fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Biocultura Galicia 2022, tres días de sinerxias ecolóxicas

Ofrecemos un percorrido polo que foi a terceira edición desta gran feira en Galicia, que por fin puido volver ao seu formato presencial. Organizada pola Asociación Vida Sana e celebrada no pavillón de ExpoCoruña, os días 4, 5 e 6 de marzo xuntáronse na cidade herculina preto de 200 expositores e 11.000 visitantes, cifras semellantes ao ano 2020, xusto antes da pandemia, as cales reafirman a boa saúde do sector.

Neste sentido, os nosos produtores amosáronse moi satisfeitos con esta experiencia por varias razóns: pola visibilidade, polo contacto co público e con outra xente do sector, “o que fai que se avance, se aprenda e se procure mellorar” e, por suposto, pola oportunidade de vender de xeito directo os seus produtos.

Foron un total de 18 empresas galegas certificadas en ecolóxico as que asistiron baixo o paraugas do Craega, que conviviron con cinco postos máis con stand propio, todos eles situados na zona azul, cor que representaba o sector da alimentación. Os visitantes puideron descubrir, e en moitos casos saborear, un sinfín de produtos con selo ecolóxico: conservas vexetais ou de peixe, produtos lácteos ou cárnicos, mel, cervexas, galletas, cafés, infusións, especias, doces, xeados, empanadas…

 

 

INAUGURACIÓN OFICIAL

A feira quedou inaugurada oficialmente o venres 4 ás 12:30 no espazo denominado “Zona Reserva da Biosfera”. Participaron no evento Pilar López, directora de Eventos de ExpoCoruña; Manuel Heredia, presidente do Consello de Dirección desta entidade (Dirección Xeral de Comercio); Ángeles Parra, presidenta da Asociación Vida Sana, organizadora da feira e directora de Biocultura; José Antonio Santiso, presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo; José Luis Cabarcos, director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal, Consellería do Medio Rural); Juan Ignacio Borrego, primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá; José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo e deputado da Deputación da Coruña, Comisión de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible, e Xosé Luis Raposo, deputado da Área de Medio Ambiente da Deputación Provincial de Lugo.

Entre as diversas intervencións, destacamos a de José Luis Cabarcos, quen celebrou o forte crecemento que ten experimentado o sector ecolóxico nos últimos anos. Neste sentido, manifestou que estes datos “reflicten que a produción ecolóxica é unha actividade que xera riqueza e emprego no agro” e incidiu en que “a Xunta seguirá apostando por ela, tanto desde o punto de vista ambiental como desde a perspectiva económica”. Pechou a súa exposición lembrando que os produtores “son os verdadeiros protagonistas da feira”. > Máis información

  RONDA DE VISITAS EN APOIO DO SECTOR

Tras o acto de inauguración, o grupo de autoridades e organizadores da feira achegáronse aos diferentes postos para darlles apoio aos expositores e ás accións de promoción e divulgación programadas.

Pola súa banda, o equipo do programa da TVG Labranza tamén quixo facerse eco deste encontro e visibilizar o traballo do sector, polo que realizou unha ronda de visitas por todos os expositores co selo do Craega, incluíndo o noso propio stand, onde entrevistaron a Francisco L. Valladares, o noso presidente, quen, entre outros aspectos, lembrou a importancia do apoio do Consello ao sector para facer posible a asistencia dos produtores a este tipo de eventos.

Así mesmo, un grupo de influencers asistiu á feira co propósito de realizar tamén promoción dalgúns dos produtos ecolóxicos galegos: @silviafooding, @rogeliosantosqueiruga, @slowlife_slowtime, @engaliciamorate, @enxebreword e @lolaframbuesa.

