á túa saúde, á protección das abellas, á conservación da natureza e ao futuro do noso rural.

 

LEMBRA BUSCAR O SELO

É importante prestar atención ao etiquetado dos alimentos escollidos para asegurarnos de que realmente son ecolóxicos:

  • O logotipo ecolóxico europeo consiste nunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde; este é sempre obrigatorio acompañado do código de control da nosa comunidade autónoma ES-ECO-022-GA.
  • O selo de garantía Craega é a etiqueta que demostra que o alimento foi producido de maneira respectuosa co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. Obtense despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización cumprindo coa normativa do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.