Rocío Freire, vicepresidenta do Craega, posa co grupo de influencers asistentes á feira

A NOSA PEGADA NO PROGRAMA DE ACTIVIDADES

Ademais dos preto de 200 expositores que amosaron os seus produtos nesta feira (téxtil, cosmética, alimentación, bebidas…), Biocultura programou durante os tres días un amplísimo programa de actividades: música, degustacións de cociña ecolóxica, catas de viños e cervexas, charlas e mesas redondas. No pavillón de ExpoCoruña foron moitas e moi variadas as visitas das persoas interesadas en percorrer os expositores e apuntarse ás diferentes ofertas. O Craega tamén quixo poñer o seu gran de area coa programación de varias actividades.

A continuación, podedes ver algunhas instantáneas dos diferentes eventos nos que participamos:

  • Degustacións

Cata sensorial de viños, cervexas e outros licores ecolóxicos

Javier García, secretario do Consello, participou nesta cata, dirixida por David Pascual, presidente da Asociación Galega de Enólogos. No acto o secretario explicoulles os asistentes cales son os requisitos para poder certificar as viñas en ecolóxico.

Os produtos ecolóxicos galegos son tendencia

Foron tres degustacións conformadas por un menú composto dun produto de mar, outro de terra e unha sobremesa. Na primeira, cociñou Alf Mota (responsable do recetario do proxecto Menudatierra e das degustacións organizadas por Biocultura) e as dúas seguintes estiveron a cargo de Martín Mantilla (restaurante Berso, Sober).

Nos tres casos asistiu Javier García, quen ofreceu unha introdución na que resumiu brevemente en que consiste a certificación do Consello, cales son as características dos produtos ecolóxicos de terra e de mar e resaltou algúns dos seus beneficios, así como as diferenzas existentes respecto da alimentación convencional.

  • Charlas e mesas redondas

Taller de etiquetaxe de produtos ecolóxicos e Taller de consultas, novo regulamento europeo foron dos obradoiros, dirixidos por Manuel María Cancio, director técnico do Craega, e Ana Saiz, directora de Intereco. No segundo obradoiro participou tamén o cociñeiro Alf Mota.

Como aumentar o consumo de produtos ecolóxicos? A introdución dos produtos ecolóxicos nas compras públicas verdes

Nesta mesa redonda participaron Ramón J. Lamelo, responsable do Departamento de Promoción e Calidade Agroalimentaria de Agacal; Belén Rodríguez, coordinadora da Asociación Labregos Ecolóxicos de Galicia; Beatriz Ferreira, directora da Escola Infantil Municipal A Caracola e coordinadora do proxecto Ecocomedores, conxuntamente co GDR de Mariñas Betanzos; Iria Suárez, técnica Asoc. Desenvolvemento Rural Mariñas Betanzos, responsable do proxecto de Ecocomedores da Reserva de Biosfera de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Moderou a mesa Diego Roig (Vida Sana).

Na súa intervención, Lamelo presentou as campañas orientadas a aumentar a presenza da alimentación ecolóxica en diversos espazos, como Come Local, destinada aos máis cativos, ou nas residencias de maiores; así mesmo, fixo referencia á nova Lei de calidade alimentaria e presentou o proxecto de invernadoiros para produción eco nos colexios rurais agrupados.

Mulleres ecoemprendedoras

A produción ecolóxica e a importancia da actividade das mulleres no medio rural galego como motor para evitar a despoboación foron os eixes principais desta mesa redonda, na que participaron Concepción Blanco, vogal do Craega (copropietaria de Casa Bértolo SC), María José Tallón (Trasdeza Natur), Lucía Afonso (Sovoral), Carmen Sánchez (Galuriña), María Isabel González (Traloagro) e Concepción Docampo (explotación agrícola), as cales expuxeron cadanseu proxecto rural e contrastaron as súas experiencias como empresarias no sector.

DESPEDIDA ATA A SEGUINTE EDICIÓN

O Craega dille adeus a esta feira ata a vindeira edición, prevista para marzo de 2023, e despídese orgulloso e satisfeito de formar parte deste evento, cuxo obxectivo primordial é o de darlles apoio e difusión aos seus operadores.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.